Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El banquito de piedra que aún queda en el jardín
Nun momento en que Gabriel Rufián reivindica a urxencia dun bloque progresista estatal, Sumar anda a voltas cunha refundación sen cambios substantivos e Podemos ratifica que vai por libre, o debate sobre a unidade da esquerda debería interpelar directamente a Ourense. A cidade leva dúas lexislaturas gobernada por un “bipartito encuberto”. PP e Democracia Ourensana protagonizan un pacto sen coalición formal que os populares sancionaron horas antes da investidura de 2019 e repetiron sen rubor en 2023. O que en Xénova se vai normalizando progresivamente -Guardiola en Estremadura, Azcón en Aragón- leva xa máis de seis anos funcionando en Ourense con DO, formación a encadrar no ultrapopulismo autoritario na liña de Vox. A cidade senta precedente nun debate que a escala española aínda non está completamente asimilado.
Os datos contradín a percepción dunha urbe socioloxicamente conservadora. Nas xerais de novembro de 2019, a suma de PSOE, Podemos-EU e BNG superou o 54% do voto na capital. Nas municipais dese mesmo ano até cinco candidaturas progresistas alén de socialistas e nacionalistas concorreron por separado, nunha exemplar demostración de minifundismo político: Ourense en Común (2.081 votos), Unidas Podemos (1.456), Ourense Mellor (1.090), Espazo Común (814) e Compromiso por Ourense (198), sumando un total de 5.639 sufraxios que se perderon polo selo proporcional. A balcanización impediu a acumulación de forzas. Non houbo anomalía ideolóxica no electorado ourensán: fallou a arquitectura política chamada a canalizar ese voto.
Malia as dimensións da desfeita, a esquerda local non aprendeu a lección. En 2023, Agora Ourense -confluencia de Podemos, IU e Ourense Mellor- concorreu mais sen caras recoñecibles, sen proxecto definido e sen ancoraxe territorial. O resultado foi a súa marxinalización electoral. A participación aumentou en 3,5 puntos respecto a 2019, pero foi Pérez-Jácome quen mobilizou, non os progresistas. Sen presentar batalla desta volta, a esquerda regalaba novamente o escrutinio: en 2019 por división, en 2023 por abstracción. As 30.182 abstencións permanecen como reservorio electoral para quen ofreza razóns para ir ás urnas. Seixalbo, único barrio onde a esquerda ganou en conxunto, e a zona da Estación, onde o PSOE ficou a tres votos de ser primeira forza, amosan que a mobilización é posible cando existe proxecto e arraigo no territorio.
A nosa urbe constitúe unha destacábel excepción no panorama galego. As outras cidades -Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra e Lugo- están gobernadas por forzas progresistas, o que acredita que a esquerda é competitiva en contextos urbanos semellantes. Ourense non é diferente na súa socioloxía, pero si na súa oferta política. Máis alá da escachiza progresista, esa diferenza ten un responsable concreto: o PP ourensán, que en 2019 e en 2023 optou por investir a un alcalde de DO antes que competir de verdade polo goberno municipal, consolidando un modelo de dependencia mutua que lexitima o populismo e impide calquera alternancia. A Deputación e a Xunta, tamén en mans populares, pechan un triángulo institucional que, paradoxalmente, non derivou nunha meirande atención nin impulso para a cidade.
O PSOE está chamado a ser o eixo da alternativa, pero non conta con masa crítica para gobernar en solitario: precisa aos outros tanto como eles o precisan a el. O precedente máis inmediato é a experiencia de 2007: Paco Rodríguez chegou á alcaldía mediante un acordo programático co BNG que rompeu doce anos de maiorías absolutas do PP sen que ningunha das dúas forzas renunciase á súa identidade. Foi un pacto poselectoral, non unha candidatura conxunta, e ese matiz importa. Do mesmo xeito que Bildu e ERC non participan do bloque que reivindica Rufián, o BNG tamén queda fóra deste proxecto unificador, pero non da ecuación de goberno. Ourense afronta un escenario de emerxencia urbana -despoboamento, parálise institucional, deterioro dos servizos- que esixe propostas valentes e diferentes. Iso require un programa compartido desde os barrios, diálogo cos vestixios da sociedade civil, referentes capaces e lexítimos, e ceder espazo nas listas. Un traballo que está por facer.
O risco en 2027 é que o espazo á esquerda do PSOE chegue sen proxecto coñecido nin perfís xenuínos e competentes. Sumar non ten tradición nin arraigo en Ourense; Podemos, que vai por libre, chegará debilitado ou directamente non chegará; e as eventuais confluencias, que deixarán todo para última hora, non resultarán cribles e sucumbirán á precipitación, carentes de deseños concretos e acaídos. O minifundismo político ten moitas formas: dixemos que a de 2019 foi a fragmentación e a de 2023 a abstracción, pudendo ser a de 2027 a da improvisación. O debate sobre a unidade da esquerda é necesario e perentorio, tendo en Ourense unha tradución moi concreta: haberá unha candidatura progresista que fale da cidade, non de si mesma, susceptible de mobilizar aos milleiros de votantes que optan polo enfado ou a abstención? Se a resposta é non, o bipartito encuberto continuará a gobernar. E Ourense seguirá a ser esa cidade que a esquerda regala.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El banquito de piedra que aún queda en el jardín
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
La ciudad desde arriba
Francisco Lorenzo Amil
TRIBUNA
Valle-Inclán en la “Atenas de Galicia”
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Todos los ojos puestos en Netanyahu
Lo último
Guerra en Ucrania
El G7 reforzará las sanciones al gas y el petróleo rusos
OBITUARIO
Adeus a Lola, a tecedora de afectos
SESIÓN DE CONTROL AL CONGRESO
Feijóo acusa a Sánchez de ser un “cobarde” y de “amordazar” al Parlamento y este le llama "Torquemada de la vida"