Obsolescencia sen programar: a ONU

Publicado: 31 ene 2026 - 00:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Segundo a ONU, nesta semana celebramos tres días: O 27, foi o día Internacional das vítimas do holocausto; o 28, o Día internacional da coexistencia pacífica; e mañá domingo 1 de febreiro comezaría a Semana mundial da harmonía interconfesional. Ou sexa, traparratrá María Manoela. Porque a Organización das Nacións Unidas (ONU), nacida entre os cascallos de 1945 coa intención de “preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra”, atravesa hoxe unha gran crise de identidade e operatividade: pouco vale porque para pouco serve. O mundo que a viu nacer xa non existe pero a arquitectura institucional que debe xestionar a paz global e harmonía universal, segue conxelada nunha fotografía sepia de mediados do s. XX. O desaxuste entre a súa composición, as tarefas que se lle encomendan e as realidades do s. XXI esixe unha reformulación tan profunda como a que supuxo, daquela, o paso da defunta Sociedade de Nacións á ONU. Porque se as estruturas políticas non se adaptan á realidade, -como pasa cos concellos en España, un século máis vellos- deixan de cumprir as súas funcións de servizo.

A situación da ONU é de fallo multiorgánico. O Consello de Seguridade, por exemplo, con cinco membros permanentes con dereito a veto -os supostos gañadores da II GM (Rusia, Estados Unidos, Francia, Inglaterra, China)- ignora o ascenso de potencias como a India ou o Brasil. A Asemblea Xeral, onde rexe o simpático principio de “un país, un voto”, xera unha distorsión estratosférica: un paisiño (digamos, Nauru, no Pacífico, con 12.000 habitantes e 21 km2, como o concello de Vilar de Santos) ten o mesmo peso formal cá unha potencia (digamos a India, con 1.400 millóns de habitantes e 3.287.263 de km2). Esta “democracia de estados” ignora a demografía e a capacidade real de influencia, e permite que xuntoiros de nacións pequenas poidan aprobar resolucións que, na práctica, carecen de forza ou de lexitimidade ante os países grandes que son os que pagan e executan. (Nauru achega o 0’001 do orzamento da ONU, mentres EEUU o 22 %, ou Rusia o 1,86; menos, incluso que España, o 2,13). Tamén, as súas organizacións de axuda humanitaria – para que dúas?- operan en liña opostas. ACNUR, trata de arranxar problemas -reasentamentos e integración de poboacións desprazadas- en todo o mundo, dos Balcáns a Asia; mentres que outra, a UNRWA, centrada nun só conflito, exerce a política contraria.

Esta “democracia de estados” ignora a demografía e a capacidade real de influencia, e permite que xuntoiros de nacións pequenas poidan aprobar resolucións que, na práctica, carecen de forza ou de lexitimidade

Estas e outras cousas aproveitounas Trump para proxectar entre os seus cidadáns/votantes a idea que a ONU sería un organismo “antiamericano” e ineficiente que consome inxentes recursos sen ofrecer o retorno da estabilidade mundial. Así, neste xaneiro, retirou a EEUU de trinta entidades da ONU -incluída a OMS- e propón crear un “Consello da Paz” alternativo baixo a súa propia presidencia. E a ONU, un grande e lento elefante, parece non ter capacidade de reacción xunto á crecente animadversión á burocracia supranacional estéril. Está en fase crepuscular.

Hoxe, a ONU enfróntase ao terrorismo, guerras híbridas, actores non estatais e crises que actúan como multiplicadores de conflitos e ao menosprezo do seu principal provedor e lugar da súa sede. A impotencia histórica da organización -Vietnam, Balcáns, piratería no Índico, etc.- ou, actual, en escenarios como Ucraína, Gaza, Sudán, Nixeria, Irán, e fronte ás baladronadas do “caseiro” Trump, evidencia que o motor ONU está gripado. E así xorden xuntoiros diversos de novas voces (Foro de Davos -os ricos-, Foro Social de Porto Alegre -os pobres-, G7, G20, BRICS+, Organización de Cooperación de Shangai, etc.). Se a ONU non se reinventa, con novos equilibrios e funcións, acabará como a Sociedade de Nacións. E poucos -ningún país grande- a chorar por ela. Ah. O 24 de outubro é o Día da ONU. Por certo, recomendou en 1971 que fose festivo mundial, con pouco éxito, a pesar da simpatía segura dos nugallaus todos da Terra.

Contenido patrocinado

stats