A presunción de inocencia

O AFIADOR

Publicado: 21 dic 2025 - 00:10

Opinión Lalo Pavón
Opinión Lalo Pavón | La Región

Hai que ver como está o patio socialista. As denuncias por acoso non deixan títere con cabeza e devolve ao PSOE fronte un dos seus tradicionais sinais de identidade en tempos de zozobra, nos que unha parte abre a espita das hostilidades gardadas lanzándose a unha guerra de guerrillas contra contra outros compañeiros, rivalizando en quen causa máis dano ao contrario botándose canta inmundicia teñen a man. Ata que un gaña, aínda que ás veces non gaña ninguén, pero sí perden todos: o partido. Explicitan no proceso a vella clasificación amical de amigos, coñecidos e compañeiros, seica feita por Churchill.

Todo empezou co escándalo desatado cas andanzas dun tal Salazar, seguidas das de Tomé, comunicadas ao canal interno habilitado para defender a compañeiras que sufriran acoso sexual; denuncias que foron agochadas en instancias políticas superiores por amizade ou inoportunidade, suponse que agardando que o tempo arrefriase o asunto e poder decretar posteriormente o tamén coñecido morra o conto. Máis non foi así e en lugar de atallar a ferida ética, desatouse un torrente de feitos -algúns de hai anos- sin que se saiba cando vai parar.

O luns saltou a acusación de acoso contra o alcalde de Barbadás, neste caso de tipo laboral. En cuestión de minutos, ou horas, o secretario xeral do PSdeG, Gómez Besteiro, esixiu a Valcárcel o cese en todas as suas responsabilidades políticas. Podería ter razón e razóns para elo, pero un día despois, duas exconcelleiras de A Coruña acusaron á alcaldesa Inés Rey polo mesmo. Cando se escribe esto non consta que o líder do socialismo galego lle reclame responsabilidade algunha á rexedora coruñesa. A doble vara de medir da pábulo á tese da vendetta contra o ourensán, máxime tratándose dun profesional do dereito que, outrosí, tapou durante meses o escándalo Tomé e tardou tres días en abrir a boca sobre o caso, cando xa toda España estaba enterada. A non ser que negue credibilidade á confesión das exconcelleiras, en clara contradición co espíritu antiacoso.

Nesa línea, abanea coma un xunco a fiabilidade do canal reservado para defender ás vítimas de acoso, en tanto que quenes mandan poden paralizar as suas decisións segundo lles pete e fai dubidar si eses mesmos mandamáis non poderían, chegado o caso, ordenar cargos falsos contra compañeiros rivais para sacalos do medio. Se cadra era máis útil recurrir á xustiza e que ela ordene as dilixencias pertinentes para testar a verdade, mentras preserva a presunción de inocencia, valor que aínda que hoxe estea máis pisado que as uvas no lagar, é pedra angular do estado de dereito: todo acusado é inocente ata ser sentenciado.

Contenido patrocinado

stats