Opinión

Xuventude en tempos de pandemia

Da noite para a mañá espertas cunha alerta sanitaria mundial e todo cambia. Es novo e só pensas en estar coas túas amizades; pero, de súpeto, non podes ver a ninguén, as túas relacións sociais, o teu todo, esfúmase.

Empatía significa poñerse no lugar dos demais e, para iso, os adultos só temos que viaxar ao noso pasado e observarnos a nós mesmos cando eramos adolescentes. Como afrontariamos a pandemia?

Mentres os adultos preocupabamonos do día a día e dos problemas socioeconómicos derivados da pandemia; os mozos e mozas acudían á nova normalidade coas súas máscaras e entre medidas moi restritivas. Recreos acoutados para separar aulas, grupos burbulla, clases telemáticas... De súpeto, unha liña separounos das súas amizades por moito tempo.

Cando es adolescente a importancia dos iguais e do micromundo das amizades é vital, porque forma parte do desenvolvemento cognitivo de toda persoa para chegar a adulta. As relacións en casa, a miúdo, entrañan conflitos derivados da propia idade e a rebeldía é a norma que caracteriza á adolescencia como proceso evolutivo de toda persoa.

É certo que a xeración actual de mozas e mozos conta con medios de comunicación a través das redes sociais; pero se hai unha lección que a pandemia nos deixa é que as redes sociais non substituirán nunca o contacto social orixinal. Unha mirada, un xesto, contarnos noso día a día en persoa, o vínculo de proximidade, a xestión de conflitos persoais cara a cara, os primeiros amores...

Outro factor a ter en conta é o paso do tempo. O tempo pasa para todas as persoas, pero a percepción do paso do tempo é distinta segundo a idade e as circunstancias vitais de cada un: para un adolescente, dous veráns de pandemia convértense en toda unha eternidade.

A maioría de mozos e mozas amosaron unha capacidade de adaptación sen precedentes. Moitos se graduaron do instituto coa súa máscara e unha microcelebración con medidas restritivas e toque de queda. Enfrontaron a EBAU baixo unha preparación atípica e sen precedentes, e ademais cunha saúde mental resentida en moitos casos.

Non sería xusto criticar a toda unha xeración por feitos illados sen poñerse antes no seu lugar. Non sería xusto criticar a unha xeración que será a máis damnificada por unha crise que en Galicia repite outra xeración de mozos máis. Sobre todo, cando aínda están en quente os efectos da anterior crise de 2008, que en Galicia cebouse con toda unha xeración e que provocou que máis de 50.000 mozos e mozas abandonaran a súa terra nunha década. E hoxe, no medio dunha pandemia, o goberno autonómico rebaixa os orzamentos destinados a eles, os mozos, sen mirar á crise anterior, que levou a gran parte dunha xeración de mozas a emular aos seus avós e emigrar a outras cidades ou países en busca de oportunidades. É importante ter memoria para non repetir os erros do pasado. Investir nos nosos mozos é o máis produtivo que podemos facer nestes momentos para previr unha nova caída demográfica que siga invertindo aínda máis a pirámide poboacional galega.

O reto inmediato da nosa sociedade será anticiparse aos efectos da pandemia na saúde mental dos máis novos. Non podemos perder de vista o aumento de problemas en saúde mental que a nosa sociedade sofre agora mesmo, e debemos poñer o foco especialmente nos máis novos pola súa vulnerabilidade. Por iso, o novo reto en Galicia sitúa a necesidade dun plan integral para blindar o benestar e o futuro dos máis novos, no que existan dúas claves: un plan potente de fomento do emprego da xuventude e un plan de detección e prevención en saúde mental para mozos e mozas, visto o aumento de patoloxías como ansiedade, fobias, depresións, etc.

En definitiva, como sociedade, temos que blindar á nosa xuventude porque son o futuro, pero tamén, hoxe máis que nunca, son o presente.

Te puede interesar