Polo pan baila o can

Publicado: 09 jun 2025 - 04:05

Ilustración dun labrego.
Ilustración dun labrego. | JOSE PAZ

Este titular recorda: cando hai necesidade podemos facer calquera cousa. Adoitamos rectificar moitas veces, últimamente está de moda dicir cambiar de opinión, con tal de conseguir o que convén. O caso é que eu, medio anarquista niso do idioma, “falo galego cando me peta”, “castellano cuando quiero”. Xa que, nos meus inicios na fala, fun un rapaz “galego aportuguesado”; pois ao nacer nun concello da raia, con forte trasvase de galegos a Portugal e viceversa, na casa só oía galego e portugués, e o castelán cando viñan os donos dos bares de Vigo para comprar o viño que, polo xeral, falaban castelán. No é de estrañar que cando me levaron para Vigo co 11 anos, este que escribe foi pasto das burlas dos rapaces asentados na Cidade, con expresións tipo: Chegou un aldeano, temos outro paduano. Xa na escola pública en Vigo, no primeiro ditado, en vez de escribir “donde tocan las campanas” puxen “onde tocan as campanas”; tal erro gramatical custoume repetir escrita cen veces ben a frase en castelán. Como Dios manda! Este tipo de contrariedades non me gustaban, entristecíanme, non me deixaban cómodo. Todo foi cuestión de ir mellorando nos dous idiomas. E por iso hoxe falo no que me peta, sempre que o meu interlocutor entenda. Hoxe en día, cáeme simpático ou pedante, iso da confrontación idiomática. Estou inmunizado.

Do dito quedaron atrás catro décadas longas, houbo a transición e estamos na democracia, tras alternativas de gobernos dunha e doutra cor política. En setembro do 2023, tras varios días de enfrontamento, o Congreso dos Deputados aprobaba o uso das linguas cooficiais no Hemiciclo, nunha medida polémica -así o trataron a maioría dos medios-, que pode considerarse histórica; tal aceptación nin sequera saíra adiante na II República. Foi una decisión polémica e histórica polo cambio na postura do PSOE, que na lexislatura anterior defendera que “o castelán, lingua común de todos os españoles, era o único idioma que debía empregarse na Cámara Baixa”. Este cambiazo? Pois debido á necesidade do apoio dos independentistas de Junts de Sánchez. Ou sexa, “polo pan baila o can”.

Resulta evidente que a UE recela da incorporación das tres linguas cooficiais de España, xa que outras máis linguas estarían e están á espera

Noticia nun xornal de tirada nacional, textualmente lese: “Sánchez contra la Historia. El PSOE sí prohibió imponer las lenguas regionales en el Congreso”. Aí está! Cambiou de opinión -moi marca da casa- Sánchez. Pasou de non aceptar as linguas cooficiais no Congreso, a aprobalas. E hoxe está empeñado a que formen parte das linguas do Parlamento europeo. Toda unha metamorfose lingüística. “Polo pan baila o can”.

No que xa se coñece como terceiro fracaso en Europa do “plurilinguismo español”, e como a culpa sempre é allea, atopou culpable: O PP. Algúns ousan en airear que Galicia free o ascenso do galego. Outros critican que Génova impón ao PPdeG. E non falta quen escribe literalmente que “non cabe na cabeza que o presidente da Xunta poña trabas á presenza do galego en Bruselas”. E eu pregunto se será tan difícil asentir e crer que só é exclusivamente unha necesidade persoal de Sánchez -o mesmo que que rexeitou as linguas cooficiais no Congreso- e non unha necesidade de interese xeral? Será tan difícil comprender, que existen máis de 50 idiomas que son utilizados tanto dos Estados membros como nos países candidatos? Poría conducirnos a elevar ata as 75 a cantidade de linguas de uso na Eurocámara, entre eles o luxemburgués, o turco (oficial en Chipre) o samí (Finlandia)… Ademais que Bruxelas cifra en 132 millóns ao ano o custe para implantar na UE o catalán, galego e eúscaro, segundo fonte de “El País”. Estaría mellor a inversión deste diñeiro en España, para o mesmo fin.

Resulta evidente que a UE recela da incorporación das tres linguas cooficiais de España, xa que outras máis linguas estarían e están á espera. O certo é que o sanchismo está atrapado pola súa dependencia dos votos de Junts. Este sanchismo, paladín do plurilinguismo, pero como argumenta Neme, obvia os dereitos dos casteláns falantes en Cataluña. Non, non é amor ás linguas ni ao idioma, é que “polo pan baila o can”. A ver se este can para de ladrar.

Contenido patrocinado

stats