Ti, morena, quen es?

TÍA MANUELA

Publicado: 23 sep 2026 - 00:40
La Región

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo sen rumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantas somos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se é o caso. Chámome Fouzia, un nome que podería ser Vitoria. Que lle parece?

Aquel capitán, acostumado a recibir as ondas bravías de mares distintos, acaneou a cabeza e saudou con aprecio e boa cara á morena camuflada, con destino a onde tocara. A poder ser a algunha terra firme e liberada, a unha terra onde os homes fosen donos de seu e as mulleres, tamén, donas de seu. Os nenos, non. Os nenos teñen a necesidade e o dereito de seren protexidos, amparados e educados polos seus pais.

Eles, os nenos que chegaron a Ceuta estes días pasados, cando principiaron a viaxe, saberían para onde ían?

Os nenos non poden ir ao mar, deben estar na casa, na praza do lugar onde viven e na escola máis achegada. Alí, cos outros nenos, é onde teñen o seu sitio. Por iso Fouzia aprópiase da razón cando afirma que ninguén ten dereito a secuestralos. Ningún goberno pode promover a separación das nenas e nenos do seu grupo familiar, da súa nai, da súa vida, do seu entorno, dos seus irmáns. Aínda que sexa ordenado pola lei, poida que sexa conveniente algún reparo.

Eles, os nenos que chegaron a Ceuta estes días pasados, cando principiaron a viaxe, saberían para onde ían? E, agora, alguén será quen de explicarlles onde están? Din as crónicas xornalísticas que detrás de todo isto que ocorre en Ceuta están as mafias. Pode ser, poida que as mafias dobreguen e ordenen as accións gobernamentais en determinados territorios e con determinados gobernos, pero é de supoñer que un goberno, en acción de axuda aos seus cidadáns, é capaz de minimizar, primeiro, e logo destruír o poder de calquera e de tódalas mafias.

Aqueles mandatarios, de aquí ou de fóra, dunha ou doutra ideoloxía, dalgunha relixión ou de ningunha, que permiten e axudan á construción e á montaxe de vivendas en carpas instaladas en lugares non adecuados, parece evidente que actúan á marxe dos intereses da cidadanía e das recomendacións que fan as organizacións humanitarias, as que din defender os dereitos humanos.

Fouzia volverá á terra, calquera día, e dos dous lados da raia estarán os seus compatriotas sufrindo e malvivindo.

Contenido patrocinado

stats