LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo, el 79432

Manuel Castro, o gaiteiro de Penalta

Durante moito tempo especialistas na figura de Curros Enríquez deron por feito que “o gueiteiro de Penalta” fora unha creación literaria do poeta e que en realidade non existira, cousa radicalmente falsa porque si que existiu e tivo vida propia

Ilustración evocativa dun gaiteiro nas “Obras escogidas” de Curros Enríquez.
Ilustración evocativa dun gaiteiro nas “Obras escogidas” de Curros Enríquez.

A recente entrega do legado instrumental e documental de Faustino Santalices ó Museo do Pobo Galego, como ourensán provocoume sentimentos encontrados, pois aínda entendendo que o contexto arquivístico do museo compostelán está ben axeitado, resulta lastimoso o seu desacougo de Ourense. Sei que non foi pola familia, nin polo esforzo dos irmáns Cástor e Félix Castro. Con todo, dado que o gaiteiro e zanfonista de Bande xa é coñecido, aproveito a ocasión para traer a colación ó seu mestre, o gaiteiro de Penalta.

Teñen sido moitos os gaiteiros que ó longo da historia foron quedado impresos nos rexistros da literatura galega. Ninguén, sen embargo, o fixo con tanta forza como o afamado “gueiteiro de Penalta” que o poeta Manuel Curros Enríquez esculpiu dun xeito tan indeleble que incluso foi quen de furtarlle a súa personalidade e transformalo nun icono inspirador dos sentimentos de galeguidade esculpidos verso a verso nesa sublime composición poética.

Existiu realmente o veciño de Penalta que animou festas e romarías polas revoltas galegas? Velaí unha pregunta que durante moito tempo sobrevoou as cábalas de investigadores e críticos literarios?

No mes de setembro de hai vinte e cinco anos, despois dunha breve pero profusa investigación combinada, tiven oportunidade de sacar á luz a súa personalidade na revista Auria. Personalidade que hoxe volvo traer a colación, e non tanto pola inmortalización poética currosiana, senón porque a súa biografía tamén está relacionada co ínclito Faustino Santalices.

Desbotada a difusa tradición oral que xa daquela se conservaba en Celanova e tamén algunhas achegas imprecisas por parte de familiar lonxanos, a casualidade foi a que me abriu as portas da súa existencia cando ó consultar os libros de rexistro de nacidos do xulgado celanovés e desandar camiño pola árbore xenealóxica pola vía dos Castro -que ese si que sospeitaba que debía ser o seu apelido-, din con María Castro Baquero “soltera, labradora, mayor de edad” e natural de Penalta, que se achegara ó xulgado para rexistras un neno que nacera tres días antes e ó que lle puxera de nome Francisco.

Dada a circunstancia de ser o neno ilexítimo, no rexistro só serían inseridos os avós maternos, pois o pai naquel momento era oficialmente unha incógnita.

Perante a ausencia da metade da torgueira, a sorte quixo que o secretario se estendese nos outros ascendentes e indicou que era neto “por línea materna, de Manuel Castro González, gaitero y de su mujer Rosa Baquero López, labradora, natural de Villariño (La Merca) y aquel, de este pueblo -é dicir, Penalta-, donde ambos están domiciliados” .

A simple nota da profesión recollida polo secretario do Rexistro Civil de Celanova, unida a outras referencias orais que xa tiña recollidas, foron, entón, o que nos permitiron saber outras cousas do gaiteiro de Penalta e da súa familia.

A primeira delas foi saber que aquel avó “gaiteiro” nacera en Penalta o 18 de marzo de 1932 e que o seu pai, Juan Castro, era tamén natural de Penalta, mentres que a súa nai tiña ascendencia no lugar de San Xurxo de Acebedo e que só tivo unha irmá, Josefa.

