Franceses e galos

Publicado: 17 abr 2022 - 05:01

Os nomes xeográficos de hai un par de miles de anos, consérvanse. Imos cos veciños do norte. Xulio César conquistou a Galia, integrada por Bélxica, Francia, Luxemburgo, unha parte de Alemaña e de Suíza e de Italia. Di César que eles se chamaban así mesmo celtas, e á parte da Galia, había outros sitios con nomes e xentes parecidas, Gales, Galicia, etc. E desde fins do imperio asentouse na Galia un pobo xermánico de xentes que se autodenominaban libres, “Franks”, ou sexa, francos. E naceu “Francia” da cinza gala. E na península “franco” máis ca francés foi nome común para o do norte que andaba ceibo polos camiños. Francés e galo hoxe para nós, sinónimos, para non repetirnos. En fin, os nomes Vilafranca, Francos e Francelos veñen de aí. E tamén desa liberdade, pasou a ser sen impostos. Ser franco, na fala, no trato, era positivo. Pero tanto adxectivo como adverbio “franco” e “francamente” tenderon a deixar oco a “sincero” por causa dun que mandou aquí, pois con Franco, con franqueza, a xente non podía opinar francamente. Reviravoltas da lingua.

Contenido patrocinado

stats