Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Todo lo que quiso saber sobre el sexo...
Galicia é hoxe, toda ela, un enorme e exuberante xardín. “Ben veñas maio, o millor mes de todo o ano”. Xestas amarelas que a duras penas sosteñen o peso dos ramallos floridos. Vellos sabugueiros coa puntilla fina das inflorescencias nos cadabullos das leiras. Margaridas brancas e amarelas cubrindo as bermas de estradas e camiños. Madreselvas perfumadas, hedras e dulcamaras agatuñando polo arboredo. Pequenas queirugas pintando a faciana colorada dos montes máis altos. Fentos de grandes e verdes frondes acompasando o regueiro. Carpazas brancas e amarelas. Vellos carballos de grises e engurradas tonas. Respectables caracochas coa memoria espantada polos incendios. Estraloques vermellos inclinándose ao noso paso... e cereixas grosas e brillantes por riba da cabeza.
“Come, paxariño, come, veremos as que me deixas”.
Milleiros deles afánanse estes días en sacar adiante as súas roladas. Cantos, asubíos, chirlos e rechouchíos, berros e alarmas, melodías amorosas e severos desafíos. Todos: papuxas, lavercas, merlos e ferreiriños, picafollas e cotovías, avións e andoriñas inmersos no sublime proceso da Creación, un misterio que hoxe, logo de miles de millóns de anos, aínda non sabemos por que comezou.
“Pola Santa Cruz (3 de maio) o lobo e o corvo nados, e o raposo medio criado”. “En maio, sete lebres e un galgo”.
Neste mes gorgolexan as fontes e brincan e choutan os regueiros camiño do val. E nós, camiñantes silandeiros, comprometidos coa paisaxe que nos rodea e embelesa, facemos unha paradiña no vello lavadoiro para refrescar a cara e beber un grolo. Saboreamos, lentamente, o sangue que flúe polas veas desta terra abundante e xenerosa, mentres o resto do mundo devece pola auga de maio, un mes pródigo e inesperadamente dadivoso. Non só porque foi, como sempre, “florido e fermoso”, senón porque, cando ninguén daba un peso porque caera unha pinga, e algúns xa tiñan o santo no carro, chegaron as DANAS (depresións illadas en niveis altos) para convertelo nun dos máis húmidos e chuviosos que se recordan; tanto que no levante choveu máis nun só día que en todo o que vai de ano. De seguro que Santa Rita (22 de maio) tivo algo que ver. “Maio, maión, moitas flores e trebón”. “Auga de maio, non fai dano”.
Como non lembrar estes días frescos e recendentes a Rosalía, á “probe da tola” que levaba na fronte unha estrela e no bico un cantar, a dicir do autor de “O Maio”. Recordan o disco de Luís Emilio Batallán que nos puña a pel de galiña nos anos setenta?... A Rosalía e á súa obra inmortal, cuxa publicación marcou o día das letras galegas o pasado dezasete:
“Lagos, cascadas, torrentes, veigas floridas, vales, montañas, ceos azuis e serenos... horizontes nubrados e melancólicos... ribeiras apracibles e sereniñas, cabos tempestuosos que aterran e admiran pola súa xigantesca e xorda cólera.... mares inmensos que non hai pluma que poida enumerar tanto encanto reunido.
A terra cuberta en tódalas estacións de herbiñas e de flores, os montes cheos de pinos, de carballos e salgueiros, os lixeiros ventos que pasan, as fontes e os torrentes derramándose en fervenzas cristalinas, vran e inverno, xa polos risoños campos xa en profundas e sombrizas corgas.
Galicia é sempre un xardín onde se respiran aromas puros, frescura e poesía”.
Lugar máis hermoso
no mundo n’hachara
que aquel de Galicia,
¡Galicia encantada!
Galicia frorida,
cal ela ningunha,
de froles cuberta,
cuberta de espumas,
de espumas que o mare
con perlas gomita,
de froles que nacen
ó pé das fontiñas.
De valles tan fondos,
tan verdes, tan frescos,
que as penas se calman
nomáis que con velos;
que os ánxeles neles
dormidos se quedan,
xa en forma de pombas,
xa en forma de niebras.
Hoxe as rulas que chegaron o día dez rulan por ti, querida...
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Todo lo que quiso saber sobre el sexo...
Fermín Bocos
La claque de Sánchez
Roberto González
La formación, el mejor regalo
TAL DÍA COMO HOY
Kandinsky
Lo último