Eduardo Medrano
Motín de Esquilache
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A historia é tan incrible como antigos son os documentos que a sosteñen e que se perden no túnel tempo ata uns anos denantes de 1172, que foi cando o fundador de Celanova, Rosendo Guterres, foi elevado ós altares polo papa Celestino III.
Colócanos temporalmente arredor de cen anos antes, con Alfonso VI exercendo de rei de Galicia e León e a súa irmá, a infanta Elvira (fillos, ambos, de Fernando I) gozando, por substitución, do rexio poder mentres o monarca campaba por Toledo á conquista de novos territorios cos que enriquecer os seus dominios. Así era na Idade Media e así segue sendo hoxe o noso cotián acontecer.
Daquela moraba intramuros, baixo o recto proceder dun abade chamado Pelaio, un freire falcatrúa “de natural inquieto y altivo” que estaba farto da vida cenobítica, polo que decidiu apostatar da regra bieita “y volverse a la libertad y anchura del mundo”.
Respondía ó nome de Pedro González e, según relata Benito de la Cueva na “Celanova ilustrada”, postos os pes fóra do mosteiro, marchou a Compostela -onde residía a corte- “y ganó la voluntad de los pribados de la infanta con dádivas y adulaciones” ata chegar á cohorte da alteza e “malmeter” sobre o pobre abade Pelaio e a actividade que a comunidade practicaba sobre os seus vasalos, polo que a infanta comezou a furtarlle facendas para entregárllelas “a sus capitanes y cavalleros”.
Perante iso, o abade celanovés non foi quen de permanecer quedo e dado que era “hombre de gran pecho y resolución” acordou viaxar tamén a Compostela e coa vehemencia de quen porta a razón como poder e con máis “aliento y brío que la infanta quisiera”, reprendeuna polo que estaba a facer.
Pero a infanta, lonxe de aceptar a censura “despidió al abad con desaires y le cobró aborrecimiento mortal”, decidindo visitar Celanova e cesar ó abade, colocando no seu lugar ó novo acólito, Pedro.
Pero cando chegou ás vellas terras de Vilar para informar de primeira man ó rector da comunidade claustral, o abade -para evitar recibila- retirouse antes “al monasterio de San Estevan de Corujo, que le estaba sujeto por ser anejo” ó convento celanovés.
Entón a infanta -contra a norma de elección por votación interna que ordenara o fundador- impuxo a Pedro González á fronte da comunidade, o que levou ó novo reitor a reorganizar a vida recollida da congregación, “sacó a los monges de sus celdas y retirolos a un quarto viejo cerca de la hermita de San Miguel y en las celdas de los monges puso las damas y los criados de la infanta, haciendo de la casa de dios casa de plazer”.
E non só iso, senón que para celebralo organizou unha “gran fiesta, dioles una cena suntuosa y después de ella siguieron músicas, danzas y saraos” ata que foron descansar.
Os monxes, pola súa banda, rematados os “maitines” foron ata o sepulcro de San Rosendo implorándolle “favor a voces, con lágrimas en los ojos” para que lle puxese fin a tan oprobiosa situación. Indignado, o máis ancián, bateu co báculo no sepulcro e recriminoulle que estivera permitindo aquilo, berrandolle: “si eres santo líbranos de este cautiverio!”.
De contado, relata o cronista, “Pedro González estaba descansando en su cama y al punto que se acabó esa oración, milagrosamente rebentó con gran ruido y estruendo que todos los cavalleros y damas se alborotaron” e a infanta “cobró tan gran pavor que, medio vestida y a pie, se fue a Villanueva de los Infantes, que dista un quarto de legua de Celanova”.
Acontecida por ter sido testemuña de tan aparatoso como inexplicable -e, polo tanto, milagreiro para a época- acontecemento, contan as crónicas que a temerosa infanta, “a la mañana siguiente envió a buscar a don Pelayo, restituyéndole su abadia y le pidió perdón”.
Sen agardar o regreso do abade, Elvira despediuse da colectividade á que tanto fixera sufrir coa súa permisividade naqueles días e volveu para Santiago, mentres “don Pelayo fue rezivido en Celanova con alegría, regocijo y aplausos de sus súbditos”, regresando victorioso de tan fuxidío exilio no, probablemente máis alonxado e inaccesible lugar ó que os esbirros da infanta puidesen acceder cando esta chegou a Celanova.
Tanto na transcripción da “Vida e milagres de San Rosendo” de Manuel Díaz, coma na “Celanova ilustrada” de Benito de la Cueva e no “Epítome de la fundación y aumentos de Celanova” de Benito de Oya, ó facer referencia ó priorato de “San Estevan de Corujo” aluden a un dedificio situado na illa Norte -os restos están na central- das Cíes, que pertencía ó mosteiro de San Salvador de Coruxo -a igrexa aínda conserva elementos arquitectónicos románicos na ábsida- e que foi propiedade de Celanova “por donación de Alfonso VII”.
Esta propiedade manteríaa a congregación bieita celanovesa ata finais do século XIV, concretamente o ano 1380, cando o bispo de Tui e o abade celanovés do momento acordaron a súa permuta pola actual igrexa de Santa María Magdalena de Ribadavia.
É de destacar, finalmente, que a irmá do poderoso Alfonso VI, despois de quedar tan impresionada polo episodio vivido no seu periplo polas terras de Celanova, “fue muy devota de San Rosendo, tubo mucho amor y respecto a don Pelayo y cariño a Celanova” como demostrou anos despois ó concederlle “unos palacios, casas y huertas en la plaza de la Quintana de la ciudad de Santiago”.
O documento é tan explícito que, traducido, di conceder a Celanova “unos ricos palacios, muchas casas en la Quintana con jardines, huertas y casas de campo, unas dentro de la ciudad de Santiago y otras en los arrabales”, polo que o cenobio celanovés -como lle ha acontecer ó mundo- acabou máis fortalecido do que estaba denantes da pretensión usurpadora do apóstata Pedro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último