Tía Manuela

Publicado: 07 oct 2026 - 00:45
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Estaba colocado ou colgado dunha nube, ao lado mesmo da sarabiada que empezaba a caer e que non parecía máis pequena que as que caeran anteriormente, na semana pasada e nas de días atrás. O home non sabe o que quere facer, está desgustado polos aconteceres e polos dicires dos seus ou dos que eran seus, segundo as circunstancias. Aínda que mora en casa grande e ten centos de asalariados pagados polo erario público, está máis só que a ovella descarreirada.

Uns din que perdeu o norte e outros atribúen o sucedido aos afáns que ten ese home de agarrar a gloria coas súas mans longas, coas súas amizades afeitas ao éxito e á arrogancia supina. Elas, as amizades seguen o seu camiño, colocadas diante da maquinaria que move as expectativas. Seguen á espera, esperando outra mellorada.

Cómpre estudar os tempos, dicía un mercachifle, un deses truchimáns que non para de falar e que anda no medio dun elenco importante de asesores. Se puidera, trataría de mandar, dirixindo os fíos do poder todo e imprimiría, para cada unha das esquinas, unha pancarta cun texto en defensa acalorada da democracia. Moito lle gustaría ser e non ser, ao mesmo tempo, nas mesmas circunstancias e coa continuidade garantida, mentres os outros, se teñen que agardar, que agarden, que xunten as súas vontades e que se remiren nelas.

El sabe, ou pensa, que o mal todo, o mal que o rodea e que rodea aos achegados, é por culpa do mestre armeiro, é cousa dos outros, dos que están do lado contrario, sexan moitos ou sexan poucos. Todos son innecesarios e inútiles, segundo o seu dicir de egrexio aspirante a capitán de capitáns. Ao retransmitir o seu falar, correcto ou incorrecto, polas distintas televisións, radios e outros medios, puxo en evidencia a súa capacidade de resistencia para dobregarse e erguerse novamente, para defender a verdade, se é necesario, contando mentiras.

A realidade é teimuda e o home que se enfronta a ela ou que avanza con ela, con capacidade de análise e de crítica, merece o respecto dos escribidores e lectores deste xornal e de calquera outro, dos que buscan a liberdade para exercela e para que o pobo tamén sexa libre. Cando menos , como en versos da “Letanía de Galicia” de Novoneyra, “libre pra non ser” ou “libre pra fuxir”.

Contenido patrocinado

stats