A MENSAXE DO MOZO

Publicado: 30 oct 2013 - 08:40 Actualizado: 11 feb 2014 - 00:01

Rincha os dentes con desespero. Non sabe qué facer. Baia Falada Sánchez leva esperando o seu mozo desde hai máis de media hora. Quedaran na cafetaría ás catro e media. Xa eran as cinco e dez. Algo non cadraba; o seu noivo, Maelán País Sole, era dos que non fallaba nas citas. Non fallaba e era puntual. Estaba xa cansa de chamalo ó móbil. Tíñao apagado ou fóra de cobertura. Outras, soaba e non llo collía. Baia Falada Sánchez pediu un terceiro café. Daríalle quince minutos máis. Mentres, seguiu no seu intento de chamalo. O mesmo das últimas chamadas, nada de nada. Cando quedaban cinco minutos para o vencemento do ultimato, oíu no seu móbil o ton dunha mensaxe. Ó ver que era de Maelán, o sorriso asomou ós seus labios. Pero axiña se lle esfumou, o seu rostro demudou e quedou coa boca aberta. 'Mentres les isto, eu colgo do campanario da igrexa de Cachamuíña. Síntoo. E quérote'. Baia Falada Sánchez desmaiou.

Contenido patrocinado

stats