O rexistrador de minas, Pío Leonato

Membro dunha numerosa familia e funcionario de Montes, nos derradeiros anos do século XIX foi unos protagonistas da voráxine rexistral das denominadas “pertenencias” ou espazos susceptibles de contar con sedimentos mineiros na provincia

Publicado: 14 abr 2025 - 06:00
Neste buque foi no que fixo a misteriosa viaxe a Río de Janeiro, ós 27 anos, coa súa “primeira” muller, Sabina Castiñeiras.
Neste buque foi no que fixo a misteriosa viaxe a Río de Janeiro, ós 27 anos, coa súa “primeira” muller, Sabina Castiñeiras. | La Región

Se un se deixa levar polos inescrutables mares da hemeroteca e repara nun concepto tal como “pertenencia”, comprobará que nos anos de transición entre o século XIX e o XX esta palabra repítese con masiva presenza ligada a proxectos futuros de explotacións mineiras.

A recente noticia sobre a aprobación por parte da Unión Europea da mina ourensá de litio -en Doade (Beariz)- como un dos sete proxectos estratéxicos situados en España para a obtención de materias primas, levoume ata finais do século XIX cando na provincia eclosionou unha febre mineira. No camiño descubrín a Pío Leonato Molina, quen rexistrou un feixe de fincas para un inglés que respondía ó nome de Roberto Jaime Rac e que tamén tivo dereitos de explotación, precisamente, sobre os montes de Doade.

E isto é porque para poder levar a cabo unha actividade extractiva, xa fora a ceo aberto ou en galerías subterráneas, era preciso rexistrar antes no Goberno Civil aquelas fincas nas que se consideraba que podería haber suficientes vetas do mineral que se desexaba explotar.

Pois ben, a unidade de medida que dende 1868 se utilizaba para coñecer a extensión de terreo susceptible de explotación, era precisamente a “pertenencia”, é dicir, un prisma de profundidade indefinida e de base cadrada de cen metros.

Baixo estas premisas aparecen moitos nomes e apelidos de familias con capacidade económica de Ourense que se sumaron á actividade mineira por lles resultar relativamente fácil a adquisión de montes ou mesmo a negociación coa veciñanza no caso dos montes comunais.

Entre estes nomes destacaba -pola súa singularidade de orixe inglés, pero denominación española- un tal Roberto Jaime Rac que despois de ter problemas coa xustiza, por estafa, na Barcelona de 1877, aparece por Ourense vinte anos despois solicitando o rexistro de “96 pertenencias de mineral de hierro, con el nombre de San Jaime, en Carrascal, términos de Doade, ayuntamiento de Beariz”.

E xunto a el comeza a frecuentar tamén o rexistro de pertenzas, o oficial de montes, Pío Leonato Molina, rexistrando, por exemplo, outra das minas que se conservan de actualidade hoxe en día, como é a de Penouta (Viana do Bolo).

Un Pío Leonato Molina, un tanto enigmático -xa que logo, con tal nome e apelidos faise raro que fose outra persoa- e que dez anos denantes, concretamente en novembro de 1889, e 27 anos de idade forma parte dunha lista de embarque no vapor “La Plata”, casado con Sabina Castiñeiras, con destino a Río de Janeiro. Ámbolos dous comparten viaxe con varios irmáns de Sabina.

Non foi posible documentar a causa do regreso. O caso é que a actividade rexistral de futuras explotacións mineiras (de cando en vez tamén solicitan a anulación do rexistro, como foi o caso da renuncia por parte do inglés “a la concesión de mineral de arenas auríferas, denominada River Gold, en el término municipal de Rubiana”) devólveno á actualidade ourensá.

Pasan os anos e a posición económica e social de Pío Leonato nótase mellorar -nalgún momento aparece xa como representante directo da compañía mineira de Pentes- e, malia que a existencia dun segundo Pío Leonato Uvantes -tamén posiblemente funcionario de Montes e curmán seu-, acaba creando confusión cando na prensa só aparecen citados co primeiro apelido, forma parte activa do partido conservador e en 1907 casa con Arminda González Ares de Parga, filla do “rico propietario” ourensán José González Domínguez.

Tres anos despois e coa actividade rexistral mineira xa afastada das súas ocupacións profesionais, é destinado a Tarragona onde se lle perde a pista. Ou non? Xa que a seguinte década é dada á especulación, non só sobre el, senón sobre outros aspectos da súa famila.

En 1906 morrera a nai, Agustina Molina Aday. En 1921, Isabel. E en 1926 Arminda resulta beneficiaria dunha pensión de viuvez.

Unha familia que loitou por accións no Banco de San Carlos e outro Pío que se pegou un tiro

Banco Nacional de San Carlos, actual Banco de España
Banco Nacional de San Carlos, actual Banco de España | La Región

O feito de que se crucen tantos nomes e apelidos -con apelidos tan sigulares, digo de paso- acaba resultando complicado para saber de que póla familiar era cada quen e cal era a auténtica relación fraterna ou paterno filial que se portiñan entre todos eles.

A maioría deles aparecen citados nunha demanda xudicial aberta en agosto de 1900 contra “cuantas personas naturales o jurídicas se crean con derecho a propiedad, usufructo, pensión o cualquier derecho de las acciones acciones del extinguido Banco Nacional de San Carlos”, que eles herdaron dos seus proxenitores.

Aquí, ademais de Pío e por bloques, están Matilde, Emilia, Adosinda, Isabel, Julia e Carolina -todos, Leonato Molina-, outros tres Leonato Seijas, xunto con outros parentes dos distintos compoñentes da sociedade propietaria orixinal das devanditas accións.

A demanda tardaría unha década en ser resolta, pero finalmente conseguiron facerse con ela, aínda que polo número de beneficiarios é certo que deberon tocar a moito.

Aquí cabe destacar que, entre eles, casado con Adosinda, é citado tamén Antonio Gaite Lloves, un prestixioso profesor tío-avó da que co tempo sería a recoñecida escritora Carmen Martín Gayte, de quen se conmemora este ano o seu centenario.

E se enigmático resulta Pío Leonato Molina, pola súa partida para Brasil, o seu regreso a Ourense e a voda posterior con Arminda González, máis enigmático resulta aínda o caso de Pío Leonato Uvantes, quen só asoma á prensa co segunto apelido incorporado logo da súa morte.

Aconteceu o óbito o 26 de xuño de 1926, e nos días seguintes tódolos xornais se fan eco, dun xeito case mimético, de que “se ha suicidado en su domicilio, disparándose un tiro en la cabeza, de 74 años, viúdo, ayudante de Montes, jubilado y natural de Orense”.

O suicida, que residía coa súa irmá Isabel no número 9 da rúa do Posío, deixou unha pequena nota na que informaba ó xuíz de que tomaba tal decisión por causa dun “mal incurable”, que non era outro ca un cancro de boca.

Curiosamente, o outro Pío debeu morrer tamen nesa época porque en outubro do mesmo ano foille concedida unha pensión de viuvez de mil pesetas anuais a Arminda González “viuda del ayudante de Montes, Pío Leonato”

Contenido patrocinado

stats