Polo Miño, navegando

TÍA MANUELA

Publicado: 01 abr 2026 - 00:50 Actualizado: 01 abr 2026 - 12:49
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

No verán de 1985, catro mozos, de entre 21 e 23 anos, navegando en dúas canoas, emprenderon unha ruta fermosa, dende o nacemento do Miño ata a súa desembocadura. Eran Carlos Carrera, Rafa Cid, Juanjo Otero e Xurxo Estévez. Fixérona con traballo, con esforzo, con fame, con medo, ás veces, e con alegría, con moita alegría e cansazo. Construíron as canoas, transportáronas a Meira e comezaron a ruta fluvial, despois de estudala e da súa planificación, con todo o rigor necesario e coa axuda de Santos González, que abandonou o proxecto por mor dun contrato de traballo.

O Miño é o pai dos ríos galegos. Segundo Xerardo Neira, “o río de ríos”, con afluentes importantes e caudalosos, con auga mansa que vai regando o territorio ao longo de 317 quilometros. Aqueles mozos navegantes anotaban nunha libreta a súa descrición das belezas coas que se atopaban, escribían da inigualábel riqueza da vexetación nas ourelas, das árbores maxestosas, das leiras, dos prados, dos ríos e regatos, que coas súas augas agrandaban o caudal do Miño grande.

Cando chegaban, paraban e buscaban a forma de saltar cada un dos encoros, os enormes encoros que anegaron tanta terra, tanta casa e tanta vida

Os homes de cada lugar andaban en roga gadañando naquelas ladeiras. Entre todos, cada un co seu liñó, facían un debuxo que namoraba a quen o miraba. Doutro lado do río, un home cun arado romano e unha xugada de vacas araban nunha leira onde xa segaran a ferraña. O home ía agarrado á rabela do arado e diante, chamando ás vacas, ía un neno constipado e coa cabeza tapada cun mantelo tecido por Severina, a avoa paterna.

Cando chegaban, paraban e buscaban a forma de saltar cada un dos encoros, os enormes encoros que anegaron tanta terra, tanta casa e tanta vida. E tanta fonte, onde as mulleres lavaban a súa roupa e a dos homes, a dos nenos da escola e a dos maiores que xa non podían levantarse da cama. Ringleiras de mulleres con cadansúa tina de zinc na cabeza, por riba dunha rodela de herba, de fieitos ou de trapo.

Agora, neste ano, os mesmos navegantes van contalo todo, dende o principio ao final. O que fixeron, o que viron, o que sufriron e o que gozaron coñecendo o mundo do río máis importante de Galicia. Todo estará á vista nunha exposición que recorrerá cidades e lugares, recordándolle á xente a vitalidade, a mobilidade e a riqueza das augas do Miño, do “río que nos move”.

A Tía Manuela está con eles e envíalles moitos parabéns.

Contenido patrocinado

stats