Rafael Torres
El burka de Vox
Non sei se a palabra "obscenidade" virá como din uns do latín "ob caenum", expoñer a inmundicia fóra, ou como din outros, da forma "ob scenus", saírse da escena, do teatro da vida, do correcto. O que si sei é que o seu antónimo, a palabra "decoro", ten que ver cun latino "decor", beleza, encanto, graza, do que tamén vén decorar e decoración. O decoro decora, e a obscenidade lixa.
En calquera caso estou preocupado porque comportamentos obscenos, nada decorosos, na sociedade actual deixen de ser noticia. Despois falareilles diso. Despois.
A min gústame a sociedade occidental. A capitalista, máis concretamente. Con virtudes públicas e privadas. (Non me gusta a expresión "valores", que logo todo ten un "valor" e se compra e se vende. Mellor virtudes.) Atráenme na historia as democracias como a inglesa que sostiveron a ollada limpa e a mente clara mentres enterraban, co corazón roto, os caídos nas guerras mundiais. Por iso aborrezo o capitalismo entolecido, ultraideoloxizado da Alemaña ou Italia daquela época. Ou tamén, o desaforado de hoxe en Rusia, China. Porque o capitalismo pode desvariar e pensar que o diñeiro é máis importante que a xente. Ou que é máis importante o beneficio que a natureza. Se así se comporta, se sacraliza o valor do beneficio ilimitado, do aproveitado sen límites e con xustificiación dogmática, se se perde de vista que o obxectivo de calquera sistema social debe ser a felicidade humana maioritaria, entón a cousa vai mal.
Ou sexa, creo que é unha obscenidade que media ducia de futbolistas cobren ducias de millóns de euros ao ano, aínda que produzan máis ao seu clube, e creo obsceno un sistema que potencia iso. E non sei se será aínda peor, un síntoma da perversidade dominante, que ninguén se achegue ao tema desde a crítica e que se aturen con normalidade os telediarios coa metade do tempo dedicados aos que xogan á pelota. Para min, que queren que lles diga, máis grave que enchufar nun traballiño modesto a un tipo que non sabe valerse ben por si mesmo, paréceme darlle medio millón de euros á semana a un mociño por enredar cunha pelota e facer del un deus de cartón. Si, os que sosteñen os loureiros sobre as súas cabezas debían dicirlle como en Roma: "Respice post te, hominem te esse memento" ou polo romance: "Mira atrás e lembra que só es un home". Para que non escorreguen pola vida, como Maradona.
Si. Hai un grave problema de modelos. De espellos onde mirárense os mozos. En fin. Todo o que rodea o fútbol é unha obscenidade invasiva e asumida sen contestación. E preocúpame. Outrora os anticlericais queimaban igrexas, e agora uns paleoanticlericais están preocupados, vaia cousa, por unha misiña na tele no cedo da mañá do domingo. Aínda que nunca a vin, non me estrañaría que fose do menos malo da TV de hoxe.
En fin, se cadra os antisistema de verdade somos os ateos do fútbol-relixión, os que queimariamos sorrindo posters dos deuses do balón, do Madrid e do Barça, os que nunca entramos nos seus templos-estadios nin seguimos as súas misas-partido pola televisión. Inda que nolas queiran meter polos ollos na rúa. Agora, a verdade, incluso me apetece menos ir a Madeira que hai unha semana. Serei un bicho raro. Serei.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Sociedad de Promoción Exterior Principado de Asturias
Bruno López, director general de Asturex: “Exportar requiere paciencia, constancia y músculo económico”
RESTABLECER LA NORMALIDAD
Clemente González: “Para San Vicente é necesario un proxecto de pobo”
DESFILE ESCOLAR
Los escolares animaron plazas y rúas en Celanova