Músicas de calidade

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 25 mar 2026 - 03:55
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Nestes tempos que vivimos, no eido da música o que máis se escoita e a chamada comercial. O pouco espazo que ocupaba a clásica ou máis seria, esa que ten un obxectivo que vai máis alá da diversión, foise perdendo nunha sociedade que cada día, con máis tecnoloxía, a meu xuízo, ten menos sensibilidade para escoitar e valorar as obras que, por seren máis complexas ou plenamente descoñecidas, non se quedan nos oíntes nunha primeira audición. Chega con ollar e escoitar os medios audiovisuais, onde o comercial con moitos ritmos doutros lugares ou o “chunda chunda” gaña espazos co único obxectivo de divertir á masa.

E se nos achegamos ó eido local ourensán, a situación faise moi evidente. O decibelio exclusivamente festivo acapara todo sen que exista ningunha partida para cubrir as inquedanzas da xente que quere escoitar outras músicas e que traballa pola cultura en xeral, cubrindo espazos onde non chegan as institucións públicas. Por tal motivo sempre son de agradecer as poucas iniciativas que son amparadas por algún ente público, como é o caso da Deputación ou da Xunta, pois algo é algo.

Hai uns días púxose en marcha a primeira edición do Festival Ourenclásica. Nel tivemos a oportunidade de escoitar ó guitarrista ourensá Marcos Díaz. Ali desfrutamos en pleno directo de pezas de autores como Tárrega, Rodrigo, Agustín Barrios Mangoré e outros. Todo un pracer nunha sala onde o silencio permitía degustar a pureza dos sons que brotan do instrumento sen artificios nin axudas técnicas externas. Este festival pechouse cun extraordinario concerto do violinista ourensán José Manuel Álvarez Losada, acompañado ó piano por Juan Carlos Cornelles. Esperamos que esta primeira edición se repita e se consolide no tempo.

Os que dalgunha maneira traballamos por achegar a cultura nas súas distintas versións sentimos con tristura que se ignoren aposta estes esforzos polo ente local

Hai tamén uns días tivo o seu espazo outro festival, Gratia Plena, que camiña xa coa terceira edición e que contou con dous concertos. O primeiro, cunha poeta ourensá, Alba Cid, e o saxofonista tamén desta cidade Xosé Miguélez. Este encontro tivo como obxectivo unir poesía e a música nun mesmo espazo. No segundo concerto tivemos a oportunidade de escoitar a arpa e voz cálida e sentida de Anna Amigó explicando e interpretando con moito gusto e delicadeza cantigas do folclore catalán. A voz de Anna e os sons e ritmos da arpa encheron de música un recinto fermoso que nos transportou a tempos lonxanos, onde os romances e as cantigas de amor deixaron unha pegada moi importante na sociedade, e hoxe son a base da música tradicional. Todo un pracer para os sentidos no espazo fermoso da igrexa dos Santo Anxos no barrio do Couto.

Pois ben, seguindo a estela destes festivais, nesta primavera xa esperamos a chegada do consolidado Pórtico do Paraíso. Seguro que virá nesta edición cargado de importantes e boas sorpresas para os amantes da boa música.

Con todo, e a pesares destas iniciativas que son dignas de louvar, os que dalgunha maneira traballamos por achegar a cultura nas súas distintas versións sentimos con tristura que se ignoren aposta estes esforzos polo ente local. Cando chegou a democracia moitos pedíamos que nos concellos houbera unha concellería de cultura, mais ninguén maxinaba que no Concello das Burgas se traballara para desfacer o pouco tecido cultural existente en Ourense. E todo sen aspirar a nada que lle dea nome a esta cidade e contestación ás demandas dun sector social que ve a vida doutra maneira moi distinta ó da troula pola troula. En fin, co desexo de que as iniciativas nomeadas sigan dándonos momentos musicais de ledicia, é de xustiza recoñecer o bo facer das persoas que se poñen ó fronte destes proxectos culturais, pois con estes eventos o nome desta nosa Auria chega máis ala do Padornelo, e satisfai ós que apostamos pola cultura con maiúsculas.

Contenido patrocinado

stats