Os Sarabia, unha triloxía fotográfica

Respondían ós nomes de José, Constantino e Enrique e aínda que naceron en San Xoán de Río, pronto buscaron horizontes alleos para recalaren finalmente en Vigo onde se dedicaron á arte da fotografía da man do seu cuñado, José Gil

A chegada do tranvía a Vigo, a festa de San Roque e as festas de Trives, publicadas en Vida Gallega polos irmáns Sarabia.
A chegada do tranvía a Vigo, a festa de San Roque e as festas de Trives, publicadas en Vida Gallega polos irmáns Sarabia. | La Región

O recente falecemento do icónico Sebastião Salgado e a concesión do premio Princesa de Asturias das Artes á fotógrafa mexicana Graciela Iturbide fixéronme pousar a mirada sobre este trípode fraternal coñecido coma os “Irmáns Sarabia” que, saídos dunha aldea da comarca de Trives, tiveron a fortuna de emparentar co pioneiro José Gil e, da súa man, aínda que con distinta sorte, acabaron dedicándose tamén á fotografía, deixando un legado que, aínda medio perdido, hoxe forma parte da historia da fotografía nacional.

Moitos teñen sido os traballos realizados arredor dos pioneiros da fotografía ourensá -que nada lle desmerecen ós do resto de Galicia e nos que ten tido moito que ver a inxente actividade divulgadora de Rafael Salgado- polo que non me ocupo nesta ocasión de personaxes anónimos, aínda que, tamén é certo, non tan identificados con Ourense coma tantos outros que centraron o seu traballo na capital ou se repartiron polo longo e largo da xeografía provincial.

O feito de que non sexa só un ser “autónomo”, senón unha auténtica saga familiar, outórgalles unha señardade que xustifica a exhumación da súa traxectoria -fondamente estudada por Manuel Sendón, Suárez Canal e outros-, aínda que sexa en versión tan resumida.

Estoume referindo a José, Constantino e Enrique Sarabia González, tres irmáns nacidos na aldea de Sabugueiro de Arriba, parroquia de Castrelo (San Xoán de Río) entre 1870 e 1881, que a medida que foron asomando a cabeza por riba dos bosques da pequena aldea, foron abrindo horizontes concatenados na emerxente arte da fotografía, favorecidos pola feliz circunstancia da entrada na familia dun dos principais nomes da fotografía galega daquel tempo, o pontevedrés das Neves, José Gil.

A chegada do tranvía a Vigo, a festa de San Roque e as festas de Trives, publicadas en Vida Gallega polos irmáns Sarabia.
A chegada do tranvía a Vigo, a festa de San Roque e as festas de Trives, publicadas en Vida Gallega polos irmáns Sarabia. | La Región

A presenza do crego José Antonio Álvarez-natural, coma José Gil, de Santa María de Taboexa-, á fronte da igrexa de Castrelo debeu facilitar nalgún momento a visita a aquel afastado lugar do seu sobriño Miguel Sarabia Álvarez, quen acabou casando coa parroquiana Rosa González, coa que, ademáis dos tres futuros fotógrafos, tivo outros catro fillos, Antonio -que exercería de reloxeiro en Trives- e tres mulleres, Isabel, Asunción e Trinidad. Esta última sería a esposa de José Gil.

Asentado finalmente en Vigo, non sen ter aberto antes negocio en Ourense, tanto José como Constantino seguiron os pasos do seu cuñado e da súa irmá (previa estadía de ambos na Habana) e en 1907 sumáronse ó emerxente estudo fotográfico de Gil, que viu incrementado substancialmente o seu traballo a raíz da súa incorporación ó equipo redactor da revista Vida Gallega.

