Estado libre nunha República Federal

Publicado: 25 feb 2025 - 02:00

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

A medida que se estendeu a noticia da decisión do Governo da República da paralización das obras de construción do ferrocarril A Coruña-Zamora, que afectaban a 12.000 obreiros e implicaba manter illada a Galiza, xurdiron as protestas en todo o país. Por exemplo a concentración realizada por republicanos e galeguistas en Ourense o 13 de xuño no xardín do Posío, na que falaron Eleuterio Salgado, Basilio Álvarez e Otero Pedrayo. O 25 de xuño a primeiras horas da maña izouse no Concello a bandeira galega e un mozo dirixiuse aos concentrados declarando constituída a República Galega. O 26 reuníronse en Ourense delegacións de toda a Galiza pra asistir á asemblea na que se acordou convocar unha folga xeral. Os xornais salientan a intervención de Antón Alonso Ríos, como presidente da “Comisión Permanente a Prol do Estatuto” e que chegaron á cidade unha morea de obreiros doutras localidades, a maioría da comarca do Carballiño. Actos e proclamacións semellantes realizáronse en Compostela.

Estes foron os primeiros pasos da 2ª República na Galiza, con pasos atrás no económico e cunha resposta moi positiva que reflectían tanto o estado de animo do galeguismo, como da esquerda en xeral e de amplos sectores da povoación, respecto dos dereitos sociais e nacionais de Galiza. No político tamén houbo avances coa aprobación do Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936, días antes do levantamento franquista. No Estatuto recoñecíase a Galiza como unha “rexión autónoma no Estado español”. Unha das particularidades é que permitía (a diferenza do actual) a incorporación de territorios limítrofes con características históricas, culturais, económicas e xeográficas semellantes, en clara referencia ao Bierzo, á zona galego falante de Asturias e da Seabra en Zamora.

No político tamén houbo avances coa aprobación do Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936, días antes do levantamento franquista.

Aquel estatuto foi un paso adiante histórico, porén que estaba por debaixo das reclamacións do nacionalismo galego, xa que no relatorio presentado polo Seminario de Estudos Galegos na asemblea de concellos na Coruña, o 4 de xuño de 1931, proclamábase no 1º artigo: “Galiza é un Estado libre dentro da República Federal Española”. Esta proposta non era unha novidade xa que no Proxecto de Constitución pra o Estado Galaico de 1887 xa se afirmaba: “Esta rexión eríxese en Estado autónomo ou soberano, e adopta a forma democrática republicana pra o seu Governo”. Lembremos que este texto foi redactado por unha asemblea de federalistas galegos (chamados daquela rexionalistas) durante a Monarquía en tempos da rexencia de María Cristina.

A reconquista da capacidade soberana pra decidir por parte dos galegos e galegas recibiu un gran empuxe coa invasión napoleónica do Estado español. Durante boa parte deste período o Reino de Galiza recobrou a plena soberanía, grazas ao levantamento popular e á expulsión dos franceses. Polo que se formou un exército de 30 mil homes e fixéronse convenios con governos estranxeiros (Inglaterra,...) e outros territorios peninsulares, entre eles Portugal.

Esta demostración da capacidade pra defender e governar o país, e o protagonismo adquirido polo povo nesta tarefa, sen dúbida fortaleceron a oposición á eliminación da unidade administrativa de Galiza, en 1833, que ignoraba a singularidade nacional do territorio. Esta foi a razón, xunto cos ideais liberais, pra o levantamento cívico-militar de 1846. Motivo polo que Antolín Faraldo no voceiro da insurrección da Xunta Superior do Reino de Galiza, chamado “Revolución”, caracterizaba ao país como unha colonia da Corte, e engadía: “galegos, contando co voso apoio lograrase que a nosa provincia (Galiza) sexa temida e respectada”. Hai loitas que veñen de lonxe, como a dos dereitos nacionais de Galiza, e dende hai cando menos dous séculos están asociadas aos movementos e reivindicacións populares.

Contenido patrocinado

stats