Opinión

Antigos cristiáns no Ourense romano?

Escavacións no Pompeo e fragmento de vidro.
photo_camera Escavacións no Pompeo e fragmento de vidro.

A finais da década de 1990, o arqueólogo Celso Rodríguez Cao escavou no patio do instituto Otero Pedrayo, solar chamado Pompeo. Foi antes de construír o polideportivo que ten a fachada máis visible no último tramo da rúa do Vilar. A intervención, xunto coa de Luis Orero no Posío, fixo que nos decataramos que a cidade romana era algo distinta do que entón criamos. Por primeira vez os restos se afastaban significativamente das Burgas, pretendido único foco orixinario de Ourense, para situarse ao sur da cidade antiga. No Pompeo aparecían restos de edificios e outras construcións que se podían datar entre a segunda metade do século I d. C. e o IV. Destas escavacións, pese a que non foron publicadas, sabemos de materiais arqueolóxicos de gran interese. Algúns mesmo con valores estéticos verdadeiramente destacados. Hoxe queremos falarlles dun fragmento de vidro datado entre os séculos IV e V, que fora explicado polo arqueólogo Manuel Xusto Rodríguez na Peza do Mes de abril de 2011 do Museo Arqueolóxico de Ourense. Na curiosa decoración deste fragmento vítreo está representada a fachada dun templo clásico, unha especie de medallón cun motivo vexetal no seu interior, seguramente unha folla de acanto, e un pavo real. A ave é o que agora nos interesa.

Independentemente da simboloxía do pavo real nas relixións precristiáns e como afirmaba Arnold Toynbee, a iconografía insiste reiteradamente na súa identificación coa inmortalidade, simbolizando a resurrección de Cristo e a alma imperecedoira dos seus seguidores. Aparece repetidamente nos sartegos e nas pinturas das catacumbas romanas. As Etimoloxías de san Isidoro o describen así: “…o pavo ten un grito que produce espanto, como o do predicador que ameaza aos pecadores co inferno; camiña con soltura, como os homes que practican a humildade nas súas accións; ten cabeza de serpe, que representa ao home prudente; o seu corpo é de zafiro, como o do home que dirixe o seu espírito sempre cara ao ceo, e as súas ás vermellas representan aos homes dados á contemplación do Señor; a súa larga cola amósanos a duración da vida futura; parece que ten ollos nela, o que representa ao sabio que é capaz de prever o perigo de morte que nos asexa; a variedade das súas cores amosa a variedade das virtudes…”. Na mesma escavación do Pompeo, Celso R. Cao atopou ademais unha fíbula -broche- coa figura dun pavo real, outra fermosa peza de bronce esmaltada e decorada con circos vítreos incrustados de cores. Pero a súa cronoloxía, con datas de mediados do século II, d. C. é moi anterior á do vidro que antes citamos, unha fecha sen dúbida moi precoz para a existencia ou expansión do cristianismo por estes territorios do noroeste.

As referencias fiables máis temperáns sobre a existencia dos primeiros cristiáns no noroeste, condúcenos a mediados do século III nas cidades de León e Astorga. Vexan que os datos que pode proporcionar o anaco de vidro do Pompeo son febles, pero por primeira vez na cidade poderían suxerir a existencia de cristiáns entre os séculos IV e V. Non é sinxelo valorar dende a arqueoloxía a expansión da nova relixión no Ourense romano, polo que debemos coser con cautela os escasos indicios que pouco a pouco proporcionan as escavacións arqueolóxicas.

Te puede interesar