Xosé González Martínez
Premios Peña Novo aos compromisos coa lingua
O Distrito 13 de Nova York -Harlem, Washington Heights e parte do Bronx- ven de enfrontar nas primarias do Partido Demócrata ao congresista Adriano Espaillat, cinco mandatos no cargo e presidente do Caucus Hispano, con Darializa Avila Chevalier, activista de base de 32 anos graduada en Columbia, onde investigou sobre violencias sexuais e traballou na defensa de inmigrantes negros latinoamericanos ameazados de deportación. Avila leva máis dunha década nos movementos sociais do norte de Manhattan, primeiro nas loitas contra os desafiuzamentos e despois nas protestas estudantís pola guerra de Gaza. Non é unha candidata esóxena, senón unha dinamizadora con fondas raíces no territorio que disputa. É o tipo de figura que as forzas progresistas saben que deben proxectar para reconectar coas súas bases. Por iso Espaillat non buscou rebatela con propostas. Buscou destruíla.
O alcalde Zohran Mamdani, que en 2025 derrotara ao exgobernador Andrew Cuomo por doce puntos nunhas primarias que o establishment daba por gañada, respaldou abertamente a Avila para renovar os representantes demócratas de Nova York no Congreso. A súa aposta non é persoal. É a continuación dunha estratexia para transformar un partido que na Gran Mazá segue controlado por veteranos con décadas no cargo ou os seus elixidos a dedo, redes clientelares e financiamentos de grandes doantes inmobiliarios e comités de acción política. Avila rexeitou ese diñeiro e construíu a súa campaña sobre pequenas achegas e traballo de rúa. Esa era a ameaza que Espaillat percibiu, unha candidatura que non dependía das estruturas que el controla, e a súa reacción reproduciu, unha por unha, técnicas tomadas do repertorio de Donald Trump.
A identidade da rival é un dos focos de ataque máis primarios. Ambos candidatos son orixinarios da República Dominicana, pero Avila Chevalier é negra e o seu apelido ten reminiscencias haitianas. O aparello aproveitou esa ambigüidade para poñer en dúbida a súa autenticidade dominicana. Un antigo asesor de Espaillat cuestionou a súa orixe e seareiros anónimos asediárona nas redes negándolle esa procedencia como insulto, para presentala como allea á comunidade. É o birtherism, a mesma técnica empregada contra Barack Obama ou, neste ciclo, contra o propio Mamdani por ser musulmán e de orixe ugandesa. Avila tamén foi acusada de xentrificación. A xoven representa aos veciños expulsados pola subida dos alugueiros, pero Espaillat deu a volta ao argumento e presentouna como causante do problema, forasteira chegada para encarecer un barrio no que, segundo el, non tiña raíces.
O trumpismo non é patrimonio da dereita. É un método que calquera aparello reproduce cando sente que o control escapa
Alén das orixes, nos debates Espaillat ridiculizou a formación académica da candidata, lembrándolle que o Congreso non era un programa de doutoramento, xusto cando ela falaba da deportación, o seu campo de traballo. O coñecemento experto vólvese sospeitoso en canto cuestiona as certezas de quen leva décadas no cargo e converte os estudos nun defecto, nun signo de elitismo afastado da rúa. O anti-intelectualismo que a dereita radical practica desde hai anos reapareceu nunha primaria demócrata, no corazón dunha cidade que presume de aberta e cosmopolita. A iso sumouse un paternalismo sostido durante toda a campaña, cun ton que mesturaba condescendencia e sexismo pouco velado, o tipo de actitude que tería xerado semanas de cobertura crítica se viñese dun republicano. As grandes figuras do feminismo do aparello, tan expeditas noutras ocasións, gardaron silencio.
En Zur Soziologie des Parteiwesens (Sobre a socioloxía dos partidos), publicado en 1911, Robert Michels analizou os partidos socialistas europeos e chegou a unha conclusión que incomodou á esquerda da época. Sostiña que todas as organizacións, incluídas as que proclaman a democracia interna e a participación da militancia, tenden a xerar elites dirixentes cuxo obxectivo deixa de ser a xente que din representar e pasa a ser a súa propia perpetuación. Chamoulle “lei de ferro da oligarquía” e documentouna nos partidos obreiros alemáns, que combinaban retórica revolucionaria con estruturas de poder fondamente xerárquicas. O caso de Harlem confirma ese diagnóstico máis dun século despois. Os alugueiros disparados e os veciños expulsados xeraron un malestar que Espaillat, no cargo desde 2017, non soubo ou non quixo encauzar. Avila Chevalier canalizouno, e o aparello respondeu atacando a mensaxeira en lugar de escoitar a mensaxe.
Medio ano despois de tomar posesión, Mamdani converteuse no símbolo dunha reconfiguración do partido desde abaixo que os adversarios internos non souberon deter con argumentos nin con xestión. O que a campaña de Espaillat demostra é que o trumpismo non é patrimonio da dereita. É un método que calquera aparello reproduce cando sente que o control escapa, atacando as orixes do rival, polarizando as bases, establecendo lóxicas amigo-inimigo, ridiculizando o coñecemento e silenciando a disidencia. Os partidos que se reclaman progresistas non están vacinados contra ese reflexo, e cando o adoptan revelan que a defensa do poder propio pesa máis que os principios que invocan. Aínda así, Avila impúxose a Espaillat por unha marxe estreita, proba de que o aparello non sempre gaña e de que a coherencia ideolóxica aínda move votos. O combate contra o autoritarismo empeza dentro de cada organización. En Harlem acaban de lembrárnolo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último