Paisaxes Oterianas

TRIBUNA

Publicado: 12 abr 2026 - 10:30
A Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro).
A Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba (Amoeiro). | La Región

A Nosa Terra é un constante devalar. Palabras de Otero Pedrayo, porque ninguén soubo interpretar como el, con tanta ciencia, corazón e sentimento, a paisaxe galega: Devalan os vales para o mar como devalan as foulas cubrindo a larganza dos areais, como devalan co seu ritmo maino as penedías ou a maneira da historia destouzando ermos e creando herdades. A historia, un devalar.

O país é un constante devalar, en continuo e frenético movemento, ondulando, serpeando, subindo e baixando, de val en val, de coto en coto, a través dunha rede case infinita de ríos e regueiros. E chove, moito, e de vez vai frío, moito frío, o chan é ácido, de pobre xabre, e cando é de lousa empinan as terras e non abundan as fértiles leguminosas; hai que abrir camiños e regas labirínticas que semellan ir a ningures, e o sol no inverno axiña esvaece por tras do outeiro na angosta valiña.

Das altas serras orientais ata os grandes areais da beiramar é un irrefreable devalar, da mariña á ribeira e á bocarribeira, e logo á montaña e máis tarde á serra (clasificación de Otero Pedrayo). Nin sequera achegándonos ao mar se calma esa tempestade. Morren as terras en exabruptos orográficos como no Barbanza, ou na Costa da Morte, ou no esfragar da Grova; e con eses ritmos van xurdindo universos mínimos moi difíciles de domear.

Neses microcosmos os nosos devanceiros, nun alarde de imaxinación e adaptación ao territorio sen parangón na península, remataron por crear máis de trinta mil núcleos de poboación, a metade dos que hai en todo o estado español en tan só un 5,8 por cento do seu territorio, e maquinaron máis de dous millóns de microtopónimos, unha riqueza inigualable en toda a Europa Occidental.

E así, neste tan complexo e dinámico universo onde nos tocou nacer, xurde un documento excepcional para a organización territorial da vella Gallaecia que se remonta ao século VI: o parroquial suevo, porque sen esa entidade intermedia entre o lugar e a cabeceira comarcal onde chantaba o poder laico ou clerical, sen esas máis de tres mil parroquias, era imposible xestionar e administrar un territorio tan complexo e vital. O que nos dá idea do encomiable esforzo que tiveron que facer os nosos antepasados para construírmos este noso país, esta nosa Galicia; o que tamén nos aproxima á esa autenticidade que vai sempre con nós, a esa visión tan particular que temos do país e que nos tempos negros da emigración se condensaba en dúas palabras: saudade e morriña.

Sen dúbida a paisaxe é algo que nos une, que nos reconforta, porque inda que sexa inconscientemente nos xungue ao pasado para recordarnos quen somos e de onde vimos, porque nos trae lembranzas de momentos e vivencias, de lugares e feitos decisivos que forxaron a nosa historia, a grande e a pequena.

É a dimensión deses mundos diminutos, tan pequenos pero tan diversos onde nos movemos; da corga ao lameiro e deste á touza e logo á aldea ata chegar as restrebas e estibadas da parte derriba onde nace a montaña, o que nos conferiu a capacidade de “enxergar a paisaxe” dun xeito e cunha carga emocional moi diferente á que poden ter outras culturas e civilizacións.

Ese espertar da conciencia cando estamos lonxe, devecendo a Terra, pero que se resume e se reduce unicamente a aquel diminuto escenario, ao “terrón” que tal dixo Curros, do que coñecemos ata o último penedo, ata a última leira ou fío de auga, cos miles de nomes cos que os bautizaron as xentes da antigüidade, e nace e medra en nós esa sensación de sermos nós mesmos “paisaxe”.

Non hai máis que ler os libros que se publican periodicamente de xentes formadas e capaces que hai moito abandonaron a súa aldea, pero que sentiron de repente unha estraña e irrefreable necesidade de nos contar e explicar a todos e con toda sorte de detalles como era e como se desenvolvía aquel seu mundo particular, tan pequeno pero tan interesante. Sen dúbida a paisaxe é algo que nos une, que nos reconforta, porque inda que sexa inconscientemente nos xungue ao pasado para recordarnos quen somos e de onde vimos, porque nos trae lembranzas de momentos e vivencias, de lugares e feitos decisivos que forxaron a nosa historia, a grande e a pequena.

Cando contemplamos a paisaxe non só estamos a mirar a fisionomía e o modelado das formas xeolóxicas; a estrutura, a textura e o cromatismo dos solos e da materia vexetal; a disposición das terras no mosaico de teselas cultivadas; senón tamén a enxergar un xeito especial de tratar e manexar o territorio, onde cada cousa estaba no seu sitio logo de séculos de probar arreo, co seu sistema de canles para as levadas, coa maneira de colocar as pedras nos valados, co deseño do carreiro polo que ía o burriño fariñeiro ou se enfrontaba ao río a soberbia presa do muíño co caneiro; e, ao contemplar esa paisaxe, ese pequeno curruncho, sentimos que se nos pon polas costas todo o peso da nosa historia, co castro silandeiro que se ergue por riba de nós e nos proxecta dous milenios atrás; coa humilde capela levantada no curuto próximo onde subía o cura-druída para escorrentar as treboadas, con aquel penedo inclinado sobre a congostra onde contan un día esperaron e liquidaron unha partida de franceses do mariscal Soultz.

En breve, e grazas a La Región, faremos unha viaxe á que convidamos a todos os nosos lectores polos ríos e montañas de Ourense, por esas paisaxes e espazos máis sobranceiros e significados que gardan tesouros naturais. É tamén un xeito noso de homenaxear a Otero Pedrayo neste seu ano.

Contenido patrocinado

stats