Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Cando o poder político controla as canles a través das cales a cidadanía avalía o seu desempeño, enfrontamos un desafío existencial para o sistema representativo. En Ourense, o alcalde xestiona a súa televisión e redes sociais -algunhas delas institucionais- descualificando calquera desavinza como obra dunha “minoría ruidosa”. Non se trata dun fenómeno illado. Este é un caso que ilustra como o populismo contemporáneo opera no ámbito local replicando mecanismos que ameazan os alicerces da democracia representativa. A edificación de ecosistemas pechados onde gabar o rendemento de xestión sen escrutinio externo maniféstase hoxe a diversas escalas territoriais e administrativas, incluídas a provincial e a autonómica. Neste senso, Gérald Bronner desenvolveu o concepto de “mercados cognitivos desregulados” para explicar como, no contexto dixital, a oferta de contidos infinita choca cunha limitada atención humana, favorecendo as mensaxes máis sinxelas e emotivas sobre a análise rigorosa.
En Ourense este “mercado cognitivo” non xurde espontaneamente, senón que se constrúe deliberadamente desde o poder municipal. A arma televisiva e as redes do rexedor funcionan como cámaras de eco onde os fracasos deveñen éxitos mediante afirmacións desprovistas de calquera verificación esóxena. O alcalde proclama nas súas redes que “máis do 90% dos buses saen no horario previsto”, sen ofrecer datos comprobables, as fontes nin a metodoloxía de medición empregada. Asegura que “expertos en mobilidade” confirman que “se evitou un colapso de viaxeiros”, pero non os identifica nin publica estudos que o demostren. Proclama a “milagre Ourense” como “primeira cidade en España que logra un redeseño total (do transporte) sen bloqueo inicial”, establecendo un precedente supostamente “histórico” que non transcende alén do circuíto de Democracia Ourensana, non figura en publicacións especializadas e non é recoñecido polo sector.
Escaleiras mecánicas e balnearios seguen o mesmo patrón de afirmacións sen respaldo verificable. O rexedor sostén que as ramplas mecánicas rexistran “1.300 e 4.000 viandantes diarios” cunha “tremenda utilidade”, sen que ningunha entidade independente valide as cifras. A celebración da reapertura das termas de Chavasqueira 0 7 de outubro de 2025 tamén resulta esclarecedora, sinalándose que “levan moitos anos pechadas” pero sen mencionar que o están desde abril de 2019, sendo investido Pérez Jácome alcalde apenas dous meses despois. Un despropósito similar ao que acaece coas termas das Burgas, no dique seco desde marzo de 2020 e sen data de posta en funcionamento. Despois de seis anos de goberno a xestión acumula problemas cotexábeis por calquera veciño: transporte urbano ineficiente, recortes nos servizos, deterioro urbano, estancamento económico ou mediocres festas cortadas todas polo mesmo patrón e dirixidas a públicos ben específicos.
Con todo, o relato oficial presenta unha cadea ininterrompida de éxitos sen parangón. Esta fabricación dunha realidade paralela exemplifica o que Catherine Fieschi chama “tiranía da autenticidade”. Os líderes populistas converteren o que “soa verdadeiro” en “proba suficiente de veracidade”, substituíndo a verificación pola emoción. No caso ourensán, o rexedor representa a “voz auténtica” fronte a certas elites malignas, apuntalando un relato que presenta a Ourense como “Cincenta de Galicia” para eludir responsabilidades e blindar calquera decisión contra o escrutinio racional. Cando a veciñanza se subleva, non se debate a lexitimidade dos seus reclamos senón que se cuestiona a súa representatividade. Pérez Jácome celebra ter bloqueado “uns 200 haters”, reducindo “á metade os comentarios negativos” para fincar que “o que algúns cren que é opinión pública é un submundo de 4”. A ironía é colosal: goberna co apoio de apenas tres de cada dez ourensáns, sendo a “minoría ruidosa” que critica, en realidade, a maioría da cidadanía que non o apoia.
O líder de DO fuxe de debates e confrontacións que non poida controlar, limitándose a prestacións nos plenos que preside e nos seus medios. Giuliano da Empoli identifica como “depredadores políticos” a quen non participan na esfera pública existente e constrúen burbullas comunicativas onde posúen vantaxes sistémicas absolutas. O filósofo da posmodernidade Jean Baudrillard falaba da “hiperrealidade” como a representación mediática que substitúe á realidade ata que ámbalas resultan indistinguíbeis. É lóxico que un político presente as súas accións favorablemente. O inquietante é a construción dun universo de sentido pechado onde a verificación externa descualifícase como obra de inimigos. De non compartir un espazo público común para confrontar narrativas mediante evidencias, a democracia fragméntase en seitas políticas que habitan realidades excluíntes. Os críticos non son “minorías ruidosas”, senón o exercicio de dereitos fundamentais. A súa descualificación denota fraqueza e incapacidade para tolerar o escrutinio que toda autoridade democrática debe asumir como condición de lexitimidade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Miguel Anxo Bastos
Extremadura: la clave está a la izquierda
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Dos éxitos o dos fracasos
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
As esperas teñen idade?
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Los rojos que eran (viejos) verdes
Lo último
PRIMERA FEDERACIÓN
Una victoria para terminar el año del Arenteiro
EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense