Alfredo Conde
A TRIRITA
San Castelao, san Beiras e os santos civís
A TRIRITA
Cando eu era novo (a de anos que van daquela) e lera un libro que me gustara moito, adoitaba comezar o artigo (o artigo no que estaba disposto a eloxialo) dun xeito un pouco grandilocuente de máis, pero sincero e cheo de verdade, da miña verdade, claro. Facíao tal como así: “Regreso da lectura dun gran libro...”, levado da intención de comunicarlle ó lector a súa grandiosidade, de contaxiarlle o meu entusiasmo lector. Agora cos anos xa me mido máis. Mesmo me adianto e coméntoo avisando que ando nos seus inicios, non vaia ser que logo me decepcione, pois hai libros que, segundo os vas lendo, véñenseche embaixo; son libros de follas outonais, de follas mortas.
Cos anos aprendín que, mesmo neses casos, embaixo desas follas vive o arrecendo da vida que latexa nelas. Non recordo ben se era un texto en prosa ou nun verso que nos deixou Walt Whitman no que se refire á tal e latente vida. Igual non foi en “Leaves of Grass”. Debeu ser nun seu texto en prosa. Pero aviso que podo estar equivocado e que o verso –o que está a me bater nos miolos ocupados pola memoria do lido- pode que estea nun poema de Jacques Prévert que cantou Yves Montand.
Todo isto ven a conto dun libro que comecei a ler. Escribiuno Inma López Silva. Titulouno “Despois de san Castelao. Unha biografía do mesías galego”. Só me remito á lectura do seu primeiro medio cento de páxinas, advertindo que ten algunhas máis, unhas duascentas dez ou once. Que ben escribe esta muller! É esa bondade á que me empuxa non tanto falar do libro como a me referir a el, por se alguén se anima e prende a léelo co mesmo afán co que eu vou seguir facéndoo. Recorden que o título é “Despois de san Castelao”
Debeu ser grazas a ese san Castelao do libro de Inma López Silva que non produciu desgraza ningunha. Pero foi moi duro, realmente duro.
Hailles xentes necesitadas de santos ós que lle rogar en caso de necesidade. Santos ós que loubar, cando a necesidade é de maior precisión e coidado. Santos ós que seguir, levados deica un Hamelin, ignoto e sospeitado, en cada oportunidade na que o santo acorde coller a frauta e chifrar calquera melodía engaiolante. Tamén hai xentes que non necesitan nada diso. É o que se veñen perdendo, pois os santos acompañan moito e, en ocasións, mesmo fan milagres e enchen de ilusións a todos cantos saiban deles.
Prendín a ler o libro recordando o vivido no enterro dos restos de Castelao no Panteón de Galegos Ilustres. Sucedeu no medio dunha revolta na que esas barreiras metálicas de cor marela coas que se pretende indicar ou regular o tráfico de xentes e automóbiles voaban polos aires ata aterrar pousándose na terra con violencia. Debeu ser grazas a ese san Castelao do libro de Inma López Silva que non produciu desgraza ningunha. Pero foi moi duro, realmente duro. Xa teño contado como a Ramón Piñeiro e ós tres que o acompañabamos xa de regreso á súa casa de Xelmirez, 15, lanzábannos moedas mentres coreaban “catro homes por dez reais”, todo un logro estilístico e moi orixinal.
Eses nosos santos laicos -que é do que vai este que non pode, nin debe, acabar sendo un acedo comentario- son enxalzados tanto en vida como no transo de se apartar dela. Se hai que escribir de Castelao coa limpeza coa que o fixo Inma López compre tamén que o fagamos referíndonos ó recente pasamento de Beiras mentres o seu corpo non entraba, senón que saia de Bonaval pra ir de camiño a Boisaca. Alí estaban, case que seguro, non poucos dos que no seu día se esqueceron de que os santos son de todos pra que lles recen os que cren neles ou celebren as súas vidas xunto cos que son doutra parroquia.
Non é malo recordar que Camilo Nogueira non estivo, nin moito menos, berrando en contra naquel momento, e que os reproches a Piñeiro cambiaron tanto de entón a hoxe como pra que puidésemos celebrar episodios de entendementos e pactos das forzas nacionalistas coas forzas de esquerdas de ámbito estatal. O mesmiño que Piñeiro fixo nas primeiras eleccións galegas. Beiras viviu unha ocasión e outra e debemos recordalo con independencia dos seus resultados. Tamén os que fomos con Piñeiro aprendemos algunha que outra decepción amarga. A tolerancia non debe ser reclamada só nun sentido senón que é de ida e volta, e hoxe, se hai que lle rezar a san Beiras, fagámolo. Sempre é tempo de aprender e construír.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
SANTIAGO FERRER
La Diputación apoyará a la Fundación Vía Nova
REUNIÓN DE LÍDERES
La UE plantea suspender el asilo en las crisis migratorias