Fernando Ramos
Dialéctica de disculpa y el Código Ético del PSOE
PENSAR POR PENSAR
Aínda que o verán se presenta cálido e seco, as tormentas que asedian ao PSOE non amainarán deixando charcos xudiciais por todas as esquinas ata o ano que vén. Di o home do tempo que as brétemas inducidas por algúns xuíces son propicias para ocultar escándalos como o xuízo da “kitchen” ou os escapulidos do noivo dunha presidenta, de cuxo nome non logro lembrarme, e outros longos atrasos menores para maior solaz das ras de dona Esperanza Aguirre e as perversas finanzas de Cristóbal Montoro. O pantano está mal, moi mal e as areas movedizas non deixan paso aos desexos de don Alberto, quen veu á romaría do Pino con signos de cansazo no rostro restaurado e xa con só dúas maiorías absolutas que levarse á mesa: a do sucesor Alfonso I de Rueda e a madrileña, candidata a desbancalo en canto se descoide. O Pino non é o que foi o Monte Faro de Fraga porén a depauperada asistencia de seguidores estivo resgardada dos ventos do sur, portadores dos queixumes de Moreno Bonilla por verse no “lío” de asumir a prioridade nacional. Nin de Juanma nin do concepto falou don Alberto quen, motoserra en man, anunciou unha limpeza total das institucións. Treman asesores e funcionarios, os tempos dos cesantes asoman no horizonte!
Si, Núñez Feijóo asumiu que alcanzar a presidencia do Goberno ben vale un abrazo de Santiago Abascal. E, aínda que ten preparada a serra mecánica da “posverdade” para despois do triunfo, parece disposto a non caer nos erros da campaña andaluza, e os seus propios de 2023, pedindo a prioridade absoluta para o PP. A mal tempo boa cara e a documentarse co impermeable da historia, dado que o precepto que implanta Vox non é unha semente nova. Isabel e Fernando, aqueles reis “católicos” máis tarde, despois de espoliar ata a última leira aos musulmáns hispanos, fixeron correr a voz da uniformidade: ou todos mouros ou todos cristiáns. Como resultaba máis rendible o segundo, grazas ás estruturas da Igrexa ancorada na península desde o tempo dos conventos romanos, condenaron aos seus súbditos a ser católicos, se constiparan ou non á hora do bautizo obrigatorio, antes de ter xuízo e razón. Eliminado o pecado orixinal, foron contra os xudeus e os conversos utilizando o eficaz tribunal da Inquisición e o bonito método das delacións secretas entre veciños. Expulsados mouros e xudeus en masa a economía do novo reino veuse abaixo e, como é habitual, os poderosos engordaron as súas propiedades e o pobo soportou a pobreza da inflación durante décadas.
Existen outros episodios de abusos de poder disfrazados de prioridade nacional, política ou relixiosa, como a expulsión dos xesuítas ou as desamortizacións das chamadas “mans mortas” do século XIX en beneficio das elites, da Igrexa, das presuntas glorias do imperio e do financiamento das guerras borbónicas. E que foi se non o movemento de golpe de Estado e a súa guerra do 36? Todas foron vestidos de prioridades nacionais cuxos resultados carrexaron mortes, atraso, nativismo e chauvinismo social dos que aínda vimos arrastrando absurdos enfrontamentos entre poboacións veciñas, comunidades administrativas, nacionalismos étnicos e ata culturais. Ao non querer aprender do pasado, as poallas da extrema dereita do presente van camiño de repetir os mesmos tropezos, son a antesala dun novo fascismo e ofrecen autoritarismo versus liberdades. Imperfectas liberdades democráticas, perigosamente débiles cando se opta antes por abrazar o poder que pola asollada convivencia en paz. Choven malos tempos para a razón!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Segmento prémium
Phuket refugia el lujo en villas privadas frente al mar en Tailandia
USO DEL MÓVIL
Los adolescentes quieren reducir el uso del móvil
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: viernes, 19 de junio