Non, a culpa non é deles

Publicado: 22 ene 2025 - 00:30

Ai xa uns días, cando a herdeira do trono de España zarpaba no Juan Sebastián Elcano pra, a bordo del, darlle unha voltiña ó continente suramericano, que non ó mundo enteiro, a televisión pública agasallounos cun titular ditado ou ben pola ignorancia cando non por certa ironía que non contentaría a uns e faría sorrir a outros. Nel asegurábase que a princesa Leonor atracaría en oito países. Non é por nada pero quen atracará ha ser o barco, non ela. Non ten porque ser así, pero estes lapsus calami, (en galego e segundo a RAE deslizamiento de pluma) estas noticias, a de que unha Borbón atracará en oito países algo poden indicar que viría a conto ter moi en conta.

Non ha ser preciso que se lles recorde ós lectores a submisión nosa, a mesma que se resume nunha frase que dicimos sorrindo índa que sexa co beizo retorcido. Mexan por nós e hai que dicir que chove; logo, damos media volta e así ata a seguinte

Uns días despois a prensa, desta volta a prensa escrita, informábanos de que Renfe ha cambiar trens do Eixo Atlántico por outros máis lentos e con menos prazas. Facíao V.P, Currás nun xornal como é ECG, acompañándoo dun subtitular no que se advertía que tal decisión respondía a un acordo coa Generalitat catalá e suporá o traslado de cando menos media ducia dos doce S-121 destinados a unha liña coa metade de ocupación da galega. En cal medida? Pois na seguinte: “A R16 catalá ten 59 pasaxeiros por cada 100 prazas ofertadas e en Galicia son 142”. Aí lles queda iso.

Hai anos argumentouse no Parlamento catalá que o AVE non debería vir a Galicia porque non ía ser rendible, dado que é preciso un millón anual de viaxeiros pra que o sexa. Non reproduzo a cifra acadada pola Estación de Ourense nos seis primeiros meses de funcionamento da alta velocidade pra que non me chamen fabulador dado que o meu oficio ven sendo o de novelista… e xa se sabe. Pero xa nos vai chegando. Recórdolle ó lector que os aranceis cos que se gravou o liño en beneficio do algodón, acabou coa nosa importante industria téxtil a mediados do século XIX e afórrolle dar máis datos ó respecto.

Cando se lle suxire a alguén (alguén interesado no tema) este adoita responder que os galegos aportamos pouco electorado chegado o intre das eleccións xerais. Recoño! Non debe ser por iso, os vascos non son máis habitantes ca nós e xa ven como lles vai. Cataluña ten máis electores, pero é de temer que a nosa non resposta a estes accesos poida ser, éo, a causa dunha obsecuencia secular que xa se fixo crónica e nos leva a aceptación de realidades coma estas, a nós, galegos de choiva mansa que deixou dito o poeta.

Non ha ser preciso que se lles recorde ós lectores a submisión nosa, a mesma que se resume nunha frase que dicimos sorrindo índa que sexa co beizo retorcido. Mexan por nós e hai que dicir que chove; logo, damos media volta e así ata a seguinte.

Espabilaremos algún día? É de temer que non e que sigamos así. A obsecuencia, esa resposta de quen está sendo sodomizado e se revira pra se desculpar por ter que estar dando a espalda ó sodomita nunha situación tan íntima, esteamos xa tan afeitos a ela que, perdóeme o lector e disimúleme o exabrupto, ata nos sentimos a gusto por considerar que é unha expresión máis do noso moi coñecido e puñeteiro “sentidiño”. Celebrarémolo no próximo Galeuzca. Terá lugar cando lles interese ós que tanto nos aman e consideran. Uns teñen máis votos e, polo que se ve, os outros teñen millores argumentos. A culpa non é deles, a culpa é nosa, tan mansos. Poderémolo considerar un atraco, este si.

Contenido patrocinado

stats