Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
TRIBUNA
Como todo cativo, dende que remataba o verán eu xa contaba os días que quedaban para que chegaran as vacacións de nadal. Comezar o calendario de advento de chocolate, decorar a casa con adornos de nadal, rodear xoguetes nunha revista de propaganda, escribir a carta ós reis magos… Pero sobre todo, o meu momento favorito sempre foi o gran concerto de nadal que sempre facía o día 24 pola noite na casa da miña avoa.
A que desfrutaba de xuntarnos a todos en cada mínima ocasión, a que se complicaba a vida con comidas imposibles
Ese día dende ben cedo xa comezaban os preparativos. Mentres meus pais facían as últimas compras e a miña avoa comezaba a facer os preparativos para a cea. Eu poñía na cadea de música uns CDs que había pola casa, de villancicos e temas navideños. Elexía uns poucos e comezaban os ensaios, nalgúns tocaba pequenas melodías sacadas de oído coa trompeta, logo cantaba ou engadía instrumentos de pequena percusión e noutros simplemente bailaba. Con todo isto pasábaseme a maña e logo de comer quedaban por confeccionar os programas para o concerto (todo feito a man e con moita purpurina), as entradas e o discurso de presentación tampouco podían faltar.
Á tarde noite daba lugar o espectáculo e despois dos aplausos viña a cea de noiteboa a cal facía a miña avoa con todo o agarimo para nós.
Durante moitos anos esta foi a tradición, á que pouco tempo despois se engadiu o meu irmán cativo, Iago, elaborando así, ano tras ano un espectáculo aínda maior.
En 2018 todo cambiou. Despois de varios meses de sufrimento deixábanos un oco tremendo na mesa e sobretodo nas nosas vidas a que para min foi sempre a alma do nadal. A que desfrutaba de xuntarnos a todos en cada mínima ocasión, a que se complicaba a vida con comidas imposibles e cociñaba cantidades como para un exército de soldados famentos, a que máis desfrutaba dos meus concertos de nadal e sempre pedía de bis o “Concerto de Aranjuez” e a que facía que non se daba conta de que roubaba a última filloa do montón á mínima que se distraía con algunha cousa: a avoa Milagros, ese era o seu nome. E asemella que o elexiron a sabendas do esencial que ía ser nas nosas vidas.
Porque para min o nadal sempre serás ti, “abueli”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último