Manuel Baltar
Fiebrero
CAMPO DO DESAFÍO
Pasei o Entroido nunha antiga casa do Ribeiro do Avia, o Avon shakesperián que Cunqueiro quixo situar entre viñedos de Leiro e Beade, na proximidade de Ribadavia, a Praga que Risco entreveu dende a Ponte do Burgo. Polo Ribeiro do Avia e do Miño as mimosas pintan, dende os vales dos ríos ás leves alturas das bocarribeiras, a paisaxe da comarca. Unha paisaxe donde o monte agreste das sobreiras e amorodos, do raposo e o porco bravo, deixa paso á colonizadora e civilizada cultura do viño, a cartografía xeométrica dos viñedos, as ringleiras de postes galvanizados e kilómetros de cable de aceiro que suxeitan en espaldeira as cepas aínda novas. Aquí e alá xurden as adegas de cubos blancos racionalistas en contraste co barroco das iglesias, dos pazos e aldeas borrosas.
A señorial casa de pedra sobre o Avia, loureiros e hortensias no xardín, adianta unha gran balconada apoiada en grandes e sólidos canzorros lobulados. Dentro, no salón, as vellas táboas de castaño e as alfombras de colorista lá portuguesa, acollen o mobiliario de madeiras macizas e sons de carcomas lentas. O gran comedor é unha abigarrada mistura de sofás modernos de coiro branco, de loza inglesa do XIX, algunha sopeira de Sargadelos no alféizar da fiestra do ponente, un reloxio de péndulo e pezas de aceiro do artista, cerámicas esmaltadas pintadas, ánforas intervenidas, cabezas e pés mortificados; grandes pratos con anduriñas brancas, roxas e negras.
A señorial casa de pedra sobre o Avia, loureiros e hortensias no xardín, adianta unha gran balconada apoiada en grandes e sólidos canzorros lobulados
Collo uns vellos catálogos coas monumentais fotos de Mani Moretón no mosteiro de Oseira, en San Domingos de Bonaval, nas beiras do baixo Limia, ao fondo as Gralleiras de Pitoes. As pezas brillantes do bosque metalizado que o artista foi soldando lámina a lámina, recubrindo a madeira das acacias, semellan testigos espidos dun mundo arrasado. O artista as observa co ollar abstraído namentras acariña as grandes ánforas cerámicas, segue cos dedos as incisións no barro, letras e números dun xeroglífico á espera da súa pedra Rosetta, repasa as cores verdes, roxos e amarelos do universo barroco, popular, como exvotos de miga de pan de San Andrés de Teixido, fe concentrada, da maxia aldeá e das borlas e cintas dos xamáns peliqueiros destas datas.
O artista, acolledor, xeneroso, trae viño da adega, da súa viña. Son botellas panzudas, tipo borgoña, non as funcionariais bordelesas. As descorcha e brota un arrecendo de treixaduras tamizadas pola loureira. A treixadura ten, en determiñados chans do Ribeiro, cheiros de rusticidade que danlle, ao viño, honrada autenticidade. No exterior, a auga molla as varandas de ferro fino, os muros de pedra e un camelio de follas relucentes e froles bermellas. Pasa a tarde, falamos da posibilidade de que se vive na proporción na que se ansía vivir máis.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
SALUD MENTAL
El Campus ofrece ayuda psicológica a sus alumnos
INCIDENCIAS ELÉCTRICAS
El Concello de Toén, harto de los sucesivos cortes de electricidad, urge medidas
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Libertad de expresión