Manuel López Rubido, o médico precoz

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Fillo do médico de Outomuro (Cartelle) Manuel López González, a prensa do momento chegou a informar de que se licenciara en Medicina (cousa incerta) ós 12 anos, o cal non obsta para que se doutorase dúas veces, en Madrid e Bos Aires

Publicado: 10 mar 2025 - 01:16
Manuel, a súa dona Sara, seu pai, o cuñado Cesáreo Giráldez, os hospitais Español e Galego e o buque no que regresou.
Manuel, a súa dona Sara, seu pai, o cuñado Cesáreo Giráldez, os hospitais Español e Galego e o buque no que regresou.

No contexto da viaxe que esta semana pasada realizou o presidente da Xunta á Arxentina, á procura de talento xuvenil que desande os pasos dados noutrora polos seus devanceiros e convidalos a que regresen a Galicia e contribúan a repoboar esta terra que un día comezaron a baleirar os seus, ven acaída a figura deste médico precoz que naceu en Outomuro, licenciouse en Santiago, doutorouse en Madrid e cursou de novo a carreira facultativa en Bos Aires para converterse alá nun prestixioso cirurxán.

Era merecente de tal consideración porque “a los doce años se hizo licenciado en medicina, adelantando a sus primeros condiscípulos tres años” e conseguindo, no seu periplo universitario, “doce matrículas de honor”.

O primeiro dato polo que a súa figura espertou a miña atención foi por medio dunha información aparecida en “El Miño” o 30 de outubro de 1910 na que, baixo o título de “Un escolar distinguido”, o diario informaba de que “el joven Manuel López Rubido, quien con su laboriosidade se captó el aprecio de sus profesores y compañeros, tanto en la segunda enseñanza como en la profesional”, era merecente de tal consideración porque “a los doce años se hizo licenciado en medicina, adelantando a sus primeros condiscípulos tres años” e conseguindo, no seu periplo universitario, “doce matrículas de honor”.

Na ampliación da noticia, o redactor -un tal M. López- explicita que “no pudo hacer oposición de grado a mérito” para ser habilitado como doutor porque lle faltaban tres días para conseguir a licenciatura, polo que, despois de pasar uns días de descanso en Cartelle, “irá a Madrid a cursar el doctorado y alguna especialidad al lado de los grandes maestros”.

Evidentemente, por algunha razón ó montador da páxina deslizóuselle algún tipo na colocación da cifra, xa que logo, nese mes de outubro de 1910 o mozo de Outomuro contaba dezanove anos, o cal non lle resta unha faísca de veracidade á unha máis que evidente precocidade que o rexistra ó ano seguinte como médico en Outomuro, acompañando a seu pai, e que o dispón para cursar o doutoramento en Madrid e abrir un ciclo de tan só cinco anos para rematalo, viaxar a Bos Aires -onde residía a súa irmá Carmen, casada co industrial ribadaviense, Cesáreo Giráldez- e superar o ciclo necesario para convalidar a titulación profesional na metrópole do sur.

Unha precodidade que non resultou inadvertida para a colonia galega, ata o punto de que o 25 de outubro de 1916 este xornal informa de que “López Rubido ha sido obsequiado en el ‘Hotel España’ de Buenos Aires con un banquete por un núcleo de amigos y paisanos, con motivo de su feliz reválida en la Universidad de Buenos Aires”.

De aí a abrir un vieiro de éxitos profesionais non houbo máis ca uns pasos e non pasou un ano e medio ata que o “Boletín do Centro Galego” se gabase de que “desde hoy (1/5/1918), el Dr. López Rubido, cuyos méritos en la profesión son bien notorios a pesar de su juventud, atenderá el radio num. 2 y dará diariamente una hora de consulta”, felicitándose de contar en la nómina de médicos del Centro con este nuevo nombre y le auguramos triunfos en su cometido”.

O compromiso profesional de López Rubido co Centro Galego non duraría moito, pois en tan só dous anos presesenta renuncia e decide abrir clínica propia no número 728 da céntrica rúa Belgrano na que pasou a residir o matrimonio formado pola súa irmá Carmen e o seu cuñado Cesáreo Giraldez.

Un cuñado que é posible que estivese por tras da tallante decisión de Manuel, xa que ó non estar de acordo coa elección do presidente do Centro, abriu un litixio que chegou á xustiza e duraría catro anos, o que provocou un afastamento total da familia do Centro.

Neses anos Manuel casa con Sarita Gosch e mentres comeza a traballar como cirurxán no Hospital Español, o infortunio visita varias veces á familia en Galicia. En Santigo morre de forma repentina o seu irmán Leopoldo, o seu pai en Outomuro e un fillo de Cermen e Cesáreo perece afogado nas augas do río Ulla, en Padrón.

Perante isto, decide viaxar unha tempada a Outomuro, ostentando xa o cargo de xefe do prestixioso Hospital Español no cal permanecería ata a súa xubilación.

Unha familia de médicos, militares, políticos e carteiros e o suicidio dun sobriño no río Ulla

Imaxe histórica da ponte sobre o río Ulla dende a que se lanzou Cesáreo.
Imaxe histórica da ponte sobre o río Ulla dende a que se lanzou Cesáreo.

O clan que logrou formar o “prestigioso e ilustrado doctor en Medicina y Cirugía y entusiasta luchador agrario Manuel López” e a súa dona Obdulia en Cartelle foi abondoso, non en van lograron procrear oito fillos. É dicir, o militar Leopoldo, o malogrado Ibo, o propio Manuel, o carteiro Antonio e o funcionario municipal e reivindicativo político local Eladio, ademais de Carmen, a muller do comerciante Cesáreo Giráldez, e de Celsa e Lola, esta última casada e residente en Bande.

Unha familia na que, máis alá doutras circunstancias singulares ás que non adoitan seren alleas as familias en xeral, destaca o feito de que a medicina -exercida polo patriarca no seu municipio natal durante medio século- acabou curiosamente por converterse nunha profesión de risco no entorno dos López Rubido.

O primeiro infortunio zarabateu ós López Rubido no mes de outubro de 1901 cando a Outomuro chegou a infausta noticia do falecemento, en Santiago, do seu fillo Ibo, imbuído daquela na mesma carreira médica que anos atrás cursara seu pai.

Quen sabe se ese non tería sido o acicate que impulsou a Manuel a acelerar a a carreira ata o punto de ser obxecto daquela insólita noticia sobre unha hipotética licenciatura ós doce anos.

De todos modos, a que posiblemente máis impactou no entorno dos Giráldez e López Rubido foi a protagonizada, no mes de outubro de 1929, por Cesarito Giráldez, un dos fillos de Cesáreo e Carmen ó que os pais -residentes na Arxentina- enviaron para Santiago co fin de continuar a tradición médica na mesma universidade na que se licenciara o avó, morrera o tío Ibo e se fixera famoso, por precoz, o prestixiado e por el admirado, Manuel.

Pero unha cousa é o que un propón e outra o que o destino dispón, polo que logo de ter suspendido por terceria vez un exame, con tan só 18 anos, tomou a pé o camiño de Santiago a Padrón e ó chegar a noite subiu á ponte de ferro pola que o tren supera o río Ulla e púxolle fin á súa existencia porque seica seu pai tíaño ameazado de que, se volvía suspender, apartaríao dos estudos e volvería con eles para Bos Aires. O matrimonio tivo outros dous fillos, Manuel e Luís, recoñecido capitán de aviación con base inicial nas Illas Baleares.

Contenido patrocinado

stats