Neolíticos e tradicións cibarias

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 29 nov 2025 - 00:05

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A capacidade de producir alimentos por medio da agricultura e a gandaría, ou o que é o mesmo, o Neolítico, cambiou para sempre o rumbo da humanidade. Ocorreu, con significativas variación zonais, hai uns 8.000 anos. O sistema económico anterior era a caza e a recolección de alimentos, que non debemos interpretalo como unha fase inferior. Foi quen de alimentarnos durante, nada menos, máis de catro millóns de anos, ademais de sustentar o proceso evolutivo da nosa especie, dende os primeiros ardipithecus ata nós, os sapiens, pasando polos australopithecus, erectus. antecesores, heidelbergenses, denisováns ou neandertais, por citar os máis coñecidos. Mesmo nós -sapiens-, vivimos uns case 200.000 anos como cazadores. E non nos foi mal.

Foi a base da tradición cibaria, é dicir, o que cada cultura ve apropiado consumir apoiándose na experimentación ancestral de determinados produtos.

A caza e recolección tivo avantaxes, como a menor inversión de horas de traballo ou a riqueza da dieta. Pero o novo sistema campesiño permitirá planificar a tenencia de animais e plantas comestibles e utilizar menos superficie de terreo para alimentar a poboación. E non só. A creación de parcelas agrarias vai iniciar unha nova relación co territorio, levando progresivamente á sedentarización e, máis adiante, a aparición do Estado como forma de organización social, o que serán as primeiras grandes civilizacións. No en van o gran prehistoriador Gordon Childe denominou á etapa que inicia a produción de alimentos Revolución Neolítica, coa mesma importancia -se non maior- na historia da humanidade que a xa admitida denominación na historiografía Revolución Industrial. Pero o inicio da produción de alimentos no Neolítico non foi uniforme a escala mundial, como tampouco nas especies cultivadas, é dicir, domesticadas. A referencia para Europa foi o Próximo Oriente, aquela zona comprendida entre os río Tigris e Éufrates que domesticaron principalmente o trigo e a cebada. Desta zona primixenia que irradiou ao chamado Crecente Fértil, incluíndo a Exipto, o sistema agrogandeiro estendeuse por toda Europa, chegando ao noroeste hispánico entre o VIº e o Vº milenio BC. Outros focos foron China ou a India, baseándose no produción do arroz, común tamén no Neolítico Subsahariano. Un terceiro foco foi o continente americano, co predominio da produción de millo.

Decátense da incidencia que os primeiros produtores de alimentos tiveron na alimentación das distintas culturas do planeta. Foi a base da tradición cibaria, é dicir, o que cada cultura ve apropiado consumir apoiándose na experimentación ancestral de determinados produtos. Antes dos intercambios globais que se deron, primeiro cos grandes imperios do mundo antigo, despois multiplicados na época dos grandes descubrimentos xeográficos -cuxa relación co Renacemento non é casual- case podiamos dividir o mundo entre o consumidores de trigo-cebada, de arroz e de millo. Hoxe, pese a unha globalización comercial da que non pode fuxir a alimentación e o intercambio cultural-cibario, seguimos desfrutando do millo como base nos restaurantes americanos ou do indispensable arroz nos orientais. Incluso bebidas alcólicas creadas en Europa coa cebada -caso do whisky- ten a súa réplica transatlántica no bourbon americano, elaborado con millo.

Non esquezan, ademais, que os alimentos tamén se sacralizan, polo que tampouco é casual que no Cristianismo, nacido no territorio do antigo Crecente Fértil, o sacramento da Comunión utilice o trigo. A alimentación é moito máis que o primario feito de nutrirse.

Contenido patrocinado

stats