Un país de camareiros e de políticos

Publicado: 08 ene 2025 - 00:05

Teño un amigo, en realidade teño máis dun pero, iste ó que me refiro dixo -hai delo uns trinta e pico anos, ou así- que nos estabamos a converter nun país de camareiros. Houbo moita xente á que non lle sentou nada ben. Porén algo de razón seica non lle faltaba; dito sexa á vista no país no que a cousa ven derivando dende entón a hoxe; cando xa somos a sala de festas de Europa, polo menos deica o litoral sur do Mediterráneo non espabile demasiado.

Sucede que non é o mesmo dicir que somos un país de camareiros, que ser un país con camareiros. Tampouco non o é ser un país de funcionarios que un país con funcionarios. E así con tódolos exemplos que se lles ocorran ós meus escasos e moi queridos lectores, como poderán comprender.

Debe ser que os estados de unanimidade sempre me amolaron abondo, tan abondo como pra fuxir deles a fume de carozo, que me entra un nada estraño arrepío ó recordar estes estremos. Digo isto porque, o meu inxenuo amigo, tamén deu por sinalar naqueles xa lonxanos días que íamos camiño de nos converter nunha partitocracia, propiciando así unha nova ocasión na que lle volveron alcumar de todo, agás de bempensante, por exemplo.

O caso é que se isto que padecemos/desfrutamos (dito sexa a gusto de cada un, pero conste que o padecemos, alomenos como eu o entendo) se non é xa unha nefasta partitocracia, paréceselle bastante. Recoñézoo así a risco de que agora sexa eu o alcumado de inimigo da democracia que, xa o avisou Churchill, é certamente o peor dos sistemas políticos descontando tódolos demais. Recordase así porque é necesario resaltar que hai partitocracias e partitocracias e quen o queira entender que o entenda.

Quen lles está a escribir leva exercendo o tal oficio durante máis tempo ca ningún outro. Tan é así que é o único oficio que se me pode atribuir. Pódese dicir que fun mariño, tamén que fun bancario e o mesmo se pode afirmar de terme demorado como profesor e non digamos que tamén como político. Sei do que falo, xa que logo. Todo isto ben a conto do recordo do amigo que avisou que iamos camiño de ser un país de camareiros o que é algo tan malo coma ser un país de funcionarios.

Pero somos tamén un país de políticos. Alguén pode dar a cifra exacta dos cargos públicos remunerados a conta dos distintos orzamentos públicos aprobados en tódalas instancias políticas que compoñen o Reino de España, comparativamente presentados cos existentes noutras democracias pertencentes á Unión Europea?

Tal presentación podería resultar ben elocuente, coido eu. Número de hoteis e restaurans, tamén de camareiros, número de concelleiros e asesores municipais, número de políticos asesorados por rexementos de asesores, cifras de cargos públicos exercentes e mesmo divagantes, que haber hainos. Todas e cada unha das ocupacións en tal medida que sexa, que é de temer. Unha medida que moito se agradecería que botase por terra todo o que eiquí se suxire, malia que puidese indicar que sexa eu o mesmo que aquel meu case defunto e recordado amigo que, chegado o día, Deus acabe por telo onde lle conveña, a Deus naturalmente.

Contenido patrocinado

stats