Opinión

Crise conxuntural?

Tendo en conta as dificultades e sacrificios que implica eliminar os contaxios do Covid-19, todo indica que o proceso de normalización do traballo e da vida das persoas levará seu tempo. Terá un carácter progresivo, e non será total até que exista unha vacina, mesmo que se reduzan os contaxios aos casos importados, o que nos homologaría á situación de China. Sen dúbida a “desescalada” da emerxencia sanitaria farase de vagar, e a “reconstrución” plena da actividade económica tamén. 

Neste último aspecto, segundo o FMI a economía do Estado español (EE) caerá este ano un 8% e o desemprego atinxirá o 20,8% por mor do Covid-19. Son dados preocupantes se temos en consideración que había unha expectativa de que o PIB medrase este ano arredor do 1,6% e a taxa de paro era do 13,9% a finais do 2019. Pra o ano 2021 o FMI anticipa un crecemento da economía no EE do 4,3% e un recuar do desemprego até o 17,5%. Daquela segundo estas hipóteses a recuperación sería parcial e tería que pasar máis un ano crecendo a este ritmo pra volver á situación previa á da pandemia. Os prognósticos pra o resto dos países da eurozona son moi semellantes. Na mesma liña a OMC destaca unha caída do comercio internacional pra este ano, de entre o 13% e o 32%, unha banda moi larga que amosa as incertezas sobre a evolución do virus e seus efectos sobre a mobilidade de mercadorías e persoas. 

Sería un retroceso histórico, moi superior ao que se deu inicialmente en calquera das crises que padecemos dende a Segunda Guerra Mundial, por exemplo na última o PIB caeu un 3,6% no ano 2009. Son dados a termos en conta polas consecuencias sociais, xa que significa un aumento moi grande do desemprego e da pobreza, e un enfraquecemento considerábel do tecido empresarial, que obriga a outorgar axudas, prestacións e nacionalizacións moi fortes por parte do erario público.  

Agora ben, existen moitos interrogantes respecto da duración da crise e da súa intensidade, por exemplo: até que punto o turismo, restauración, transporte e outros sectores, volverán a un grao de actividade semellante á de 2019? Conseguilo non sería algo doado. Un directivo da restauración e hostalería de Guipúzcoa dicía que os estudos que tiñan realizado levaban a pensar que demoraría de catro a cinco anos volver á situación anterior á pandemia, xa que ían influír tres aspectos negativos na recuperación: o empobrecemento da UE, a modificación dos hábitos sociais por mor do virus, e a caída do turismo. Evidentemente non será así en todas as actividades, mais son valoracións sectoriais a termos presentes, tamén na Galiza. E aínda que fose posíbel superar en termos macroeconómicos estes atrancos rapidamente: sería garantía da construción dunha economía sustentábel e nun mundo que ofreza seguridades?... 

En resumo, ademais de optimizar o sistema sanitario, mellorar radicalmente as residencias da terceira idade, e acordar axudas ás persoas asalariadas, autónomas é ás empresas, pra saír do período de emerxencia, cómpre realizar cambios de fondo no sistema. O Covid-19 amosou dun xeito moi claro o que implica a globalización neoliberal coas súas hipotecas, de: desigualdade,  precariedade, caída dos salarios, metrópoles xigantescas, desequilibrio territorial, deslocalización da produción, turismo de masas, privatización de sectores e empresas estratéxicas... Cómpre unha transformación a fondo do sistema económico e social! Hai que facelo pra evitar que os vindeiros virus, desastres ecolóxicos, guerras por cobiza, e os delirios de poder, corran máis rápido que a intelixencia, xustiza e solidariedade das persoas; e ademais o fagan favorecidos por avances técnicos, que por falta de visión de conxunto e sensibilidade social, terminan estando ao servizo da destrución da humanidade. 

Te puede interesar