San Martiño, Carriarico, suevos, francos e magostos

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 08 nov 2025 - 06:10

Entorno de Sta. María, onde a tradición sitúa o milagre de San Martiño.
Entorno de Sta. María, onde a tradición sitúa o milagre de San Martiño.

O 11 de novembro é un día moi especial para Ourense porque celebra o seu santo patrón, San Martiño o de Tours. Como ben saben, San Martiño non era de aquí. Tampouco turonense, se non da Savaria -na actual Hungría-, onde naceu no ano 316 d. C.. Sen embargo un dos seus prodixios si tivo gran incidencia na memoria colectiva ourensá. Segundo a tradición e escritos do século VI do bispo, santo e historiador Gregorio, tamén de Tours, puido obrar un milagre quizais na nosa cidade. Así o narra na obra “Historia Francorum”, a historia do pobo franco, entón asentado aproximadamente na Francia actual e cuxos textos foron escritos entre 573 e 594. Segundo narra, a mediados do s. VI o reino suevo da Gallaecia, padecía unha terrible epidemia de lepra. Entre os afectados por este “mal de Hansen”, estaba o fillo de Carriarico, monarca que rexía os destinos do reino suevo galaico entre os anos 550 e 559 e, por dedución, nalgún momento asentado ou con corte en Ourense.

Segundo a tradición e os escritos do bispo Gregorio de Tours, San Martiño puido obrar un milagre en Ourense curando ao fillo do rei suevo Carriarico da lepra

Carriarico era, como moitos outros reis xermanos da época, cristián arrián. A doutrina, creada por Arrio de Alejandría nos inicios do s. IV, sostiña que Xesús fora creado polo Deus Pai e, polo tanto, non era da mesma substancia que El. Tal dogma foi condenado por herético no ano 325 -Concilio de Nicea- e 381 -Concilio de Constantinopla-, afastándose da doutrina oficial da Igrexa. Cando Carriarico viu que a enfermidade do seu fillo ía chegando ao extremo, preguntou polo santo Martiño, cuxa sona traspasaba as fronteiras do reino franco. Incluso interesouse por coñecer cal era a relixión que practicaba, o catolicismo. Enviou unha comitiva cun presente, ouro e prata cun peso equivalente ao do fillo doente e coa promesa de converterse ao catolicismo se San Martiño obraba a milagre da curación.

Despois de novos intentos, entre eles a construción dun templo dedicado a San Martiño e traer reliquias, comprobou como o seu fillo estaba curado, que a lepra desapareceu e deixou de afectar ao pobo, que todos curaron e nunca máis ese mal afectou a máis ninguén. Aí quedou a tradición, os escritos de San Gregorio de Tours e o templo de Santa María Nai, que nas súas orixes non poucos veñen identificando co de Carriarico. A investigación dirá. Pero quixo a fortuna que a conmemoración da festa de San Martiño, cada 11 de novembro en lembranza do funeral do santo, coincida con datas tradicionais de homenaxes ao defuntos. Nos inicios do mes, tamén chamado de “Santos” é na tradición galega cando abren as portas que comunican o mundo dos vivos e dos mortos, cando o pensamento cartesiano se relaxa e permite o paso dende o máis alá dos defuntos a este dos vivos. É ademais tempo de castañas e viño novo: de magostos. Eramos mozos cando nos pintabamos as caras cos negros tizóns das fogueiras, rito e colofón dunha festa coa que, segundo dicían os expertos, os rostros tisnados representaban aos defuntos que cos vivos compartían un xantar que o ritual convertía en funerario, castañas e viño novo en homenaxe aos que xan non están con nós.

Os magostos seguen a ser aquí unha costume arraigada, aínda que se modifiquen as formas tradicionais. E os milagres do tempo dos suevos sucederían naquel Ourense do que case só sabemos que era, como dicía Florentino Cuevillas, a “...cidade de residencia dun rei que se chamaba Carriarico e dun bispo que se chamaba Witimer”. Que teñan bo Magosto.

Contenido patrocinado

stats