La Región
Navidad con acento femenino: Ourense pelea en primera línea
Nacín e medrei na pequena aldea de Quintela, na parroquia de Mazaira, sobre a que versa o meu libro Quintela de Mazaira. Terra e Xente. Nel explico o modo de vida das súas xentes ao longo do século XX, dende o arado romano, o carro tirado por vacas, a aixada coa que arrincaban manualmente uces ou toxos para converter espazos duros e bravos en leiras nas que sementar o gran de centeo que nos libraba da fame… Costumes que até mediados do século pasado pouco cambiaran dende a Idade Media nunha contorna rural pouco desenvolvida. Nesa pequena aldea de vinte veciños nacín, vivín e traballei de pastor até os 17 anos cando, como era habitual entre os seus habitantes, emprendín o camiño da emigración.
Nunca perdín o contacto coa miña aldea e as miñas xentes. Agora xubilado, sentinme atraído por ese fenómeno do que tanto parolan os políticos sobre a recuperación de aldeas e outros proxectos de dinamización rural. Pensei en deixar Barcelona, a miña terra de acollida durante cincuenta e seis anos e, como diría o meu amigo Gabriel García Márquez, refuxiarme a vivir, descansar e escribir no meu Macondo particular.
Hoxe viven aquí cinco familias, na súa maioría xente nova que incluso teñen cativos en idade escolar. Viven do campo con pequenas explotacións de gandaría que, aínda con dificultades, lles permite vivir na súa aldea.
Cando era neno e ía a escola, facía os deberes pola noite á luz do candil de gas porque non tiñamos a luz eléctrica que ben preto pasaba polas tres liñas de alta tensión que exportan milleiros de quilovatios dos producidos nos grandes encoros construídos polo franquismo e que asolagaron frondosos e vizosos vales para a produción de enerxía eléctrica da que aínda hoxe pouco se beneficia Galicia.
Eran tempos do desarrollismo industrial do ditador capitaneados polo seu ministro López Rodó. Tempos nos que tamén chegaba ICONA coas plantacións de piñeiros ocupando terras de pastoreo, o que obrigou a emigrar a poboacións enteiras como Tronceda ou As Carballeiras. É dicir, as consecuencias destas barbaridades administrativas sufríronas as xentes e as terras do noso rural.
Pois seica non abondou cos encoros, senón que agora planean a instalación de muíños eólicos para producir máis enerxía eléctrica sobre as nosas Touzas de Quintela, un bosque autóctono ateigado de carballos, bidueiros, uces, xestas… A estes «ecoloxistas» de salón só lle importan os beneficios e este bosque que deu benestar durante xeracións aos nosos veciños non vai ser un obstáculo para os seus intereses corporativos.
O peor de todo é que os “sabios” da administración pública se dedican a prohibirlle á veciñanza cortar leña ou mesmo limpar o río, e pobres deles se matan un ratiño ou calquera animal salvaxe. No pasado recente, xa tiveron que deixar de sementar o centeo porque as mandas de xabarís arrasaban con todo. Todo son prohibicións e atrancos para os poucos labregos que quedan, tanto que non miran con optimismo o futuro das súas pequenas explotacións.
E foron sobrevindo na parroquia de Mazaira porque é a única en toda a comarca que dende mediados do século pasado fixo a concentración parcelaria, o que facilita os traballos nos eidos con maquinaria pois todas teñen acceso a pistas. Trazaron leiras grandes e acabaron co minifundio secular.
Todo isto ocorre nunhas aldeas que pertencen á Ribeira Sacra e pregúntome se verdadeiramente son precisos os muíños que nos farán a vida imposible. A Ribeira Sacra loita para que sexa declarada Patrimonio da Humanidade aínda que acaben de baleirarse as aldeas como Quintela, Vimieiro, Folgoso e toda a parroquia de Santa Eulalia.
Nesta zona, as distintas administracións públicas non invisten un peso en manter ou recuperar infraestruturas que foron vitais para a supervivencia das nosas xentes e das aldeas que están a converterse en ruínas. Os camiños, as fontes, os fornos e un par de muíños hidráulicos que aínda quedan e forman parte importante das nosas tradicións e, polo tanto, da nosa cultura.
Estou seguro que de seguir adiante estes proxectos que atacan o medio ambiente, deixarán ermas as poucas aldeas que aínda quedan con vida. Sobre as súas ruínas, os muíños de enerxía eólica evocarán de novo o que os encoros supuxeron no pasado.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
La Región
Navidad con acento femenino: Ourense pelea en primera línea
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
La puerta que fue bodega en la calle Hernán Cortés
TAL DÍA COMO HOY
Curiosidades de “Cuento de Navidad”
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Lo peor de las reacciones
Lo último