Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada: Ourense busca cocineros, el Real Madrid presidente
O tema dos torques de Ansorena que se poxan a semana que vén e as dúbidas da Administración sobre a súa procedencia, lévame a unha reflexión. Como un tesouro é algo oculto que aparece, a súa orixe adoita ser difusa, mesmo porque a propiedade non está sempre clara. Do propietario da finca? Da persoa que o topou? Do encargado da obra de remoción? Do Estado? Por iso, só os que aparecen en escavacións arqueolóxicas -case ningún- teñen “trazabilidade exacta”. Incluso se di que apareceu noutro sitio para que ninguén vaia remexer no lugar certo. En paralelo, voulles dar un argumento dunha novela por se alguén se anima. Os parecidos que poida ter coa realidade non deixarán de ser, claro, meras coincidencias.
Corría o ano do noso señor de 1939. A guerra acababa. O, chamésmolle, Antonio o Gaiteiro, desacougado e emprendedor, compra un terreo para ampliar as viñas. O viño, o sangue novo para revivir a terra. Ao terreo chámanlle O Castro de Beade. A zona é plana. Moita pedra cortada, ciscada, amoreada en vellos muros e murallas. Fácil facer con ela os bancais precisos. Alí mesmo. E póñense á obra. Desde a cima, cavan, carrexan, asentan. E de alí a uns días, cando desmontan a parte interior da última muralla, nunha zona que chaman “o valadouro”, topan uns muros soterrados moi anchos, algunha columna deitada por fóra e un grande pote liso de cerámica escura no interior. Dentro, varias peza de ouro, pulseiras, colares. Sácanos. Un, dous, tres, catro, cinco colares, cinco torques... Unha, dúas, tres pulseiras... Outras pezas sen forma, unhas pellas como as de xogar á chave. Sorpresa máxima. Eles só querían preparar o terreo para as viñas.
Agradecemento e silencio. Sen papeis. Hai cousas que é mellor levar pola calada. Moito máis non se pide.
O medo -aínda hai medo- vívese. Sábese que as autoridades requisan ouro para encher de novo as cámaras do Banco de España. Sábese que a xente que anda naquelas cousas, con pistolas e mortes encima, non ten límite. O home, que xa tivera problemas abondos, deixa ao seu fillo mozo Eladio encargado, a pé de obra, de que nada se mova e vai chamar ao secretario do Concello. Vén canda el. Manda traer un carro. Apañan pedra e columnas e mete nunha saqueta o tesouro. Fan o seu trato arredados do fillo e dos outros que traballan canda eles. O home hase encargar de todo. De que o ouro chegue onde ten que chegar. Inda lle entrega ó Antonio 1.000 pesetas de propina ao día seguinte no Concello. Agradecemento e silencio. Sen papeis. Hai cousas que é mellor levar pola calada. Moito máis non se pide.
Antonio e Eladio plantan treixadura, torrontés e godello ao pé do bancal feito cos restos do muro do tesouro. Pero... pasan os anos. E por volta de 1960, o que lle recollera o tesouro, ventando a morte, véndeo. Non fora entregado ás autoridades. Atesourara o tesouro. Evitara a fundición. Quedara con el. Sempre en silencio. E outra vez cambia de mans sen papeis. Si. Así vai á familia, coma “de sempre”, porque o sempre é elástico. E un pode, sen malicia, lembralo “de sempre na casa”. A memoria é persoal, non traspasa xeracións, só a historia ou o mito. E os novos donos axiña van movendo. Dous acaban subastados en Londres e entran no British Museum en 1960. Torques de Ourense, preto de Portugal. Claro. Así é como se lle explica a un inglés onde queda Ourense. O Ribeiro, a 25 km de Portugal. Se cadra outro acaba no Ashmolean de Oxford en 1975. Van tres e eran cinco.
Nunca a memoria desapareceu de todo da familia do Antonio e do Eladio. Embazouse, si, co paso do tempo. Un día, o vello levou ao neto, xa grandeiro, ao sitio exacto do achado do castro. “Eiquí”, dixo, dubidando se o neto o crería. E seguíronse esvaecendo as liñas dos segredos. O neto, tamén Eladio, viticultor e poeta, despois de voltas e reviravoltas da vida, recuperou as viñas e fixo daquelas cepas do avó un branco extraordinario. Chámase, desde o comezo da adega Arco da Vella, en 2004, “Torques do Castro”. Viño excelente cuxo nome evoca a lembranza familiar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xaime Calviño
LA PREGUNTA DEL DÍA
En Portada: Ourense busca cocineros, el Real Madrid presidente
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
La plaza de la biblioteca, un urbanismo de posibilidad
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Florentino sobre patines
Juan José Feijóo
Yolanda, yo sigo
Lo último