Manuel de Castro e o levantamento realista de 1820

Publicado: 15 ene 2025 - 02:00

Se ben A Coruña foi a primeira cidade en secundar o pronunciamento liberal de Riego en 1820, tamén foi en Galicia onde se organizaron as primeiras partidas de monárquicos defensores do poder absoluto do monarca Fernando VII.

Co obxectivo de liderar o movemento contrarrevolucionario galego prontamente se formou en Tui unha Xunta Apostólica baixo a presidencia do doutor Juan Ramón Barcia, coñecido por introducir a vacina da varíola en Galicia. Ante a necesidade de contar cun mando militar único, os membros da Xunta elixiron ó tenente coronel retirado Manuel de Castro, chamado “barón de Santi-Ioanni” (sic), o cal foi ascendido a brigadier de infantería e nomeado “comandante general de las fuerzas realistas” do Reino de Galicia o 8 de maio de 1820.

Manuel Antonio de Castro era oriúndo de San Xoán de Fornelos (Salvaterra de Miño) ―de aí, posiblemente, o seu pretendido título nobiliario en latín macarrónico―, aínda que a súa vida estivo maiormente ligada á vila de Baiona (onde se casou) e ó Rexemento Provincial de Tui, onde ingresou como subtenente en 1806, segundo a documentación que se conserva no Arquivo Militar de Segovia. Despois dunha carreira militar fulgurante, forxada durante a guerra contra o francés, obtén o retiro co grao de tenente coronel con “uso de uniforme y goce del fuero criminal” en 1817, con 32 anos.

Como comandante en xefe do “exército” realista, Manuel de Castro dirixe o sitio de Tui no mes de xullo de 1820, un fracaso para os apostólicos, que terán que repregarse a Portugal, desde onde continúan conspirando para derrocar o réxime constitucional. Segundo o seu lugartenente, Ignacio Manuel Pereira, autor dunha Exposición dirixida ó rei sobre as peripecias da Xunta Apostólica, fíxase a parroquia de Escudeiros como epicentro dun novo “rompimiento” que había ter lugar a finais dese ano. O certo é que todo o partido xudicial de Celanova, onde os realistas contaban con numerosos simpatizantes, sobre todo entre o clero, estaba ó tanto dos preparativos deste complot antiliberal, cuxa finalidade era tomar a cidade de Ourense, que se tivo que blindar con compañías do rexemento de Burgos, de gornición en Lugo.

Camiño de Poulo, Montenegro tropezou “con las abanzadas de gente armada, que comandaba el revoltoso Castro

A prensa da época da conta de como o coronel Montenegro, do Rexemento de Monterrei, desbaratou os plans dos facciosos na noite do 19 ó 20 de decembro de 1820, despois de sorprender a 13 paisanos recibindo víveres e armas na casa do cura de Anfeoz. Camiño de Poulo, Montenegro tropezou “con las abanzadas de gente armada, que comandaba el revoltoso Castro (alias barón de S. Joani)”, ó cal rematou apresando na reitoral de San Pedro da Torre (Padrenda), onde “despues de bastantes diligencias que se emplearon para hallarle, pues le negaba el abad, fue encontrado en un desván”, podemos ler no Diario Constitucional de Barcelona.

Mentres o coronel Montenegro entraba triunfante en Ourense, Manuel de Castro era trasladado ó cárcere da Coruña, un destino que tamén correrían os abades de San Pedro da Torre, San Pedro de Poulo e Santa Baia de Anfeoz; ademais do prior de Vilar de Vacas, do crego de San Pedro de Rocas e exfreire de Celanova, frei Beda Isasi, e o capitán Francisco Barros, entre outros.

Manuel de Castro foi sentenciado a morte tanto polo xulgado de Celanova como polo de Vigo (onde se seguía unha causa paralela contra a Xunta Apostólica polo asedio de Tui), condenas ratificadas pola sala do crime da Real Audiencia de Galicia. Finalmente, e despois de varios intentos de fuga, foi executado no garrote vil o 20 de xaneiro de 1823 na cidade da Coruña deixando viúva e cinco fillos menores, o último nacido en 1820.

Contenido patrocinado

stats