Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Hay responsabilidades... y responsabilidades
Unha das peores pragas sociais que pode coñecer a humanidade é a dos neo conversos, esas xentes que se afanan en demostrar a total asunción dunha fe recén profesada cunha afouteza que a algúns, desgraciadamente, mesmo lles resulta admirable.
Tal caterva de cidadáns inclúe na súa nómina dende os profesores que nunca dan o programa completo, porque non o dominan na súa integridade, ata os que pouco menos que acaban de descubrir que "falan en prosa" e que, coma o personaxe de Moliere, coma o burgués xentilhome, se atopan tan a gusto no seu papel que xa non o abandonan de por vida. Ser xentilhome da gustiño e proporciona pracer e a ignorancia conduce en demasiadas oportunidades a agachar a propia debilidade disfrazándoa de despotismo... aínda á final non resulte ser precisamente o ilustrado. A estes a súa carencia lévaos, dun xeito irremediable, a se deter no que sí coñecen e cren dominar, sen pasar de aí, esixíndolles ós seus alumnos a memorización completa dos textos dos que a súa materia trate. A aqueles a súa morosa deleitación condúceos a unha especie de nube dende a que contemplan ó alumnado coma se foran especies inferiores sen a penas capacidades de redención. Uns e outros son os menos de entre o profesorado pero cando actúan fan moito, moito dano.
Vivimos nunha sociedade que o certo é que mellorou moito, mesmo se diría que moitísimo, tanto como para pasar de denigrar ó estudio e ós estudosos (este neno non sabe máis que estudar; o estudio é un rollo; acabáronse as vacacións e hai que volver á escola... por poñer algúns exemplos dunha actitude colectiva) ata facelo con algunhas das disciplinas que o compoñen: as matemáticas son un coñazo, por exemplo e de xeito que, chegado o remate do curso, o manual de texto da referida materia era (ou aínda é) alimento dunha fogueira acesa pra celebrar a efeméride de xeito que, a miudo, a sociedade é tan responsable como a propia crase dirixente.
Ó longo de demasiados anos dunha banda e doutra do espectro colectivo, é dicir, dende os dirixentes empeñados en non aplicar as leis ou dende os empoleirados nas altas instancias de institucións públicas emanadas do noso Parlamento de Galicia, é dicir, por omisión uns, por comisión outros, pero doorosamente nos dous casos, reproduciuse co galego o expresado no parágrafo de enriba. Ou era un coñazo e TVG tiña que emitir o 50% da súa programación en castelán porque a unha amiga do seu director xeral escoitar aquelo de "Sue Helen, ti es un pendón" soáballe choqueiro... sen caer na conta de que a señora seguro que falaba en prosa; ou sexa, ou un ridículo coñazo, ou a Lei de Normalización Lingüística era incumplida co beneplácito de todas as institucións responsables do seu cumprimento.
Foron momentos decisivos. Contabamos (aínda contamos) cos máis e mellores instrumentos pra proceder á contención e recuperación da nosa fala dos que nunca chegaramos a soñar: lexislativos, administrativos, de comunicación pública, instrumentos de toda índole que desaproveitamos e nin sequera a sociedade foi quen de soster un xornal coma o que dirixiu Caetano Díaz.
A esa realidade hai que sumarlle a aparición dos neofalantes transmutados en profesores de galego empeñados en esixirlles ós alumnos a conxugación do infinitivo (é un exemplo) en vez de seducilos coa lectura e o amor á lingua dos devanceiros ou a dos profesores seducidos pola súa nova condición de xentilhomes; aqueles levaron a que o libro de galego ocupase o lugar do de matemáticas na pira de final de curso e estes a creación dunha elite, dunha casta ou dunha costra, o que prefira cada lector, que o que ocupou foi un lugar do que non han saír nin a cantazos.
Agora seica un corenta e seis por cento dos rapaces novos están perdidos pró uso do galego, segundo a enquisa pertinente. Non crea ninguén que me agrada o máis mínimo o que vou dicir pois pode soar a un xa o dicía eu, ou a un víase vir, que non están na miña intención malia que deba confesar que un algo sí que o están, por moito que os responsables sexamos todos. Seino ben, eu estaba na comisión de cultura do Parlamento cando o director xeral da TVG (PP) propuxo emitir o 50% en castelán... e fun eu quen o evitou e tropecei por primeira vez co PSOE de Antolín. Ou cando evitei no Parlamento a proposta do BNG consistente en admitir calquera normativa ortográfica do galego nos exames de acceso á universidade e logo veu Beiras depositar unha moeda de cen pesetas no meu escano en pago pola miña traizón. Eu estaba alí. E seguino estando cando isto que estou a dicir é a repetición do que xa daquela e aínda antes viña dicindo ou avisaba. Seica había que dar a resposta optimista. Quero recordalo por se agora ven alguén e opina que me podo sentir contento coa perda dese corenta e seis por cento de rapaces e por recordar que se o respecto, a defensa e o amor á lingua, consiste no seu uso, por favor, que me sexa indicado cantos dos meus coetáneos igualan en páxinas o número delas que eu levo escritas e cantas das miñas obras foron traducidas a outras linguas e cantas máis recoñecidas e premiadas. O movemento, meus amigos, demostrase andando. O meu trouxome ata eiquí, ata esta soidade na que tan ben me atopo e que, cando miro atrás, me permite respirar fondo. Cumprín, e cumpro, coa miña lingua e coa miña terra, coa miña cultura en suma. Non sei se tanto cos partidos e cos políticos que din representala. Ós piñeiristas chamábannos culturalistas. Como diría Churchill, se non é pola nosa cultura, que ven sendo aquelo polo que loitamos?
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Hay responsabilidades... y responsabilidades
Berto Manso
LA OPINIÓN
En la historia no se habla de los cobardes
TAL DÍA COMO HOY
Francis Ford Coppola
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Nuevo ultimátum
Lo último
NUNCA ANTES TAN LEJOS DE LA TIERRA
La misión Artemis II alcanza la cara oculta de la Luna y marca un récord histórico de distancia
VISITA A LA COLECTIVIDAD
Nicolás González Casares, desde el Parlamento Europeo a Buenos Aires
PRESUNTA ORGANIZACIÓN CRIMINAL
Ábalos, Koldo y Aldama se sientan en el banquillo del Supremo por la trama de contratos de mascarillas