Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Judíos en Galicia
Hai varia formas de roubar. Unha delas é poñéndolle a un, unha navalla ao pescozo ou unha pistola ás costas; chámanlle “atraco”. Outra é entrar nunha propiedade allea, coche, domicilio ou tenda e levarlles xoias, cartos ou o propio coche; é o “roubo” puro. E despois hai outra máis fina e sutil que é o timo. E é variada: aproveitarse da inxenuidade, a boa fe, ou da cobiza. Desde supostos amoríos de famosos que devecen por señoriñas do país, ao preciso auxilio a un coñecido ou parente que non é tal, ata os que outrora típicos, “estampita” ou “tocomocho”. Agora, as cousas complicáronse con iso das redes; aí non imos entrar. Pero si o faremos noutro tipo de timo, moi organizado e que se basea na inxenuidade ou mala fe do responsable político-administrativo que decide promocións “en beneficio do cidadán”, “lóxicas” ou “científicas”. E inclúo inxenuidade, o “empreñar polas orellas”, polo que alguén pode chegar a asumir unha decisión disparatada -como para vir a Ourense desde Seixalbo en tren, furar Montealegre, facer unha ponte sobre o Loña, furar Velle e sobrevoar as piscinas de Oira- sen que medie untura especial. Como “empreñou” aquela ministra que fungaba coas dietas dos técnicos porque lle parecían moito 35 euros por comida diaria... e coábanlle trazados de vías, milmillonarios por lugares insensatos, como o AVE a Vigo por Cerdedo. Pero o normal, é o vello cazo, de sempre, co que xentes nada dubidosas, aproveitan o de movérense entre as beiras das empresas e a cerna do poder para influír na promoción da compra disto ou distoutro, sempre cheos de argumentos para a mellora da calidade de vida do cidadán. E o peor destes timos é que algúns nos afectan a todos, como das balizas.
Eu estou pouco aberto ás imposicións para resolver problemas inventados. Como a imprescindible conexión dos ascensores coa liña telefónica, ou das balizas famosas. Pero neste último caso, con Correos, colleu un aire legal. Cóntolles.
Xa me chega co móbil, co ordenador do coche, non quero estar aínda máis xeolocalizado
O día 25 de setembro de 2023 fun a Correos aceptei -debía ir eu coas defensas baixas- a suxestión de comprar unha baliza V16 porque me informaban que desde o 1 de xullo de 2021 substituíra os triángulos. E dicíanme por escrito que “a través de Correos se podrá recuperar el importe de la compra (...) cuando las futuras balizas geolocalizables estén disponibles”. Soltei 30 euros e levei o aparelliño. E cando empezou a matraca das últimas semanas co das das “xeolocalizables”, mirei na gaveta do coche, collín a vella V16, a factura e tratei de facer a cousa pola rede. A páxina, obviamente, non funcionaba. Así que fun a Correos. E houbera de rir. Non tiñan. Ademais, eu debería terme apuntado nunha lista en 2023 -ninguén me dixera tal-. Despois comentáronme que o prazo da bonificación rematara en novembro; sen avisar. Por último, díxome amable e inocente funcionario, que de existir a posibilidade de compra, as que incluía a promoción, valían 70 euros!, polo que menos os 20 que me abonaban custaría 50. Eu coa boca aberta, indiqueille que as tiñas visto por aí a trinta e pouco. E, a verdade, rimos. Eu pregunteille se cría que fora todo idea de Koldo, Aldama, Ábalos ou Cerdá. Confesoume que non tiña información. Rimos. Ou sexa, que o timo tivo tres ou catro fases: 1) Indicar, en sede oficial, aos cidadáns da súa necesidade. 2) vender un obxecto coa caducidade que eles sabían, e utilizalo como vía para adquirir outro a prezo concertado cun incremento superior á rebaixa que, de ter sorte, moita sorte, podería o cidadán conseguir por ter caído nas súa redes. 3) impor decretos para forzar a súa adquisición.
Xa me chega co móbil, co ordenador do coche, non quero estar aínda máis xeolocalizado. E as tales balizas, non valen para país de curvas e cambios de rasantes. Mellor, os triángulos. Que eu decida. E se teño que baixar do coche, xa mirarei eu. Señores da UCO, non lles parece raro raro todo isto? A ver que apelido sacamos. Apostas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Judíos en Galicia
Sergio Otamendi
CRÓNICA INTERNACIONAL
Trump interviene en África
Chito Rivas
PINGAS DE ORBALLO
O Nadal é...
Afonso Vázquez-Monxardín
V-16, un timo legal
Lo último
CONCIERTO DE NAVIDAD
La propuesta navideña de la Banda de A Lira agota entradas
UN VASCO EN GALICIA
Tomiño, el hogar habitual del Premio Nacional de Artesanía