O meu dia ideal de verán

MI PLAN PERFECTO

Publicado: 29 jul 2026 - 07:50
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Un bo día de verán sería, sen dúbida, facer unha boa camiñada rematada por unha excelente comida coa familia. E propoño isto porque, a parte do saudable que é camiñar tal e como aconsellan con bo criterio os médicos, a min sempre se me deu por levar o andante a moitos lugares para gozar deste esplendoroso país onde por sorte nos tocou vivir. Para contemplar (e algunhas veces interpretar) os soberbios escenarios cos que se engalana con frecuencia a nosa “paisaxe”; ese termo co que identificamos ese anaco de territorio, pagus ou país no que os filólogos acreditan a orixe da palabra; dende os extensos areais do litoral ata as altas montañas orientais, pasando polas grandes chairas interiores, os centos de outeiros e os dez mil ríos de Cunqueiro.

O certo é que eu sempre camiñei moito; dende que acompañaba meu pai sendo case un neno na procura das perdices, alancando entre xestas e toxeiras polas pinas costas do Furriolo; para logo chegar derreado e coas pernas picadas que axiña se me viña á mente aquilo que nos dixera un vello cazador de coellos que atoparamos en Congostro sentado nun penedo: Hai que estar ben tolos para andar detrás duns animais que voan. E logo, de raparigo, fixen moitas “expedicións” á Chaira; a aquel monte espido de carpazas e carqueixas que desenvolve por riba da miña vila camiño do Outeiro de Augas. E tamén fixera cos meus amigos, xa de mociños (un por desgraza xa desaparecido), a grande “expedición” á Penagache de Quintela de Leirado, que era algo así como o noso “Everest”; un picouto rochoso e totémico para a xente da miña bisbarra e dende onde, din, se pode ver o mar. Incluso cheguei a percorrer a pé un río enteiro (o Arnoia). E así, sempre se me deu por ir dun lado a outro como atronado; coa mente en branco e sen máis interese que enchouparme de paisaxe, dos doces sons da natureza e da fala sabedora da pouca xente que vai quedando nas aldeas, que sempre están dispostas a botar unha parolada contigo para falar daquel mundo que se foi e ten pinta de non volver.

Eu, certamente, recollo o consello que nos deu un día Otero Pedraio, o patriarca que andamos a celebrar este ano, de que, para poupar debidamente a paisaxe, ese concepto onde se funden natureza, cultura, identidade e sentimento, non hai máis remedio -dicía el- que: asomarse ás terras só cruzadas por malos camiños de ferradura, porque só así poderás sentir o correr manso e forte da vida galega. Claro que iso era cando había xente, cando a vida latexaba forte polos rueiros e canellas, e cando non esborrallaban os canastros e estomballaban os tellados. Pero ben, cando menos quédanos a paisaxe, os ríos, algunha verea vella recuperada, os montes dourados polos toxos ou colorados polas uces, e os mestos arboredos que, se os lumes respectan, van medrando paseniño nas terras abandonadas. E, por todo iso, o meu día ideal de verán sería coller o caxato, a bolsa en bandoleira, os prismáticos e a miña cadela Siri (a setter inglesa máis bonita e lizgaira do mundo enteiro); e facer unha longa camiñada seguindo iso que agora está de moda e que chaman “rutas de sendeirismo”; que as temos a centos e en case calquera concello, e que antes non había porque todos eran “rutas de sendeirismo”; os carreiros, as congostras, as vereas e os camiños que cruzaban nunha rede case infinita o territorio e que utilizaba o pobo para se desprazar dun sitio a outro. E ían eles tamén a pé, como nós; que daquela todo o mundo camiñaba unha barbaridade, e non todos collían a “liña” que iso era a modernidade; e, ademais, moitos ían co burriño, o xato e un porquiño, ledos e falangueiros camiño da feira por aquelas corredoiras hoxe atuadas.

Así, eu faría, por exemplo, nese fantástico día de verán, un tramo do Camiño de San Rosendo como ben podería ser o que vai dende o alto do Vieiro, no límite entre as bacías do Arnoia e do Limia, ata o espectacular campamento romano de Aquis querquennis que conta cun magnífico centro de interpretación, non lonxe de Santa Comba de Bande que queda alí pretiño e que ben merece tamén unha visita. Un total de 15 qm seguindo unha vella calzada romana para gozar das espectaculares paisaxes do agarimoso val do río Limia. E logo comer coa familia nalgún dos restaurantes que hai por alí; e mesmo dar un baño nalgunhas das areas fluviais habilitadas, que son ben bonitos os ríos que cruzan aquela comarca.

Contenido patrocinado

stats