Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
El show de la tiranía
Imaxine que no peor dos seus soños vostede é propietario dunha finca de cuxa produción mensual depende o sustento da súa familia. Nese terrible soño, vostede atopa a súa finca arrasada por máquinas escavadoras que, para construír unha estrada, destrúen o seu sustento sen previo aviso. Entre suores na almofada, vostede diríxese ás autoridades para reclamar por ese atropelo. Aínda non conseguiu espertar e pode ver como lle explican que a estrada faise por interese xeral, que resulta urxente comunicar os pobos entre si e que a elección do lugar para facer a estrada é unha decisión dos técnicos e non dos políticos.
Vostede, que incluso soñando é un bo cidadán, recoñece a necesidade de resolver os problemas de comunicación e non dubida da calidade e certeza das decisións técnicas. Educadamente parabeniza á Administración polo seu desvelo polo ben común e, timidamente, pregunta se, ademais desa loable decisión, a administración vai resolver tamén as súas necesidades de traballo e sustento.
É entón cando o seu mal sono se converte en pesadelo. Porque toda a determinación técnica e legal que a Administración utiliza para facer estradas con decisión e firmeza convértese en cantos de serea, recomendacións paternalistas e nulos feitos para non atender o seu problema. O máximo que consegue son palmadiñas de apoio e o compromiso de “estudar a posibilidade de concederlle algunha AXUDA”. A esas alturas vostede xa espertou sobresaltado, temendo que os sonos poidan converterse en realidade.
Cambie vostede finca por bar, incomunicación por covid-19 e máquinas escavadoras por restricións e peche obrigado de locais, e terá unha idea aproximada do estupor no que vive a hostaleira de Galicia hoxe.
Non son partidario de discutir as decisións técnicas que os gobernos tomen no medio dunha situación excepcional de pandemia e morte. Prefiro morder a lingua para non explicitar a miña opinión sobre a calidade política dos que forman os nosos gobernos porque en tempos de guerra creo mais importante a unidade cá discrepancia. Estou disposto a acatar o peche forzado dos meus negocios porque aínda me sobrecolle máis a morte de veciños e amigos do que os números vermellos das miñas contas bancarias. Pero o que non estou disposto a soportar é que me tomen por parvo e me traten como un súbdito de segunda, en vez de coma cidadán con dereitos.
Que ninguén esqueza que a hostaleira non vive das axudas da Administración senón do seu traballo e esforzo. E, dada a experiencia recente, o que máis ansiamos é que a Administración fique o mais lonxe posible de nós. A Administración non é a nosa nai e nós non somos menores de idade á espera de axudas graciables e apoios paternalistas por portarnos ben. O que reclamamos son dereitos que nos corresponden como cidadáns. Cidadáns aos que se ten privado, por unha causa xusta e en aras do ben común, do seu traballo e do sustento das súas familias. Non é unha cuestión de apoio e solidariedade, é unha cuestión de recoñecemento de dereitos e indemnización por cese forzoso de actividade. Non é o mesmo. Nin cuantitativa nin cualitativamente.
Os que falan de axudas e apoios, saben a canto ascende o gasto corrente mensual dun restaurante de 60 prazas? Saben canto supoñen, por termo medio, os gastos mensuais de arriado e electricidade dunha cafetaría de barrio? Por favor, non insulten a nosa intelixencia. A subvención soe ser o recurso doado dun goberno que quere eludir as súas responsabilidades. Xa. Xa sabemos que somos moitos a reclamar e que os recursos son limitados. Como sempre. Pero para iso están o dialogo e a negociación. Negociación, non monólogo do goberno cuns alcumados “representantes do sector” con máis espírito de pedir esmola que de reclamar dereitos, e dispostos a exercer de palmeiros de canta ocorrencia gobernamental se poña sobre a mesa.
Porque unha negociación seria cun goberno como o galego, famélico de financiación pero con amplas responsabilidades competenciais e políticas, non pode quedar só na determinación dos cartos que se destinarán a hostaleira. Hai mais ámbitos para a busca de solucións. A que espera o goberno galego para, en solitario ou ca colaboración do goberno central, sentar os responsables das corporacións bancarias e esixir un ano de carencia na amortización dos empréstitos bancarios asumidos pola hostalería? Ou é que a banca vaise ir “de rositas” en todo este tinglado? A que esperan os moradores de San Caetano para convocar os alugadores de locais de hostaleira e propoñer a Xunta como avalista de pago de arrendos a cambio de quitas nos alugueiros? Porque non se utiliza o IGAPE como ente financeiro galego para establecer plans de pagos da hostaleira os seus provedores, sufridores en silencio de toda esta catástrofe?
En vez de ir á Moncloa a falar de chorradas como o adianto do toque de queda, por que non se lle presenta a Madrid un plan de xubilacións anticipadas para a hostaleira? Un sector no que traballadores e empresarios entrados xa nos 60 teñen que vivir co desacougo de non saber como van a completar a súa cotización para o merecido retiro. A política é o nobre arte de servir o pobo. Cada un dende as súas ideas e crenzas. Unhas veces acertase e outras non. O único imperdoable e refuxiarse no marketing e na impunidade mediática para xogar coa angustia da xente. Só dende o exercicio do cinismo se pode falar de “segundo plan de rescate para a hostaleira galega” cando nin sequera se fixo o primeiro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
El show de la tiranía
EL ÁNGULO INVERSO
La ética del “killer”
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
El pan con el sudor de la frente
Xavier Castro
A MESA Y MANTELES
El pulpo seco que se consumía en Ourense
Lo último
SECTOR PRIMARIO DE OURENSE
Largas colas y otras incidencias en los desvíos por la tractorada en la A-52