Novas realidades, vellas respostas

Publicado: 15 ene 2025 - 00:38

Aí atrás un benquerido amigo comentou o exceso no que, segundo el… e aínda segundo algúns outros máis, andamos nestes días por conta do cabodano (tamén outro máis) do pasamento do xeneral ferrolán, aquil que ditou a súa vontade soberana por riba da de todos os seus coetáneos e que, asistido pola súa equipa médica habitual morreu na cama despois de serlle transfundidos litros e máis litros de sangue.

A pregunta que debemos formularnos é a de que como é posible que, tendo mudado a realidade tanto como mudou, a sociedade, a nosa sociedade globalmente entendida, pero de xeito fundamental e determinante a sociedade política, manteña os mesmos postulados e as idénticas actitudes ás de hai tantos e tantos anos

Medio século despois, somos moitos os que temos concisa memoria do xeneral ó que se refiren as liñas anteriores. Non mudou a nosa apreciación do que foi a Guerra Civil, desatada pola insurrección militar, si, pero tamén como consecuencia dos erros daqueles que gobernaron nun curto período de cinco anos e, ó meu entender e esencialmente, por unha sociedade suxeita a un 75% de analfabetismo, unha pobreza propia da era medieval e a riqueza dunha aristocracia afeita a vivir da terra e convencida, aínda, de que empregar diñeiro nunha empresa ou na industria era impropio deles. Teño oitenta anos e recordo, recórdoo á perfección, o desprezo e a doutrina emanados dos chistes sobre os novos ricos, a ridiculización daqueles que non sabían máis que gañar diñeiro e non saber comer peixes axudados por unha pa de pescado.

Esa era a realidade daquel tempo. No Campo do Pompeo, o espazo de deportes é fundamental e principalmente das nosas medias horas cotiás, dos entón alumnos de Instituto do Posío, do INEM como se lle dicía, neses recreos, non era sorprendente que como alguén sacara unha mazá da bolsa do bocadillo que non todos levaban, sempre houbese alguén que, anticipándose a outros, dixera “pídome o carozo!

Eran tempos post bélicos, aqueles tempos nos que o xeneral trunfante, e Xefe do Estado e do Goberno do país, exercía os seus cargos “pola gracia de Dios” logo de saber gañar a Guerra Civil, pero tamén de non saber gañar a paz, según moitos así o consideran, entre eles este vetusto escribidor de vostedes. Puido aforrarse á represión posterior ou á cifra de sentenzas de morte que lord Hug Thomas cita no seu importante libro sobre “La Guerra Civil española”

Veñen estas consideracións, que posiblemente sexan rebatidas por uns e por outros, polo que se antolla un feito irrebatible. Cal? Pois, o de que aquela realidade e a posterior e aínda vixente en tres lustros, á dos recreos do alumnado no campo do Pompeo, aquela realidade, non ten nada que ver coa hoxe vixente. Pode que se lle pareza nalgún extremo, mesmos nalgunhas extremosidades aínda mantidas, dun lado e doutro do actual espectro político, cando o certo é que a realidade é xa e afortunadamente outra.

A pregunta que debemos formularnos é a de que como é posible que, tendo mudado a realidade tanto como mudou, a sociedade, a nosa sociedade globalmente entendida, pero de xeito fundamental e determinante a sociedade política, manteña os mesmos postulados e as idénticas actitudes ás de hai tantos e tantos anos.

Seguro que hai respostas dun lado e doutro e que non será quen asina estes parágrafos quen vaia ofrecerllas agora ós que os estean lendo. Pero si será quen pregunte, porque non o da entendido de todo, nin sequera aceptado, que tendo mudado como mudado leva a nosa realidade non teña feito o mesmo a súa resposta ante ela. Pregúntase porque o que tamén parece certo é que, se por riba dela, por riba da nova realidade perduran as vellas respostas, poden perdurar tamén as mesmos feitos, as mesmas respostas, en virtude dos mesmos comportamentos. Convén botarlle unha pensada, uns e outros, todos estamos no mesmo saco.

Contenido patrocinado

stats