Que pasaría se a ministra de Igualdade fose do PP?

Publicado: 14 nov 2025 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Como deputada do Partido Popular síntome na obriga de facer unha reflexión que moitas persoas comparten comigo, aínda que non sempre o digan en voz alta. Que pasaría se a actual ministra de Igualdade fose do PP e non do PSOE? Que pasaría se os erros na xestión das pulseiras telemáticas para agresores, ou o desastre da lei do “só si é si” -que rebaixou as condenas e sacou do cárcere a centos de violadores e agresores- levasen a nosa sinatura?

Esta dobre vara de medir coa que se está a tratar o escándalo das pulseiras antimaltrato non é só inxusta: é perigosa

Non hai que imaxinar moito. Xa teriamos os colectores do lixo ardendo, as pancartas na rúa, concentracións ás portas dos ministerios, escraches nas portas das nosas casas e das nosas familias, tertulianos pedindo dimisións, campañas de hashtags e toda unha maquinaria mediática activada para convertelo no que é en realidade: un escándalo. E, por suposto, seríamos acusados de recortes, de retroceder décadas nos dereitos das mulleres e de non crer nas vítimas.

Con todo, cando os erros son de quen presume de ser, que non o é, o “goberno máis feminista da historia”, o ruído baixa. O que, de telo feito unha ministra do Partido Popular, sería un escándalo nacional, hoxe xa internacional, o Goberno socialista trata de convertelo nun “problema técnico”.

Pero hoxe o asunto vai moito máis. Bruxelas vén de anunciar que avaliará o sistema de pulseiras antimaltrato financiado con fondos Next Generation, e que podería incluso conxelar parte das axudas europeas se detecta irregularidades na súa adxudicación. É dicir, xa non falamos só dun erro de xestión, como nos quixo vender o Goberno, senón dun posible escándalo financeiro e un fracaso político e moral que pode custar vidas e que pon en dúbida a credibilidade de España ante a Unión Europea.

E mentres tanto, o Ministerio de Igualdade de Ana Redondo -o mesmo que tivo que activar de novo esta semana o protocolo de emerxencia polo mal funcionamento das pulseiras, máis de duascentas mulleres afectadas en Galicia- só a escoitamos pedir perdón “polo ruído”. Nin autocrítica, nin dimisións.

O que, de afectar ao Partido Popular, merecería unha dimisión inmediata, para este goberno “progresista” de Pedro Sánchez e os seus socios -entre eles o BNG- só merece unha nota de prensa e unha comparecencia amable. Que máis ten que pasar para que o Goberno asuma responsabilidades?

Reitero: a culpa non é só de Sánchez. É tamén de quen o mantén na Moncloa con respiración asistida. Doe que representantes políticos galegos non sexan capaces de levantar a voz para defender ás mulleres. A sra. Pontón, experta en pancartas e en alentar a axitación nas rúas baixo o imperativo da UPG, neste caso pediu explicacións en baixiño. Como ben di o presidente Alfonso Rueda: “Moi brava aquí, moi mansiña en Madrid.”

E Besteiro e o socialismo galego siguen calados. Isto é o seu feminismo: o dos silencios convenientes. Cando teñen que actuar, cando se teñen que posicionar para criticar algo do Goberno de Pedro Sánchez ou cando non están detrás da pancarta, as vítimas -mulleres reais, mulleres que dependen deste sistema para estar seguras fronte aos seus agresores - pasan a un segundo plano.

Esta dobre vara de medir coa que se está a tratar o escándalo das pulseiras antimaltrato non é só inxusta: é perigosa. Banaliza o dano real ás mulleres e converte unha causa nobre, a igualdade, nunha arma partidista. As mulleres que sofren violencia de xénero son vítimas, non teñen carné político, e a súa seguridade tampouco debería telo.

E por iso volvo ao principio. Que pasaría se a ministra de Igualdade fose do PP? Non habería desculpas, nin explicacións amables, nin silencios cómplices. Neste momento, os que hoxe calan ou minimizan isto estarían pedindo a súa dimisión.

Eu tamén a pido. Dimita, señora ministra. Por responsabilidade, por dignidade institucional e, sobre todo, por xustiza coas vítimas.

Contenido patrocinado

stats