O gasto por habitante como indicador do declive

Publicado: 22 oct 2026 - 03:10
Presentación Diapositivas Propuesta Proyecto Orgánico Marrón y Beige (80)
Presentación Diapositivas Propuesta Proyecto Orgánico Marrón y Beige (80) | José Paz

Cada outono, co gallo da presentación dos orzamentos, a Xunta recupera o mesmo titular para Ourense. A nosa provincia volve ser a que máis recibe por habitante, e o proxecto para 2027 eleva esa cantidade ata 6.040 euros. O dato repítese en notas e declaracións dos dirixentes populares como proba dunha sorte de trato preferente a un territorio que reclama atención desde hai tempo, e con razón. O monto por habitante agocha tanto como amosa. Convén saber que mide, de onde sae e en que se gasta. Ese exercicio desbota o triunfalismo oficial. Recibimos máis porque precisamos máis, e o asignado segue sen abondar para unha terra que encanece e leva décadas perdendo poboación.

Ourense é unha das provincias máis envellecidas do Estado. Case un de cada tres ourensáns supera os 65 anos e a pensión contributiva media, de 1.027 euros, é a máis baixa de España. Aquí cada servizo público sae máis caro por persoa, porque abundan os maiores e son longas as distancias ata cada veciño. O propio conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, reclama ao Estado un financiamento autonómico que teña en conta o “custo diferencial de prestación dos servizos”. Aplicado a Ourense, ese criterio explica a cifra per cápita. Máis gasto por habitante é, sobre todo, o que custa atender unha poboación avellentada e dispersa. Vendelo como un mérito é disfrazar de xenerosidade unha obriga.

Un orzamento é unha previsión de gasto, non equivale a obra realizada. En Ourense, esa diferenza ilústrase nun edificio que non existe. A nova sede administrativa da Xunta, pensada para reunir nun só inmoble as oficinas autonómicas espalladas pola cidade, aparece nas contas por oitavo ano consecutivo. O solo comprouse en 2021, pero a obra segue sen comezar. San Caetano atribúe o atraso á falta de acordo cos demais propietarios do terreo, unha explicación que, con todo, non vén acompañada de ningunha estimación de prazos. Namentres, a partida figura en cada exercicio, súmase ao gasto territorializado e contribúe a engordar o titular. Prometer non é executar, malia que ambos os verbos adoiten compartir frase.

Lonxe da euforia, a conclusión é que Ourense recibe pouco para o que lle fai falta

Tampouco pensa en Ourense a principal novidade fiscal das contas galegas. A rebaixa de 0,25 puntos no tramo autonómico do IRPF preséntase como un “alivio” para as rendas medias e baixas. Pero rebaixar un imposto só beneficia a quen o paga. Unha persoa xubilada que vive soa e cobra a pensión media ourensá ingresa tan pouco que non paga a parte autonómica do imposto. A rebaixa non lle aforra nin un euro. Só quen tributa por 60.000 euros ou máis aforrará o máximo, arredor de 135 euros ao ano. E a Xunta deixará de recadar 50 millóns que poderían reforzar servizos que tanto cómpren. Nunha poboación de economías tan modestas, o catecismo liberal en materia fiscal beneficia a quen menos axuda require.

Na dependencia, o orzamento destina a meirande parte do incremento ao Bono Coidado no Fogar: uns 417 euros ao mes para que un familiar ou un achegado atenda na casa a quen non pode valerse por si só. Asemade, recorta un 29 % as axudas para pagar unha residencia e un 46 % as destinadas a centros de día. A socióloga italiana Chiara Saraceno chama a isto “familismo apoiado”, cando a Administración, en vez de prestar o servizo, paga á familia para que asuma os coidados. Cando unha residencia privada custa case o dobre da pensión media, hai pouca marxe para elixir. O bono presupón que na casa hai alguén dispoñible. Nunha provincia que viu e ve marchar xeracións de mozos, ese alguén non sempre existe.

Lonxe da euforia, a conclusión é que Ourense recibe pouco para o que lle fai falta. O gasto previsto medra ao mesmo ritmo que no conxunto de Galicia, coma se a provincia máis envellecida tivese as mesmas urxencias que as outras. A sanidade ourensá sobe un 4 %, por debaixo dunha inflación do 5,5 %. Catro de cada cinco euros das contas galegas van a gasto corrente e as grandes obras repiten as de anos anteriores. Nada apunta a un cambio de rumbo nin a políticas para reverter a situación. A provincia non precisa máis anuncios nin administradores do devalo, senón servizos e investimentos que garantan un futuro. É xestión do declive, continuismo amparado polo titular de sempre.

Contenido patrocinado

stats