A política do aparente fronte á realidade do abandono

Publicado: 23 may 2026 - 03:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Vivir na provincia de Ourense hoxe supón ser testemuña dun fenómeno demográfico sen precedentes. Acadamos o título de ser a segunda provincia de España con maior porcentaxe de poboación maior de 60 anos, unha cifra que xa frega o 35% —o que supón que un de cada tres veciños supera esa idade— e que nos sitúa nun escenario de deshumanización que non podemos ignorar. Como alguén que leva cincuenta anos estudando o avellentamento e a fractura do rural, vexo con preocupación como o que comezou como unha sangría migratoria derivou nunha crise existencial.

Castro Caldelas: radiografía dunha perda. Para entender a magnitude desta realidade, abonda con mirar os datos de Castro de Caldelas, o meu fogar e un dos concellos máis golpeados da Galiza interior. No ano 1900, o concello contaba con 5.440 habitantes. Mediado o século pasado xa perderamos un milleiro, pero o dato actual é estarrecedor: neste 2026, o censo apenas acada os 1.106 habitantes. En 75 anos, Castro de Caldelas perdeu 3.300 veciños. A miña propia aldea, Quintela, é outro espello deste fenómeno: hai medio século contaba con vinte veciños; hoxe quedan catro.

Esta “descapitalización” humana xa a reflectía hai corenta anos a miña obra Antropoloxía Cultural da Terra de Caldelas, 1.250 páxinas redactadas dende a emigración, pero sen perder nunca o contacto coa raíz. Curiosamente, á vista dos datos, a maior perda de poboación sufrímola dende que temos autonomía. Pregúntome se, aplicando a intelixencia artificial para estudar este fenómeno, o algoritmo ousaría sinalar responsabilidades.

O capital dilapidado: da emigración á mala xestión. A emigración foi, sen dúbida, o motor do baleirado, pero tamén foi un sostén económico para Galiza. Dende os anos sesenta, os emigrantes importamos inxentes cantidades de divisas que foron canalizadas a través de institucións como a Caixa de Galicia ou o Banco Pastor. Por que aqueles aforros non serviron para crear riqueza estrutural na nosa terra?

A mala administración dos recursos propios levounos a perder os nosos referentes financeiros e industriais: a Caixa, o Pastor, Fenosa ou o Banco Galego. Mentres tanto, hoxe seguimos exportando talento. Temos máis universitarios que nunca, pero ao rematar a carreira vense obrigados a coller a maleta, na procura dos salarios e a estabilidade que aquí se lles negan.

O espellismo dos fondos e a política do aparente. As administracións locais actuais manexan orzamentos históricos grazas a fondos europeos. Porén, moitas das medidas que se toman carecen de obxectivos estratéxicos baseados en previsións rigorosas. Prima o interese de ser protagonista en Internet, de buscar o rédito inmediato nas redes sociais e de trocar obras rechamantes por votos.

Que pasará cando deixen de vir os fondos de Europa? Poderán estes parches de última hora solucionar os desatinos acumulados durante décadas?

Un país para vellos. Que un territorio teña unha esperanza de vida elevada debería ser motivo de orgullo. Pero un país sen nenos e mozos é unha sociedade cun futuro moi limitado, un proxecto fracasado. Sen xente nova, a xente maior acaba amoreada en residencias ou abandonada nas súas casas. Sen recursos dedicados a coidados e atención, a poboación acabará por ir esmorecendo indignamente sen pausa ata a súa desaparición.

Eses homes e mulleres que o deron todo -os que marcharon e os que quedaron- merecen pasar o final da súa vida en condicións humanas. Necesitamos políticas que respecten a dignidade e que deixen de ver a senectude como un problema estatístico para velo como o que é: a historia viva de Galiza que esixe xustiza e atención.

Os deberes. Non podemos agardar que isto o arranxe o mercado, porque sabemos que non o fará. Necesitamos que as administracións se encarguen de destinar recursos para mellorar a vida da xente, para coidados, para que a nosa terra produza, para que a nosa industria prospere, para que a nosa mocidade non teña que marchar.

Como é posible que a estas alturas non mobilicemos os milleiros de desempregados estruturais que temos coa cantidade de traballo que hai por facer precisamente para que o noso país sexa viable? Como é posible que sigamos estragando os nosos recursos naturais en beneficio dun capital que nos abandona? Non é hora de mudar o modelo?

Contenido patrocinado

stats