O principio e o fin

Publicado: 02 jun 2024 - 08:09 Actualizado: 02 jun 2024 - 18:56

Xinzo homenaxeou onte a Gonzalo Iglesias Sueiro co nomeamento de fillo adoptivo por parte do Concello; merecida honra para quen sen ser nativo leva décadas acumulando méritos e exercendo como limiao de pro. Brillante colofón para unha iniciativa popular que a Corporación municipal asumiu como propia de xeito unánime, nunha lección de altura de miras infrecuente nestes tempos e demostrando que a concordia dende a pluralidade non só é posible senon que resulta moito máis rendible que a bronca.

A xuntanza foi un baño de emocións colectivo de raíces dispares, en línea co que representa o homenaxeado, pois na mesma persoa conflúen varios Gonzalo. Foi neno precoz en tempos de vida complicada, trufada polas necesidades e a falla de liberdades. Membro dunha familia cunha saga de mestres, foi fillo de Paz Sueiro -dona Pacita para o todo Ourense da época-, directora do Colexio Sueiro. Exerceu o maxisterio apenas superada a adolescencia ó tempo que daba inicio a unha intensa vida de activismo político, social e cultural coa ética como norte en pos dunha sociedade mellor.

A xuntanza foi un baño de emocións colectivo de raíces dispares, en línea co que representa o homenaxeado, pois na mesma persoa conflúen varios Gonzalo

Así asumiu compromisos e responsabilidades políticas na clandestinidade, xunto a outros arriscados camaradas nucleados en torno ao PCE. A mediados dos oitenta trasladou os seus esforzos ó PSOE –chegou a ser o líder provincial-, mantendo incólumes a vocación de servizo e os principios de integridade e solidariedade que guiaron sempre a sua actuación, ben que fose como concelleiro de Xinzo, director de centro, delegado provincial de Educación ou alcalde de Xinzo.

O soporte desa actividade arrolladora foi sempre a familia: a sua compañeira de vida, o seu fillo e as fillas, que sacan o Gonzalo máis afectivo e menos coñecido. Viaxeiro impenitente, lector compulsivo e contumaz, posúe unha vasta cultura que impregnou todo o seu facer, como ben definen os seus antiguos alumnos cando lembran ó profesor de matemáticas que ensinaba máis humanismo que álxebra. Gran erudito e cunha portentosa memoria que ordena e procesa o caudal de coñecemento, construe fondas reflexións que lle confía ó Vello Milenario -o seu alter ego- en excelentes artigos ou conta con brillante oratoria en impagables tertulias de sobremesa cos amigos.

Xa nomeado fillo adoptivo de Xinzo, dende a máxima emoción afirmou, como Neruda, “Confieso que he vivido”; e tal vez podería asumir con Terzani que el fin es mi principio.

Contenido patrocinado

stats