Primeiro de maio, Día Internacional da Clase Traballadora

Publicado: 29 abr 2025 - 13:30

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Todos os anos, o 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, asalariados/as de todo mundo maniféstanse pra lembrar esta data, ateigada da historia do heroísmo da clase obreira, e ao tempo realizar as reivindicacións laborais, sociais e democráticas do momento. Entre as que están a loita pola mellora salarial, as condicións laborais (redución da xornada, por fin ás horas extras non pagadas e non cotizadas). Así como outras esixencias que están en primeiro plano neste intre, como: a oposición á instalación de Altri e as políticas armamentistas da mau da OTAN; terminar co xenocidio en Gaza e Cisxordania; buscar unha saída dialogada á guerra que confronta a Ucraína+OTAN coa Federación Rusa, etc. Así como outras reclamacións básicas do noso povo, entre elas sempre en destaque: dar pulo á nosa cultura, historia e lingua, porque son parte esencial da nosa identidade e unha contribución á diversidade e riqueza da humanidade.

Mais, lembremos a historia da data. No ano 1886 o presidente dos Estados Unidos promulgou a lei que fixaba a xornada de oito horas, porén non entrou en vigor. Polo que a Federación de Organizacións de Sindicatos de Traballo e Comercio dos EEUU decidiron realizar unha folga xeral a partires do 1 de maio esixindo seu cumprimento. Ese día uns 190.000 traballadores/as pararon. A maior parte conseguiu que a patronal cedese pra evitar a folga, e outros 50.000 acadarían este obxectivo antes de rematar o mes.

Malia a situación represiva, medio millón de persoas asistiron ao enterro dos catro aforcados, o que reflicte cal era o sentir popular

Mais non todo foi positivo. Ese día en Milwaukee a represión policial causou 9 mortos. En Chicago manifestáronse 80.000 persoas e a patronal fixo lock-out contra o paro, o que agravou o conflito, xa que a folga se alargou a 40.000 traballadores o 2 e 3 de maio. Este último día 6.000 operarios madeireiros concentráronse por un conflito paralelo ao das oito horas, e un grupo de 200 persoas afastouse pra se enfrontar aos esquirois que saian do serradoiro. A policía non tardou en chegar utilizando as armas de fogo, polo que os concentrados acudiron na súa axuda. A policía dispersounos e seguiu disparando contra os que fuxían, causando 6 mortos e uns 50 feridos.

Pra o día seguinte os anarquistas e socialistas convocaron unha concentración no que se axuntaron unhas 20.000 persoas. Ao remate da reunión o capitán Ward avanzou sobre os grupos obreiros que ficaban na praza pra desaloxalos. Despois, alguén guindou unha bomba e matou a un policía e feriu a varios. As forzas policiais abriron fogo contra os traballadores/as, matando a uns 80 e causando 200 feridos... Era o comezo dun duro e calculado reaxer da patronal, co apoio do Governo, que en moitas empresas suprimiu mediante lock-out a xornada de oito horas.

Desde todos os estamentos do sistema culpouse da morte do policía aos dirixentes do movemento folguista. Fíxose un xuízo amañado, cun xurado designado a dedo. O 11 de novembro de 1887 foron aforcados Parsons, Spies, Engel e Fischer. Lingg apareceu morto na cela e o resto pasaron a súa vida en cadea perpetua (Neebe, Fielden e Schwab). Malia a situación represiva, medio millón de persoas asistiron ao enterro dos catro aforcados, o que reflicte cal era o sentir popular.

No ano 1889 o Primeiro Congreso da 2ª Internacional, realizado en París, acordou celebrar todos os anos o 1º de maio como xornada reivindicativa do proletariado mundial. Esta foi unha organización formada en 1889 polos partidos socialistas e laboristas que desexaban coordinar a actividade internacional dos movementos obreiros. A nación galega non foi allea ao momento e sentir da Internacional, e no ano 1891, só 2 anos despois, realizouse nesta data unha unha folga xeral na Coruña a prol da xornada de oito horas (pra unha semana laboral de seis días) na que participaron 4.000 traballadores e traballadoras da bisbarra.

Contenido patrocinado

stats