O home que se fixo a si mesmo

Publicado: 21 ago 2024 - 23:01 Actualizado: 21 ago 2024 - 23:01

Din que foi o home máis guapo do mundo na súa época. Alain Delon, que na realidade seica era Alain Fabien Maurice Marcel Delon Arnold, era guapo a rabiar. Axudouno isto a ser a icona, a estrela do cine, en xeral, e do francés, en particular? Seguro que si, pero tamén é certo que tiña o seu aquel, os seus rexistros interpretativos.

Se o comparamos con outros guapos, digamos americanos, como Marlon Brando, Paul Newman e incluso Robert Redford, pois ó mellor aquí sae perdendo un pouco (aínda que a Redford sempre o verei mellor de director que de actor). Porén, Delon era un gran actor. Un actor medianamente bo non actuaría en clásicos coma “A pleno sol”, “Rocco e os seus irmáns”, “O eclipse” e “O gatopardo”.

Delon pódese dicir que foi o sucesor de Jean Gabin e que a súa imaxe é respectada, tamén temida e seguro que envexada. Converteu en realidade actual a lenda anacrónica do home que se fixo a si mesmo. Foi parella de Romy Schneider, Nathalie Delon, Mireille Darc e Rosalie van Breemen.

Sobreviviu á confesión de relacións con gánsteres e ó escándalo do asasinato do seu gardacostas. Foi conservador, admirador do xeneral De Gaulle e amigo persoal de Jean-Marie Le Pen, o líder da extrema dereita francesa.

Alain Delon naceu en Sceaux o 8 de novembro de 1935, nunha familia da pequena burguesía. Os seus pais divorciáronse e optaron por deixalo nunha casa de acollida. Estivo en varios colexios relixiosos porque se escapou dalgúns e a súa infancia non foi moi alegre que digamos.

Tendo unha infancia triste, ós 16 anos, alistouse na Infantaría de Marina e chegou a participar na guerra de Indochina, onde fixo amigos e onde, máis tarde, confesaría que “non matei a ningún home na guerra... Debín facelo, dadas as circunstancias..., pero alégrome un montón de non chegar a tanto”.

Xa en Francia e licenciado, pasou pola típica etapa de profesións laborais pintorescas ata acabar nunha bohemia abondo escura. Coñeceu entón a un actor con quen foi ó festival de Cannes, onde, sabedor do seu atractivo e cun smóking alugado, frecuentou os ambientes apropiados.

Estes déronlle a posibilidade de traballar no cine, polo que volveu a París e coñeceu ó director Yves Allégret, con quen rodou a súa primeira película “Quand la femme s´en mele” (1957), interpretando a un asasino a soldo. Ó ano seguinte xa rodou “Unha loura perigosa”, “Amoríos” e “Débiles mulleres”. Pese a chegar ó cine coa “nova ola” renovadora do cine francés, Alain Delon permaneceu á marxe deste movemento e traballou cos directores dos filmes citados ou cos seus sucesores sen participar da modernidade.

Fóra de Francia, a súa filmografía dividiuse entre películas comerciais, realizadas por profesionais, e películas de prestixio, dirixidas por clásicos como Michelangelo Antonioni, Luchino Visconti e Joseph Losey. Delon sabía escoller. Non era parvo. A proba é que tivo como as películas máis admirables a “Avaricia”, de Erich von Stroheim; “Alexander Nevski”, de Serguéi Eisenstein; e “O tesouro de Serra Nai”, de John Huston.

A partir dos seus dous primeiros grandes éxitos: “A pleno sol” (1959), de René Clément, e “Rocco e os seus irmáns” (1960), de Visconti, a carreira de Delon obedeceu a unha estratexia que alternou os proxectos creativamente ambiciosos de “O eclipse” (1961), de Antonioni, ou “O gatopardo” (1962), de Visconti, cos comercialmente pretensiosos de “O tulipán negro” (1963), de Christian-Jacque, ou “Os centurións” (1965), de Mark Robson.

Tras superar a proba das superproducións internacionais, coma, por exemplo, “Arde París?” (1965), de René Clément, aproximouse ó mellor cine francés no bosquexo de Louis Malle de “Historias extraordinarias” (1968) e, sobre todo, en “O silencio dun home” (1967), de Jean Pierre Melville, que o perfilará como heroe da serie negra francesa, realista na acción e estilizada nos personaxes de “Círculo vermello” (1970) e “Crónica negra” (1972).

Xa entón Alain Delon fundara a súa segunda empresa produtora. Seguro do que quería e do que lle conviña, traballou con directores máis novos, como Jacques Deray, con quen fai “A piscina” (1969), “Borsalino” (1970) e “Flic Story (Historia dun policía)” (1975).

“Borsalino” quizais sexa a película que máis satisfixo a coquetería e a mitomanía deste actor que quería ser Humphrey Bogart coas faccións de Montgomery Clift en historias para un Jean Gabin actualizado que resumira as tradicións romántica e naturalista do cine francés.

Capaz de soportar o disfrace dunha trincheira e un sombreiro de ala caída cando estaban en desuso, Alain Delon foi tamén capaz de representar personaxes avellentados e personaxes rexuvenecidos que non lle corresponden fisicamente, pero que el fixo verosímiles porque, na mellor tradición da actuación cinematográfica, non se trataba de representacións, senón de interpretacións de si mesmo.

A partir de 1990 empezou a ganar reputación de home desagradable, amargado e duro. Falando claro, empezou a caer mal. Mesmo os famosos Guignoles televisivos empezaron a parodialo cun personaxe egomaníaco.

Porén, sobre a súa vida privada (como empresario e todo o barullo existente sobre súa herdanza, sobre o seu testamento) prefiro non falar. Aquí, neste xornal, e en cuestións de cine, sempre me consagrei máis ás facetas artísticas que ás privadas ou “amarelas”.

Foi guapo, foi un bo actor, foi unha icona francesa, para que furgar máis? Deixounos o pasado 18 de agosto, á idade de 88 anos. Que a terra lle sexa leve e que as súas películas se proxecten de cando en vez porque, aínda que só sexa por el, algunhas son xa historia cinematográfica.

Contenido patrocinado

stats