A segunda circunstancia foi que, como bo e “arrogante” gaiteiro que respondía á descrición currosiana na rima, “i era de ver con que trazas/ sin faguer pausas nin guiños/ nin caso das amenazas/ furtaba un bico ás rapazas/ dos noivos diante os fuciños”, cando contaba vintecinco anos e aínda solteiro “ten un fillo con Rosa Méndez, natural de Campelo de Amoroce”, cao que, sen embargo, non casaría, cousa que si faría tres anos despois coa veciña de Olás (A Merca) Rosa Baquero, coa que acabaría sementando unha prolífica prole de media ducia de fillos e fillas, algúns dos cales, como tamén era propio do momento, non conseguiron saíren adiante.

A derradeira circunstancia que traerei a colación, debido loxicamente ó espazo, ten que ver co propio poeta que o inmortalizou e co paradoxo que se produciu con tal inmortalización literaria.

Resulta que -se cadra por mera necesidade lírica ou métrica-, cando Curros compón o poema (1877) para o famoso concurso convocado por Modesto Fernández e que Curros gaña con esta composición ademais de “A virxe do Cristal” e “Unha boda en Einibó”, o poeta dá por morto ó gaiteiro ó escribir “neno era eu cando el vivía”.

Sen embargo son varios os indicios que demostran que Manuel Castro “o gueiteiro” currosiano aínda vivía cando o Curros ensarilla a composición lírica, entre eles, a que conecta a Manuel Castro con Faustino Santalices en 1895.

Ora ben, resulta curioso que ó “matar” ó gaiteiro ó redactar o poema, o que realmente fixo foi concederlle a inmortalidade poética.

Ilustración evocativa dun gaiteiro nas “Obras escogidas” de Curros Enríquez.
Ilustración evocativa dun gaiteiro nas “Obras escogidas” de Curros Enríquez.

Faustino Santalices, o colexio dos Escolapios e unha saba branca sobre un penedo en Penalta

Malia que é imposible abordar a figura do gaiteiro de Penalta sen mentar tras del ó poeta que o elevou ós altares da literatura galega, a razón de ser desta crónica ten que ver -como anotei ó principio- co tamén gaiteiro e zanfonista Faustino Santalices.

Aínda que nacido en Bande, as raíces familiares de Faustino están intimamente ligadas a Vilanova dos Infantes, de onde procede o apelido que o identifica e, polo tanto, a Celanova. E por iso que, cando o futuro músico chega ó mundo (1877) curiosamente no mesmo ano no que Curros Enríquez compón o poema sobre o “gueiteiro de Penalta”, a relación familiar coa vila de San Rosendo permite aventurar que ó cumprir os anos suficientes, o proceso formativo de Faustino pasará inexorablemente por Celanova, dado que había tan só oito anos que no seu mosteiro instalaran un centro educativo rexido polos PP Escolapios, que estaba sendo considerado por dereito propio un dos principais centros de ensino de Galicia.

E así foi. Chegados os anos do bacharelato, Faustino comparte aulas coa flor e nata da sociedade estudiantil galega en Celanova, onde se lle esperta tamén unha singular querencia pola gaita e a súa música, o que o leva a contactar, a través de familiares seus de Vilanova, con Manuel Castro e a solicitar del o seu apoio didáctico para aprender a tocar o devandito instrumento.

De aquí parte un episodio -ou lenda- que Santalices alimentou ó longo da súa vida e que alude ó método de comunicación entre o mestre e o alumno para saber cando o mozo Faustino podía ou non achegarse a Penalta dende o mosteiro, onde estaba interno.

Isto é, dada a conexión visual existente entre a fachada leste do edificio coa aldea de Penalta e da existencia nela dun alto penedo que lle dá o nome, Manuel Castro díxolle a Santalices que cando vira colocada unha saba branca por riba do penedo non acudise pois iso significaba que non estaba na aldea, senón tocando nalgunha festa ou romaría da revolta.

Á par, o aprendiz de gaiteiro presumiría sempre, tamén, de que co “arrogante gueiteiro” aprendera a “tocar pechado”, un método que seica se utilizou durante moito tempo en distintas zonas de Galicia e que está en desuso, entre outras cousas, pola dificultade interpretativa que disque ten.

Os Faustinos, pai e fillo, animando unha celebración dos galegos en Madrid
Os Faustinos, pai e fillo, animando unha celebración dos galegos en Madrid

Contenido patrocinado

stats