Patriotas de bandeira

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 11 mar 2026 - 05:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Todos camiñamos á espera de como irá esa guerra que comezou Trump e máis Netanyahu. Eles, coas súas paranoias, comezaron este lío para defender os seus intereses económicos e abriron un tempo cheo de incertezas que veremos como remata.

Con todo, falando destes que apoian a agresión, compre lembrar algúns feitos históricos que din que o amor que lle teñen á este país ten máis de interese económico que doutra cousa

Debe quedar moi claro que o réxime teocrático iraní é unha ditadura en toda regra. Tamén que as súas barbaridades contra os dereitos humanos e contra as mulleres son inxustificables. E que no mundo hai moitas máis ditaduras ás que se lle dá boato e non se atacan. Vivimos tempos nos que moitos patriotas de bandeira e pulseira, ós que se lle enche a boca ó falar de España, xustifican esta guerra e actúan como vasalos do ególatra, narciso e caprichoso presidente dos ianquis, e tamén do guerreiro israelí.

Con todo, falando destes que apoian a agresión, compre lembrar algúns feitos históricos que din que o amor que lle teñen á este país ten máis de interese económico que doutra cousa. Vexamos: as bases americanas parten dun tratado que Franco, o ditador, fixo cos americanos para esquivar a fame que veu como consecuencia do golpe de estado contra a República e a posterior guerra civil. Entendo que moitas persoas da miña idade lembrarán que, despois de asinado o convenio cos ianquis, chegou o leite en po, o queixo amarelo ás escolas e tamén uns fusís, xuntos cuns coches vellos para o Exército. E todo a cambio dunhas bases que hoxe seguen operativas e nas que mandan e moito os americanos.

Ise foi o trato: vender parte da soberanía a cambio de matar a fame naqueles tempos e manter o ditador no poder. Digo isto para refrescar a memoria deses rapaces novos que abrazan doutrinas moi perigosas para a sociedade democrática. Mais agora estamos noutra tesitura, dado que, rematada a Segunda Guerra Mundial, as nacións sinalaron uns principios que as grandes potencias dende hai un tempo vulneran ó seu antollo e fano únicamente segundo os seus intereses económicos. E nesta situación estamos.

Se para xustificar e levar a cabo esas guerras hai que saltar as leis e hai que empregar termos bíblicos e oracións relixiosas, mal imos. A imaxe de Trump cós representantes relixiosos danos unha idea de como camiña este mundo cheo de contrariedades. A belicosidade sempre tivo o silencio, cando non o apoio, das relixións, o que non deixa de ser unha forte chata entre o que predican e o que fan. Curros xa dicía nun dos seus poemas que cando Deus ollaba o mundo que el creara dixo: “Se este é o mundo que eu fixen, que veña o demo e me leve”.

Vivimos tempos que non auguran nada bo para a humanidade. Os intereses estratéxicos dos imperios, que o final non son máis que económicos, pesan e moito. No noso Estado hai predicadores chamados patriotas que apoian esta guerra. Xente que di que camiñamos polo vieiro errado e que sempre hai que estar cos poderosos, aínda que estes violen as leis internacionais e nos traten como súbditos.

En fin, esperemos acontecementos e o tempo será o que dea ou quite razóns. Se aspiramos a que o mundo non estea gobernado pola lei da selva, non queda outra que respectar as normas internacionais que os estados puxeron en vigor, e tamén desenmascarar a eses falsos profetas. Camiñar cara unha confrontación bélica, cara a terceira confrontación mundial, levaranos a un fracaso colectivo no que todos sairemos perdendo.

Contenido patrocinado

stats