Victorino Gutiérrez Aller, notario galeguizador

Publicado: 24 mar 2025 - 00:55

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Coñecín a don Victorino Gutiérrez Aller, exnotario de Lalín, hai ben anos. Quizais foi a finais dos anos oitenta cando contactei con el mantendo unha longa amizade baseada no compromiso e lealdade co país. Daquela, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, á que el pertencía, decidira ampliar os espazos da galeguización nos usos xurídicos. Para sensibilizar a mobilizar a xuíces e persoal das notarias organizáronse xornadas de formación. Reforzarase aquel traballo intenso coa creación do Seminario de Liguaxe Xurídica e Administrativa, con sede no Instituto da Lingua Galega, coas importantes achegas económicas que fixeran trinta e cinco concellos (entre os que estaban Vigo, Ourense, Santiago…) a razón de 5 pesetas/habitante.

Levados polo entusiasmo convocamos a un grupo numeroso de prestixiosos xuristas, onde foi deseñada a estratexia a seguir para normalizar o uso da lingua galega nos procedementos procesuais e notariais.

Por aqueles anos don Victorino publicou o Formulario Notarial, un manual con toda clase de protocolos de habitual tramitación. O libro levaba incorporado un disquete informático. Foi así como desactivamos a argallada de moitos notarios para non implicarse na galeguización dos actos xurídicos documentados. Victorino predicou co exemplo e converteuse no epicentro da galeguización dos protocolos notariais; de vez redactou máis de doce mil titulos de propiedade da concentración parcelaria na comarca do Deza en lingua galega.

Por aqueles anos don Victorino publicou o Formulario Notarial, un manual con toda clase de protocolos de habitual tramitación.

Convertera o seu despacho profesional nunha aula de galeguización pola que pasaron moitos centos de persoas. De oficio escribía no noso idioma testamentos, actas notariais, constitución de sociedades mercantís e outros variados documentos. Despois da preceptiva lectura dos instrumentos xurídicos perante os interesados, sempre había alguén sorprendido e desconfiado da súa validez que, iso si, con moito respeto preguntáballe: Don Victorino isto está en galego, e valerá?. Cun sorriso engaiolador, porque o notario de Lalín era un home afable e seductor, dicíalles que si. Ah!, sendo así, non se fale máis, sentenzaban os interesados.

Victorino foi sempre un bo conselleiro para os que acudían á notaria para formalizar un testamento. Suxeríalles a todos que incorporasen unha manda referida á lingua galega que obrigase aos beneficiarios do legado que mantesen enceso o amor pola lingua e a cultura galega que el recibira dos seus devanceiros, para que a defendesen e llela retransmitisen a súa vez aos fillos.

Os protocolos notariais de Victorino son pezas de excelsa literatura xurídica, escritas nunha prosa de esmerado estilo; da mesma calidade que utilizou na escrita das súas obras literarias. Sempre fuxía da vulgaridade, propia de notarios que redactaban con desleixo documentos de tanscendental importancia para os interesados e comunidade familiar. Dese bo facer queda un relato seu publicado no libro “Contos da Xustiza” editado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa finalidade de animar aquel proceso galeguizador que aínda hoxe debemos seguir promovendo.

O próximo día 5 de abril, ás 13:30 horas, a Irmandade Xurídica Galega, en cuxa constitución puxo Victorino gran empeño, descubrirá unha placa conmemorativa louvando a súa memoria, no edificio núm 8 da Rúa Principal da Vila coa colaboración do Concello.

En xuño, coincidindo coa celebración da asemblea anual da Irmandade Xurídica Galega, está prevista a inauguración dun busto de bronce que será ubicado nas inmediacións da Facultade de Dereito de Santiago a carón do de Fermín Penzol, Rexistrador da Propiedade, para que os futuros xuristas teñan constancia, alomenos, de dúas figuras senlleiras do galeguismo xurídico.

O próximo día 5 de abril, ás 13:30 horas, a Irmandade Xurídica Galega, en cuxa constitución puxo Victorino gran empeño, descubrirá unha placa conmemorativa louvando a súa memoria, no edificio núm 8 da Rúa Principal da Vila coa colaboración do Concello.

Galicia, un pais no que unha porcentaxe moi significativa da poboación é propietaria dalgún ben, cómpre que o asociemos á lingua galega, formalizando a titularidade rexistral no noso idioma nos instrumentos xurídicos notariais.

Contenido patrocinado

stats