Morto José, o terceiro dos Sarabia, Enrique, aséntase tamén en Vigo e, dous anos despois, xunto con Constantino deciden abrir negocio propio na rúa Elduayen, sen deixaren de colaborar co seu cuñado no gran escaparate que sen dúbida significaba a devandita revista nuns momentos nos que Vigo experimenta unha eclosión social e económica sen precedentes e que uns e outros acaban inmortalizando en milleiros de imaxes hoxe icónicas da evolución da cidade, tales coma a chegada do tranvía, a modernización do porto, as industrias conserveiras, etc..

Así chegan os “felices” anos vinte e mentres Constantino exerce de reporteiro, Enrique, leva a cabo o traballo de estudo, compaxinándose perfectamente malia ós grandes competidores que tiñan, coma Kasado, Pacheco ou o propio Gil.

Entón irrompe a Guerra Civil e cada quen adáptase a ela segundo mellor entende, de forma que, se ben Constantino decide manterse no anonimato político, en Enrique espértase un dinamismo que o leva a enrolarse na Falanxe, o cal non obsta para que o continúe o seu funcionamento dual.

Falecido José Gil en 1937 e posteriormente, a finais dos anos 50, Enrique, Constantino mantivo a custodia dos arquivos e o seu traballo ata mediados dos anos 60, cando morre, tan afastado e só que “chegou a pasar varios días morto sen que ninguén se enterara”.

As desgracias familiares, a usurpación dos seus arquivos e un panteón de Fco. Asorei en Pereiró

Marca de José Gil en Ourense
Marca de José Gil en Ourense | La Región

Como ten acontecido en tantas ocasións, as vidas de persoeiros tan singulares como foron os compoñentes desta senlleira saga familiar conviviron de forma permanente co saboroso sabor do éxito e do recoñecemento social, co acedo sabor da traxedia.

No caso concreto do faro-guía do clan -é dicir, no tocante a José Gil- a traxedia cebouse nel con especial ensañamento.

As desgracias comezaron co suicidio acontecido na súa casa de Ourense, dun fillo duns amigos da familia -fotógrafos tamén-que convivía con eles e que, dalgún xeito foi o que provocou a súa marcha para Vigo, onde o matrimonio Gil Sarabia comezou a gozar do mel do éxito profesional e ó mesmo tempo compaxinalo coa fatalidade familiar, primeiro coa morte fulminante dun fillo ós poucos días de nacer e, andando os anos, co falecemento consecutivo das súas tres fillas, adolescentes, Maruja (1917), Rosita (1922) e Pepita (1924), de tuberculose as tres, que o acaban afundindo nun proceso de depresión que o levan a abandonar practicamente a actividade profesional ata que en 1937 falece na casa dos seus cuñados Constantino e Enrique.

Durante ese proceso, José Gil encárgalle ó famoso escultor cambadés Francisco Asorey un simbólico panteón familiar no cemiteiro de Pereiró, dedicado especialmente ás fillas, pero que acabaría convertido no panteón familiar dos Gil Sarabia e onde están tamén soterrados a súa muller, Trinidad, e os irmáns desta, José, Constantino e Enrique.

Panteón no cemiterio vigués de Pereiró.
Panteón no cemiterio vigués de Pereiró. | La Región

Á morte de José Gil, o seu arquivo, non só fotográfico senón tamén cinematográfico (non en van, Gil foi un dos pioneiros do cine mudo en Galicia), pasou a mans de Enrique e Constantino e, cando este último faleceu -como xa foi dito, abandonado e só- segundo teñen denunciado Sendón e Suárez Canal por voz dos herdeiros dalgún amigo seu, “no momento no que Constantino foi atopado morto houbo alguén que levou do estudo de Elduayen 30 gran parte dos seus negativos”.

Deste material, xunto co do propio Gil, disque non se volveu saber “porque tras a morte dos seus autores as súas pertenzas quedaron ó alcance de calquera e pasaron a mans alleas que tiveron a ruindade”, non só de apropiarse delas, senón -o que é moito máis grave- da súa autoría formal.

Contenido patrocinado

stats