Manuel Casáis e o caldo galego en Lisboa

Por máis que sexa un auténtico descoñecido, naceu en Celanova e morreu en Bande. Se ben, a súa vida transitou pola cultural, vividora e bohemia sociedade lisboeta. Republicano convencido, tivo dous restaurantes. Nun deles fritía “paxariños”. No contexto do transo institucional polo que está a pasar o país veciño, impartíndonos cátedra -unha vez máis- de democracia, considerei acaído pousar unha ollada sobre este singular ourensán, nacido na miña vila pero que fixo fogar na Lisboa cosmopolita de finais do século XIX e comezos do XX, onde buscaron refuxio vital uns 35 mil galegos ós que lle dedicou o seu tempo no papel de xestor de colectivos como “La Fraternidad”, iso sen esquecer o perfil de divulgador da nosa gastronomía na metrópole.

Publicado: 17 mar 2025 - 04:00
Manuel Casáis, xantando cuns amigos nunha das “casas de pasto” onde a comida popular e o fado eran os pratos do día.
Manuel Casáis, xantando cuns amigos nunha das “casas de pasto” onde a comida popular e o fado eran os pratos do día. | La Región

Non son moitos os datos que ofrece a hemeroteca sobre o perfil máis personal de Manuel Casáis Estévez, que non se confundan e nalgúns casos mesmo non se interpelen cos do seu propio pai, varios tíos, primos, primas e demais familia do clan dos Casais, que a carón doutros apelidos ilustres da bisbarra, “dominaron” a vida social, económica, política e institucional da Celanova da segunda metade do século XIX e no primeiro terzo do século XX.

Fillo do sexto alcalde da vila desamortizada e posteriormente deputado provincial “izquierdista”, do seu mesmo nome e sobriño daqueloutro que tamén en varias ocasións exercería o cargo de alcalde, ademais de recaudador e outras actividades profesionais como comerciante de tecidos e fabricante de chocolates, Juan Casáis la Rosa, a súa vida desenvólvese dende moi novo en Lisboa, onde residía, entre outros, “el rico propietario de Lisboa, don Marcial Casáis” e co que regresaba nos veráns para gozar da vida balnearia da provincia en l ugares como a concurrida vila de Baños de Molgas.

Non é de estrañar, pois, coa familia ben posicionada na capital portuguesa, a súa introducción no máis granado daquela sociedade non se deixase agardar, sobre todo contando cunha serie de valores personais que destacan todos cantos fan referencia a el no sentido de consideralo como “uno de los gallegos más entusiastas, más cultos, más trabajadores y más simpáticos de la colonia gallega en Lisboa”.

Así é que, ademais de introducirse nos negocios de restauración -un sector no que tanto destacou a emigración ourensá e pontevedresa nos barrios máis populares lisboetas- participa tamén na fundación da Asociación Galaica de Socorros Mutuos, chegando a acadar a secretaría de “La Fraternidad Española”, a primeira sociedade de socorro mutuo que a colonia española fundou en Lisboa, no ano 1873, e na que estaban inscritos fundamentalmente emigrantes procedentes de Galicia.

Xornalista, colaborador de diversos medios de comunicación locais e galegos, levaba a gala ser “corresponsal” de “La Voz de Celanova” nos dous anos que este semanario durou, tendo un papel destacado na fundación do “Centro Español” que nace case dun xeito paralelo á “Juventud de Galicia”, que actuou -e aínda actua hoxe- como o centro galego lisboeta.

O feito de involucrarse máis no devandito “Centro Español” ca na “Juventud de Galicia” tivo razón do ser no marco ideolóxico maioritario no que se movían ambos colectivos, sobre todo a partir da instauración da República e da fuxida do rei de Portugal en 1910.

Mentres el e unha boa parte da colectividade galega e do resto de España amosáronse a favor da chegada dos novos tempos ó país, outra parte da colectividade ben posicionada -entre os que había varios “acaudalados” ourensáns coma o xoieiro José Velloso- temeron polo devir das súas fortunas, o que provocou algúns afastamentos que, sen embargo, non chegaron a constituír barreira ningunha á hora de promover iniciativas coma a de instalar un monumento a Curros Enríquez na súa vila natal, con el mesmo como secretario e o alaricano Lorenzo Varela como presidente, que puxeron en marcha no mesmo ano no que faleceu o poeta e que despois de seis anos de xestións só deron conseguido 1.045 pesetas que finalmente lle entregaron ó patronado do Hospital San Carlos de Celanova, fundado polo tamén emigrante -no seu caso no Brasil- Carlos Arias, onde hoxe se asenta a residencia de maiores “San Carlos”.

O “Manuel dos passarinhos”, un retiro para “matar a saudade” ó volver do camposanto

Ó fondo, a lenda que convidaba ós asistentes ós enterros a entrar no “retiro”.
Ó fondo, a lenda que convidaba ós asistentes ós enterros a entrar no “retiro”. | La Región

De tódalas actividades económicas e sociais desenvolvidas ó longo da vida por Manuel Casais, a que máis fama lle achegou foi a de propietario de dous restaurantes ou “casas de pasto”, como titulaban daquela a ese tipo de negocios en Portugal.

No primeiro sorprendeu ó director de “Vida Gallega” -o vigués Jaime Solá- en 1910, ó demostrarlle que en Lisboa tamén se podía comer un excelente “pote gallego”.

“El caldo gallego -publicaría despois a revista o 30 de setembro de 1910- sirvió de pretexto para que el señor Casais Estévez obsequiase a nuestro compañero con un verdadero banquete”, razón pola que -non só por iso- “sino por sus actos constantes de amor regional, el señor Casais merece venir a estas columnas y ser expuesto a la admiración de todos los buenos gallegos”.

Aínda que a popularidade deulla “aquel en que se sirven, como especialidad de la casa, sugerentes platos de pájaros fritos”.

O lugar, fundado na década dos setenta do século XIX, bautizouno co nome de “Manuel dos passarinhos” e fíxose famoso, non só polos fritos que cociñaba e polo ambiente fadista que nel se respiraba, senón porque formaba parte dunha especie de rede de “restaurantes ou casas de pasto em que, sobre uma loja con feitío de taberna decente se ergue uma sobreloja com uma feição pesada e caseira de restaurante de vila nos que é frequente encontráren-se tipos curiosos, caras sem interesse e uma serie de apartes na vida”, tal como os definiu o heterómino de Pessoa, Bernardo Soares, no “Libro do Desassossego”.

De tódolos xeitos, a súa autenticidade radicou en que, ó atoparse nas inmediacións do Cemiteiro Oriental lisboeta, Casais escribiu na súa fachada a lenda -disque recollida da suxestión dun cego que tocaba a viola- “Não se esqueçam na volta”, convidando ós acompañantes de cada sepelio a que ó remataren as honras fúnebres fixeran unha parada na “posta” para beber, esquecer e así comezar a “matar a saudade do morto”.

Acostumado a fomentar a alegría de vivir sobre a pena da morrer, no ano 1923 o “Manuel dos passarinhos” morreu tamén. “O retiro que tantas recordações deixou, pasa a ser uma casa de moveis”, publicou a prensa.

En agosto de 1926, estando en Bande, Manuel tamén morreu.

Contenido patrocinado

stats