O galego e Europa

Publicado: 31 may 2025 - 02:15

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Pois aínda que a case ninguén lle importe un pito, estes días vén de estar sobre a mesa a cuestión das nosas “outras linguas” en Europa. O tema de se o catalán, o vasco e o galego deben ser linguas oficiais da Unión Europa en igualdade coas propias dos estados. A cousa, como saben, vén dunha indicación dos socios cataláns do goberno de España ao que os políticos europeos lle deron para atrás. Sobre se é convencemento, necesidade ou necidade do goberno central, hai opinións.

A min, a verdade, non me ilusiona o tema. Porque se alguén pensa que o futuro do galego ten a mínima relación coa súa consideración semellante ao maltés ou eslovaco na Unión Europea é que, con perdón, non sabe ler o país e só “xoga ao arrimado” cos cataláns. A nosa historia é ben distinta. Para ben e para mal. O futuro do galego decídese, estritamente, na familia, nas nosas casas, parques e rúas. Medios, escola, leis e xustiza poden axudar... pero pouco. Con Franco, nin medios nin escola nin farrapo de gaitas e falábase máis. Hoxe a raíz do problema é que unha sociedade en cambio acelerado entre os síntomas de modernidade non inclúe o compromiso radical -de raíz- coa lingua e cultura do país. E isto é no que hai que pór o foco. A min gustaríame, por exemplo, un ensino todo en galego -agás o estudo doutras linguas- porque ao seren galego e castelán próximos, non hai problema de comprensión para os nenos castelán falantes -os nenos son esponxas- e agora que se esvae o mundo dos avós das aldeas, deberiamos ver como unha sorte marabillosa un espazo blindado que reforzase a vella fala nosa. O castelán, inercia social e escola, estaría tamén, de seu, no seu repertorio. E xa está. Sen máis complicación.

Os luxemburgueses, que usan todos na casa a súa propia, falan tamén todos francés, alemán e inglés... non teñen o cu de palla e tanto lles ten.

Ademais o galego é unha lingua europea, coma todas as do continente. Cada unha no seu sitio. E moitos usamos tamén outras para entendérmonos fóra; linguas francas que por historia -xulgala é inútil- están ao noso dispor; castelán e portugués, inicialmente para nós. A esaxeración da Unión Europa contraponse á estreiteza do Consello de Europa. Este último organismo, formado por 48 países, só ten dúas linguas oficiais: inglés e francés. A Unión Europea ten arestora 24 linguas de traballo e gastou en 2024 uns 1.123 millóns de euros en servizos de tradución e interpretación. Entrementres, o Parlamento Europeo gastou aproximadamente, 1/3 do seu orzamento no tema, máis de cen millóns de euros. As vinte e catro linguas de traballo da Unión Europea, son, por orde de aparición, alemán, neerlandés, italiano e francés (1958); danés e inglés (1973); grego (1981); español e portugués (1986); finés e sueco (1995); checo, eslovaco, esloveno, estonio, húngaro, lituano, letón, maltés, polaco (2004); búlgaro, irlandés, romanés (2007); croata (2013)... e usa tres alfabetos (latino, grego e cirílico). Ben. Á parte destas oficiais, hai unhas sesenta máis rexionais ou minoritarias en base aos estados. Aí estarían galego, vasco e catalán, pero tamén luxemburgués, bretón, corso, romaní, yidish, provenzal, occitano, lapón, frisón, ladino, etc. Entre estas, as que mellor status teñen, sen dúbida, son as nosas, -ensino, medios, oficialidade, uso extenso- e desde 2006 un cidadán pode relacionarse coas institucións europeas nelas. Os luxemburgueses, que usan todos na casa a súa propia, falan tamén todos francés, alemán e inglés... non teñen o cu de palla e tanto lles ten.

En fin, o tema é complicado porque son malas de casar tres cousas: o respecto pola diversidade, raíz da identidade europea; a racionalidade comunicativa; e manter o tema baixo control económico. Realmente eu non vexo a necesidade de que aos nosos deputados lles traduzan polo pinganillo os discursos dos outros ao galego. Deben eles ter nivel e falar varias linguas internacionais para mellor volver por nós. Nunca mandaría un deputado que só soubese falar galego. Nin a Madrid. E como mostra de aprecio e respecto da UE pola diversidade, faría publicidade e edición de tratados en todas as linguas, etc. pero como de traballo, escollería só dúas linguas latinas, dúas xermánicas e unha eslava. E vai que arde. Respecto e apoio á diversidade, máxima. Ciscar cartos e complicar a vida, o menos posible.

Contenido patrocinado

stats